A semana comeza co mercado en movemento, con protagonismo da Terceira RFEF. A Sarriana incorpora ao defensor arxentino Froilán Contreras. Deste xeito, coincidirá na Ribela con tres compatriotas: Levrand, Susavila e Mosqueira, ademais de David Mellado, que renova logo da súa chegada na metade da campaña pasada. Ademais, de acordo con La Voz de Galicia, o Viveiro asina a Solomon Teiko, que chega desde o Benavente. Pola súa banda, o natural de Viveiro, Aldán, xogará no Noia logo do seu paso polo Sigüeiro, filial da SD Compostela.
Mercado moi activo na primeira e na segunda galicia
O filial do Racing Villalbés perde a Hugo Blanco, que xogará co As Pontes, de onde é natural. Tamén deixan o equipo Chris e Alfredo. O Xove Lago, á súa vez, anunciou aos primeiros xogadores do novo proxecto mariñán: o gardamallas Iker Peña e Xenxo, con pasado na base do club. Tamén chegan Carlos Timiraos e Bruno Graña desde o Viveiro xuvenil, e continúan Mendaña e Jairo.
Preto de Xove, o Alfoz anunciou a renovación do extremo focense José María, mentres que o Folgueiro renova aos porteiros Javi e Joni, e aos xogadores de campo Iago, Martínez, Álvaro, Isma, Sergi e Docal. Este último xogou a II edición do All Star Futbolinlugo. Iván Labrada, xogador moi importante no Guitiriz na Primeira, continúa no cadro guitiricense.
Na zona sur tamén hai mercado: o Páramo renova ao seu segundo capitán, Bolo, e ao ariete Juan, máximo goleador do equipo o curso pasado e xogador All Star. O Lemos ‘B’ ficha a Roberto Esteves. Óscar Pampín será o adestrador doutro filial, o do Monterroso. O preparador fixo tándem con Fernandito á fronte do Portomarín. Ambos coincidirán de novo en Cerdeiriños. Por último, Quiroga deixa atrás a súa etapa no San Roque feminino. Ademais, tamén abandona a base dos de Montirón.


