No capítulo 431 dos movementos da provincia xa estamos ás portas do inicio da pretemporada. En breve comezarán o traballo os conxuntos da 3ª RFEF. Tamén se achega a estrea de Lucía Pardo coa Real Sociedade. O equipo txuri-urdin empeza este xoves coas probas físicas e o luns xa adestrará en campo.
Na Terceira Federación salientamos a undécima renovación na Sarriana. Tomás Susavila continúa no club da Ribela e completa o trío de arxentinos que por segunda ano consecutivo se asentan en Sarria. O porteiro Valentín Mosqueira e o defensa Maxi Levrand xa anunciaran a súa continuidade. O adestrador Jaime Paz conta con dezaseis futbolistas do primeiro equipo.
No 431, tres fichaxes no Pol
Na Preferente, temos novidades de cara o novo proxecto do Pol. O corpo técnico encabezado por Roberto Fernández conta, se nada se torce, con tres caras novas e todas de medio campo para diante: Mauro Busi, Iago Buján e David López Bermúdez. O dianteiro All Star 2023 Mauro chega procedente do Club Lemos a onde regresou no pasado mercado de inverno tras probar a experiencia de xogar na 3ª RFEF no Viveiro.

O extremo Iago Buján recala en Pol, logo de militar na categoría no Castro. Nesta mesma división xa xogara coa Resi, despois de formar parte da SD Chantada en 1ª e completar a súa etapa de formación no Racing Villalbés. O lucense David López asina tras finalizar a temporada no As Pontes. Comezara no proxecto da Sarriana en 3ª, pero ante a falta de minutos marchara xogar no Poboado. Anteriormente estivo en Preferente no Galicia de Mugardos e no Betanzos e chegara a debutar en Terceira co Racing Villalbés, equipo onde rematara a súa etapa de xuvenís.


Ademais, o Pol mantén o próximo curso ao lateral Adrián Rivas, o central vilalbés Julio Camba e os centrocampistas Hamza e Samu Quintela que renova, tras fichar no Pol aos poucos días de deixar o Viveiro; algo que nin el mesmo pensaba.
Pola súa parte, o Escairón continúa dándolle forma o proxecto no curso do regreso á categoría. Ficha a Dani Lamelas procedente do Atlético Arnoia. O centrocampista de 31 anos conta con experiencia na Preferente e tamén minutos en 3ª RFEF, división á que ascendeu co conxunto da comarca do Ribeiro. Tamén pasou por outro clubs ourensáns como o Atlético Vilariño, o Bande, o Melias ou o Ribeiro FC.
O cadro dirixido por Óscar Moure estase movendo no mercado ourensán. Logo da renovación do dianteiro Miguel Vilachá, ficharon tamén a Pana e a Yago Sanginés. O conxunto do Saviñao conta con trece futbolistas anunciados: o porteiro Iván Parapar, Tagüi, Nico Ferreiro, Pana, Rodri Nahuel Carballo, Dani Delgado, Rubén Díaz, Denis López, Dani Lamelas, Maki, Yago Sanginés, Julio Méndez e Miguel Vilachá.

No 431, Dieguito regresa ao Taboada e Manu e VV ao Monterroso
Na Primeira Galicia facemos parada no norte. O Burela incopora ao defensa Dani Sante. O futbolista formouse na base do club e pasou por equipos como o Sanci, Foz ou o Oza Juvenil onde militou as últimas campañas na Segunda Galicia da Coruña.
De Burela baixamos ata Taboada e Monterroso onde se producen tres regresos. Na Medela volverá xogar o mediocentro Diego López Vázquez ‘Dieguito’. O futbolista taboadense da Torre de 24 anos retorna ao club da súa vila tras formar parte do Castro en Preferente. Previamente fora un dos convocados no III All Star Futbolinlugo organizado en Mondoñedo.
En Cerdeiriños volverán vestir a camisola local Manu García Varela e Álex Varela ‘VV’. Ambos proceden da SD Antas, pero criáronse tamén na base do club dos ‘go reds’. Os dous xogaron a pasada campaña na 2ª Galicia, aínda que Manu vén de rematar a súa etapa xuvenil.
O Iberia ten pechado o equipo

Na Segunda Galicia, o Iberia, agás novidade, dá por completado o seu cadro de xogadores de cara a próxima campaña. Anunciou a chegada de Brais Varas. O lateral esquerdo de Vilaframil formouse na base do CD Lugo e da SD Ribadeo e xogou no Sporting Pontenova en idade xuvenil. Tras un parón dun ano, volve ao fútbol da man do adestrador Moro co que coincidiu en Ribadeo e na Mina.
Tamén se mantén Jony Vicente a quen as súas circunstancias lle impiden estar dispoñible en varios partidos ao longo do curso. Con todo, estará na dinámica do grupo. En total, son 23 os futbolistas anunciados do primeiro equipo. A maiores o cadro de San Miguel de Reinante apoiarase novamente nos xuvenís.
Baixando cara a Terra Chá temos un movemento entre clubs veciños. O pontés Jose Adega pon fin a unha etapa de tres anos no Cabreiros e ficha no Xermade. O mediocentro de 23 anos atópase en proceso de recuperación dunha lesión. É a cuarta fichaxe do equipo do Municipal.

Na zona sur, o Páramo anunciou a fichaxe de Álex, xogador nativo no concello que vén de finalizar a súa etapa de formación na Residencia. Ademais, o club das Rapadas tamén comunicou a renovación de Jose Chaos ‘Pepe’ e dos mediocentros Julio e Platas. Ambos chegaron ao club procedentes do San Lázaro, Julio xa o verán pasado e Platas no mercado invernal.
Pola súa parte, o Incio segue comunicando renovacións. Tras un parón por lesión, Gayoso volverá reforzar o cadro amarelo. Polo momento, xa está asegurada a continuidade de dez xogadores que serán adestrados por Ruboi.
O Brollón fixo pública a permanencia no equipo de Samu. O mediocentro monfortino de 35 anos cumprirá a sétima tempada no club dos Medos, tras chegar procedente do Rubián.
Na Terceira Galicia, o Catro Roldas informou da incorporación de Danny Yáñez. O extremo vilalbés procede do Cospeito xuvenil.