Dúas derrotas pola mínima apartan ao Atlético Escairón do soño de poder xogar a Copa do Rei. Para iso tiña proclamarse campión da Supercopa Galega, pero o conxunto do Saviñao non foi quen de dobregar nas semifinais a un Cultural Areas que amosou un mellor ton físico que os de Óscar Moure.
a ida no municipal
No encontro de ida o cadro pontevedrés foi máis protagonista con balón e o Escairón buscou saír con perigo á contra. Logrouno en varias fases do encontro, sobre todo na primeira metade, na que logrou xerar varias situacións de perigo. O Cultural Areas contou cunha clara ocasión que sacou Miguel baixo paos.
A segunda metade seguiu unha tónica semellante á primeira, pero co paso dos minutos o Escairón deu un baixón físico que o aproveitou o conxunto de Yago Yao. Malia todo, as ocasións non chegaban e o encontro parecía abocado ao empate sen goles. Pero no desconto un dubidoso penalti a favor do Cultural Areas transformouno Víctor para poñer aos seus en vantaxe na eliminatoria
o encontro de volta
Non dubidou o Escairón e ir a polo rival para igualar canto antes a eliminatoria no campo do Cultural Areas. Os de Óscar Moure levaron a iniciativa na primeira media hora de xogo e contaron con dúas boas ocasións, a máis clara nas botas de Adrián. O cadro local non era quen de chegar con perigo á portería de Parapar e a eliminatoria parecía que podía igualarse en calquer intre.


O paso por vestiarios fixo que o cadro local saira mellor e, aínda que seguían sen inquedar a área do Escairón, deron un paso adiante que completaron nos últimos vinte minutos, cando os do Saviñao acusaron o cansanzo. A falta de quince minutos para o final, o lateral Bugarín anotou o único tanto do encontro e sentenciou a eliminatoria.
O Cultural Areas medirase na final a un San Tirso que eliminou ao Verín. O vencedor da Supercopa, que se decidirá a doble partido, disputará a fase previa da Copa do Rei.
