O diario comeza a facer honra ao seu nome: temos unha entrega diaria de todos os movementos que hai no mercado. Despois das bombas de onte, hoxe tamén vimos cargadiños. Sen ir máis lonxe, a adestradora Vicky renova na Comercial logo dun bo ano no seu debut.
moitas novidades na segunga galicia no diario de hoxe
A categoría concentra gran parte das novas do día de hoxe. Na zona norte, o Xermade renova a Mario Benavente, que cumprirá a 14ª temporada no club. O seu compañeiro Iván Carballeira tamén continúa, sumando así 8 campañas cos chairegos. No veciño Cabreiros, Isaac Rouco manterá a boa parte do seu cadro de xogadores: ás anunciadas renovacións de trece xogadores súmanse Jordano e Brais Seoane, ademais das fichaxes de Wasi e Álex Riobó, que se unen ao cadro da Acea.
No Guitiriz renova un xogador diferencial. Antón Castro seguirá no Suso Cruz para ser un dos líderes do novo proxecto aos seus 26 anos. Xa no sur, o Brollón renovou ao polivalente Iago de Fornelas, mentres que o recén ascendido Rubián renova ao dianteiro Víctor e a Chispi, e asina ao polivalente Dámaso.

Tamén hai moito movemento na Pinguela. O Lemos enrola na súa disciplina a Anxo Sampayo, porteiro que chega desde o Chantada Atlético. Ademais, o centrocampista de Taboada Brais Mariño, que xa gozou de minutos no primeiro equipo na pasada campaña, renova co filial dos do río Cabe.


E na Primeira, o Meira de Manolo García colle forma: Santi Marín súmase a 12 compañeiros máis e renova na Lomba un ano máis. Na Mariña, o Foz incorpora a Lucas Sevilla desde o Viveiro xuvenil e a Huguito desde o Celta Barreiros, e na Liga, o lateral Rubén Serra renova no Santaballés. A maiores, o novísimo Dani Paz enrólase nun ilusionante Catro Roldas que promete moito na Terceira. Por último, Isaac García chega ao Sober desde o Río Sil.