Fíxose de rogar, pero aquí está o calendario da Segunda Futgal para a temporada 2024/2025.
Na nosa provincia contamos con trinta e dous conxuntos divididos en dous grupos, norte e sur, compostos cada un por dezaseis equipos. No grupo norte competirán Celta Barreiros, Guitiriz, Riotorto, Sporting Pontenova, Casás, Piringalla, Cospeito, Muimenta, Mondoñedo, Candelaria, Xermade, San Ciprián, Folgueiro, Alfoz, Cabreiros e Iberia. No grupo sur xogará o Lemos B, Becerreá, Páramo, Palas, Quiroga, Rubián, Friol, Chantada B, San Roque, Incio, Ferreira, Brollón, Antas, Portomarín, Paradela e Santa Comba.
É certo que foi un verán complexo. A Milagrosa finalmente competirá en Primeira Futgal, a Comercial renunciou á súa praza en Segunda e será o Mondoñedo, descendido en xuño por arrastre, quen ocupe o seu lugar . . . moito affaire extradeportivo que rematou, deixando a uns clubs máis ledos que outros, para que rode o balón.
E este botará a andar o día 15 de setembro cos seguintes encontros:


GRUPO NORTE
- Celta Barreiros – Riotorto
- Alfoz – Casás
- San Ciprián – Cospeito
- Candelaria – Mondoñedo
- Muimenta – Xermade
- Piringalla – Folgueiro
- Sp. Pontenova – Cabreiros
- Iberia – Guitiriz
GRUPO SUR
- Lemos B – Páramo
- Portomarín – Quiroga
- Brollón – Friol
- Incio – San Roque
- Chantada B – Ferreira
- Rubián – Antas
- Palas – Paradela
- Santa Comba – Becerreá
Cabe destacar no grupo norte o enfrontamento entre dous dos favoritos ao ascenso. Iberia e Guitiriz mediranse nas Valgas nunha boa pedra de toque para ámbolos dous conxuntos. Os debutantes Casás e Piringalla enfrontaranse ao Alfoz no Municipal e ao Folgueiro na casa, respectivamente.

No grupo sur dous dos aspirantes ao ascenso o último ano, Brollón e Friol veranse as caras na primeira xornada.
Os derbis, ou encontros de rivalidade, sempre son os máis buscados cando sae o calendario. O ‘derbi das praias‘ que enfronta a Celta Barreiros e Iberia terá lugar na última xornada da primeira volta no Cascabeiro o día 22 de decembro e o 11 de maio, día de remate da competición, nas Valgas.
Paradela e Portomarín, outro encontro de proximidade, veranse as caras na sexta xornada no Gandarón o día 20 de outubro, mentres que o Chao da Poza recibirá ao Paradela o día 16 de febreiro na vixésimoprimeira xornada.
Neste temporada sufrirá modificacións o sistema de competición. Ascenderá á Primeira Futgal o primeiro clasificado de cada grupo e xogarán a promoción só os segundos clasificados que se enfrontarán aos segundos dos grupos de Ferrol, Coruña, Santiago ou Costa da Morte. Será un play off con doce equipos dos que só dous serán lucenses, co evidente risco de perda de representación para a nosa provincia na Primeira Futgal.
Podes consultar aquí os calendarios íntegros de cada grupo.
