A Federación Galega de Fútbol comeza a deseñar unha nova temporada no noso fútbol, nun ano marcado en negriña ao ser o primeiro no que os límites xeográficos non determinará a composición dos grupos.
A Preferente é a primeira que comeza a coller forma. E o certo é que non se albiscan grandes trocos na composición dos grupos. Seguirá existindo un grupo norte e un grupo sur, cada un formado por dezaoito equipos. A competición botará a andar o día 8 de setembro e rematará, na súa fase regular, o día 11 de maio de 2025.
O norte estará composto polos catro conxuntos lucenses. Ribadeo, Lemos, Pol e Atlético Escairón estarán acompañados por trece equipos da provincia da Coruña (Montañeros, Paiosaco, Sofán, Mugardos, O Val, Negreira, Sigüeiro, Dubra, Arzúa, Ordes, San Tirso, Miño e Ribeira) e un de Pontevedra (Lalín).
Aínda que a composición de ámbolos dous grupos non resulta novidosa si o é o sistema de competición. Un dos cambios máis salientables está no sistema de ascensos. Tan só un equipo acadará o ascenso de xeito directo, a diferencia dos dous que o viñan facendo nos últimos anos. Do segundo clasificado ata o quinto disputarán un play off de xeito cruzado co grupo sur (o equipo que remate segundo no norte enfrontarase ao quinto do sur, terceiro do norte contra cuarto do sur . . .) nunha eliminatoria a ida e volta, disputando o primeiro encontro no campo do peor clasificado. Os gañadores de cada eliminatoria enfrontaranse nunha segunda eliminatoria que decidirá os conxuntos que rematen festexando o ascenso a Terceira RFEF. No caso de empate nestas eliminatorias haberá prórroga e penaltis. Disputaranse do 25 de maio ata o 15 de xuño de 2025.
Os conxuntos que rematen nas catro últimas prazas de cada grupo descenderán a Primeira Galicia e tan só exisitirán arrastres no caso de que un conxunto galego descenda de Segunda RFEF. Este hipotético descenso provocaría un arrastre en Terceira RFEF e tamén na Preferente.