#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 416

O capítulo 416 do noso clásico do verán ten como un dos protagonistas principais a Santi Gegunde. O dianteiro de Navia de Suarna volve á provincia logo de seis meses fóra dela. Ficha na Sarriana aos seus 30 anos tras xogar a segunda volta no Arousa. Será o terceiro equipo sénior da provincia do que forme parte Gegunde. Pasou pola base da Milagrosa, a Comercial e o CD Lugo. Xogou no Outeiro, dúas etapas no Racing Villalbés e agora na Sarriana.

O club de Sarria conta con nove futbolistas de cara o próximo curso. Santi Gegunde é a terceira fichaxe. Tamén chegou o lateral esquerdo de Paradela Martín López e o atacante sarriao David Guitián. Polo momento renovaron os gardamallas Javi Liz e Valentín Mosqueira, o defensa Ruchi, o mediocentro Jacobo Vilariño, o extremo Arona Sané e o atacante Boedo.

Na Preferente, o Ribadeo ficha a Kevin Pierre. O extremo vivirá a súa segunda etapa no club e volverá coincidir co que vén de ser o seu míster no Meira, Ramón Labrada. Militara uns meses no cadro ribadense ás ordes de Rafa Casanova. Logo pasou polo Pol e xogou as últimas tres tempadas no conxunto da Lomba.

O Lemos refórzase dentro da casa. O defensa Álex Arca, que xogou a segunda parte da temporada no filial, renova como xogador do primeiro equipo. Arca, natural de Escairón, comezara o curso militando no Chantada Atlético. Máis tarde, chegou ao filial do Lemos e tivo minutos co primeiro equipo.



Pola súa parte, o Escairón informou da renovación do lateral de Monforte Manuel Taboada ‘Tagüi’. Cumprirá o seu segundo curso no club, tras asinar o pasado verán procedente do Club Lemos B.

Oke, outro dos grandes protagonistas do episodio 416

Na Primeira Galicia, adiantamos a chegada dun novo adestrador á Marosa. José Manuel Arca ‘Oke’ será o novo adestrador da SD Burela tras a saída de Luchi. Oke formou parte nas últimas campañas do corpo ténico do Ribadeo (ata a saída de Dani Moirón como adestrador) e tamén foi o segundo adestrador na etapa de Chusky no Viveiro. Exercera de máximo responsable no Alfoz.

O filial do Racing Villalbés anunciou a continuidade de Anxo e Molina. O centrocampista vén de participar no IV All Star Futbolinlugo celebrado en Guntín. Reforzou o filial hai pouco máis dun ano para consumar o ascenso á 2ª. Agora é unha das súas pezas centrais. Anxo criouse nas categorías inferiores do club e xa tivera minutos nunha etapa anterior na Terceira División.



O Castro segue conformando o seu conxunto logo do descenso. A portería seguirá defendida por José Manuel Osorio ‘Josema’. O meta lucense iniciará a sétima tempada no cadro do Arturo Pereiro. Chegou ao club con 19 anos procedente do xuvenil do CD Lugo.

A LU-115 é unhas das estradas que nos leva dende Ribeiras de Lea ao Municipal de Outeiro de Rei. Alí chega Rubén García. Este veciño do concello vén tras xogar o curso pasado no Portomarín (primeiro) e no Riotorto (despois).

Pepe dálle un novo servizo ao Cabreiros

O capitán Pepe continuará sendo un home de club no equipo da súa parroquia

Na Segunda Galicia, chegan numerosas novidades pola Mariña. O Iberia continúa completando o seu círculo de renovacións. Xa son quince os futbolistas cos que poderá contar Moro. As últimas en anunciarse foron as dos dianteiros Barrera e Pisco, os extremos Jordane e Ángel e a de Franchi e Darío.

Os veciños do Celta Barreiros tamén lle dán continuidade ao bloque que logrou o ascenso de categoría. Doce son os xogadores que o club confirmou que estarán novamente as ordes de Rubén Acebedo. Os mediocentros Joao, que chegou xa coa tempada comezada, e o ribadense Roi Nonide mantéñense no Cascabeiro.

Pola súa parte, en Alfoz marcha o adestrador que guiou ao grupo nas dúas últimas campañas. Nico Veiga pecha unha etapa de dous anos nas que logrou a salvación na 2ª. No último curso conseguiu a permanencia de xeito máis folgado.

O Cabreiros anunciou a renovación do capitán Pepe. O futbolista cumprirá a vixésimo cuarta campaña co club da súa parroquia que seguirá adestrado polo vilalbés Isaac Rouco. Ademais renovan outros pesos pesados do equipo. Tres ponteses que están preto de cumprir unha década no club: os defensas Cristian e Totti e o mediocentro ou dianteiro Marcos Novo.

Na zona sur, a nova directiva do Paradela pretende darlle estabilidade ao proxecto. Ademais das renovacións xa adiantadas de Romy e Albertito, o club do Gandarón anunciou a continuidade de Borja Meilán e Diego ‘Samos’.

O Brollón informou da retirada do gardamallas César. O futbolista do Saviñao segue o camiño de Dani Vila e detén a súa traxectoria no club dos Medos. Con todo, o equipo adestrado por Chura moveuse rápido no mercado e reforzou de xuventude a portería. Chegaron Álex Martínez (20 anos en xullo) e Dani Díaz (21 anos en setembro).

Tres equipos teñen novo adestrador na 3ª

No episodio 416 do Diario Dun Mercado presentamos ao novo adestrador do Roupar, Ángel Pena
Ángel Pena chega ao banco do Roupar tras formar parte do corpo técnico do Catro Roldas

Na Terceira Galicia teñen nome propio os adestradores. David Lorenzo seguirá preparando ao Abadín. O técnico cumprirá a segunda temporada a pesar do descenso.

Tamén na zona norte, Ángel Pena será o novo adestrador do Roupar. Na última campaña estivo no Catro Roldas onde compartiu labores no corpo técnico con Koski. Precisamente o banco do equipo de Román ten novo inquilino. Suso Coto chega á Canteira para ser o técnico. Procede do fútbol base da AD Río Ouro e anteriormente fora segundo adestrador de Julio Castro no Mondoñedo.

Na zona sur, o Relámpago Taboada tamén ten novo adestrador. Manuel Meilán dirixirá o equipo na súa oitava tempada de vida. Meilán procede do equipo feminino da SD O Pino e substitúe a Diego Saborido.

Diario dun mercado. Episodio 416

Diario dun mercado. Episodio 415

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *