#Fútbol afeccionado

Diario dun mercado. Episodio 425

Seguimos achegando as últimas novas no mercado do fútbol lucense. Comezamos este Diario falando de Iago Díaz. O extremo lucense non deixa o sur de España e cambia Huelva por Jerez. Militará no Xerez CD, un club histórico que trata de volver medrar en categorías logo de pasar unha década nas divisións máis baixas. O cadro andaluz chegou a militar en Primeira División cando Iago Díaz se facía un oco nos xuvenís do CD Lugo. Xogará na mesma categoría que o Xerez Deportivo FC, conxunto que naceu na mesma cidade en 2013.

Continuamos na Terceira RFEF coa fichaxe de David García polo Racing Vilalbés. O centrocampista volve ao club chairego logo de militar nel na temporada 2016/2017 ás ordes de Óscar Gilsanz. Dende aquela pasou polo Laracha, As Pontes, Arzúa e Silva. O adestrador Alberto López conta con dezasete xogadores. Entre eles estará tamén Edgar Tourón. O gardameta pasará a formar parte do primeiro equipo, aínda que o sarriao terá ficha do filial polo que poderá alternar ámbolos conxuntos durante a temporada. Non continuará na Sarriana o centrocampista vigués Miguel, logo de ser un fixo na primeira temporada dos da Ribela en Terceira.

O Ribadeo fichou ao central Mario Lorido. O dos Oscos retorna ao club tras un periplo por varios conxuntos da Terceira asturiana como o Luarca, Real Titánico ou Llanera.

No Castro continuarán Víctor Cabado e Lois. O Racing Vilalbés B asinou a contratación de Rui Jorge, procedente do Cospeito. O mediocentro de vinte anos tivo protagonismo na Fonde sendo aínda xuvenil. Aitor e Carlos Fole non seguirán no filial racinguista. O gardameta Xabi Rielo renovou unha temporada máis no Meira. O Santaballés ficha ao extremo vilalbés Xoan Carretero, procedente do Cospeito, onde realizou grandes campañas. Atoparase con moitos amigos no club, entre eles o All Star Álex Novás. Tamén sigue no conxunto da Liga o atacante Palomo. Será a décima temporada no club, onde coincidirá co seu irmán Martín.



O Riotorto comeza a despexar incógnitas e xa ten aos primeiros xogadores. Serán os xemelgos Iván e Óscar, que chegan procedentes do Meira logo dunha dilatada traxectoria por moitos conxuntos da provincia. O Xermade contará con Fernando González ‘Nando‘. O xogador pontés xa formara parte do club noutra etapa e chega desde o Roupar. É a segunda fichaxe tras a chegada do porteiro Alberto. O central Oli seguirá unha temporada máis. O Celta Barreiros asinou a Brais Díaz, logo dun ano fóra dos campos de fútbol. No Brollón renova unha campaña máis Fran Fernández ‘Chesky‘. O dianteiro xogará a segunda temporada no club tras o seu paso polo fútbol sala na estructura do Parrulo de Ferrol. Tamén continua Aarón Díaz ‘DJ Vizcaíno’, na que será a terceira campaña do lateral esquerdo de Eixón nos Medos.

Catro xogadores asinaron a súa renovación co Páramo. O central Chivas e o mediocentro Hugo cumplirán a súa terceira temporada seguida nas Rapadas. O mediocentro Dani e o extremo Antón tamén continuan no club, ao que chegaron fai dúas temporadas desde xuvenís. Pola súa parte non seguirá Álvaro Irimia nin Javi López ao que unha lesión de xeonllo aparta momentaneamente dos terreos de xogo. Malia todo seguirá ligado ao club como directivo. O conxunto das Rapadas conta polo momento con doce xogadores no que será o ano do seu retorno a Segunda.

Brais Vázquez renova como adestrador do Palas. Cuarta temporada para o técnico nos Chacotes. Logo do ascenso a Segunda, o equipo vén de realizar unha gran campaña tendo opcións de clasificarse para o play off ata o final de liga. O monfortino Miguel Martínez continua no Incio. Será a súa segunda temporada no Carboeiro e aínda está en idade xuvenil. No Alfoz renovou unha temporada o gardameta Jacobo. O de Adelán cumplirá a decimosexta temporada no club.



Noé Iglesias continua no Abadín. O xoven xogador de Gontán vivirá a cuarta temporada no equipo. Pedro Pernas volve ao Rioaveso Machinango. O futbolista de Román chegara ao equipo de Paraños no pasado curso, pero marchara formar parte do xuvenil da Residencia. Agora, aínda en idade xuvenil, volve ao Rioaveso para poñerse ás ordes dun Asier Lozano que xa conta con 22 xogadores. Maikel seguirá no Matela. Será a novena campaña do xogador de Begonte. O club deséxalle ‘un pouco de cabeciña‘. Non seguirá no cadro de Outeiro o uruguaio Nico que retorna por motivos laborais ao seu país de orixe. O lateral Aarón López renova no Río Sil. No Monterroso B non continuará aos mandos do adestrador Javitxu.

Diario dun mercado. Episodio 425

Diario dun mercado. Episodio 424

Diario dun mercado. Episodio 425

Diario dun mercado. Episodio 426

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *