Foi unha fin de semana de filiais no noso fútbol feminino. O PM Friol B alzouse co título da Copa Deputación en Palas. Pola súa parte, o CD Lugo B deu un paso importante cara o ascenso nas Gándaras.
A igualdade marcou unha final de Copa na que o Antas venceu na bancada por goleada. O fútbol directo reinou sobre o artificial dos Chacotes, cun PM Friol B que levaba o compás buscando o poderío aéreo de Nerea ‘Chantada’ na medular.
As de Geluco Villar adiantáronse nunha xogada na que Thimote explotou a súa endiañada velocidade. Con ese 1-0 se chegaría ao tempo de lecer.
Na reanudación, a presión alta do Antas obtivo o seu premio. Mal pase de Nerea atrás, que Paula Méndez intercepta para igualar a final cun auténtico golazo.




O equipo da Reigosa non se veu abaixo e volveuse adiantar no marcador. Iona recuperou un balón en tres cuartos de campo para rematar superando a Mel cun bo tanto.
Ao Antas non lle quedou outra que arriscar e presionou alto todo o que puido. Sen sorte algunha. É máis, Thimote aproveitou un contragolpe para facer o definitivo 3-1 e culminar o seu dobrete particular. De aí ao remate, o conxunto de Dani Abelairas buscou un novo gol a balón parado. Un gol que nunca chegou e o título da Copa Deputación 2024 marchou para Friol.
Eva Pacín, que xogou tocada esta última eliminatoria, brillou no Antas xunto coa xa tradicional Nuria Louzao. Thimote marcou as diferenzas no PM Friol B.
O CD Lugo B, a 90 minutos do ascenso a segunda galicia
O CD Lugo B deu un paso moi importante de cara ao ascenso a Segunda Galicia. Venceu por 2-0 ao Lóstrego C, verdugo do Carballedo, grazas a un magnífico inicio.

As de Joaquín Blanco e Pablo Bargados empezaron o encontro moi ben, dominando e pechando ao filial das de Gondomar no seu propio campo. O perigo albivermello era constante, tanto en combinativo como no balón parado. Os tantos de Ánxela e Xiana, antes do ecuador do primeiro acto, ata semellaron insuficientes vista a superioridade local antes do descanso.
Cambiou o decorado tralo paso polos vestiarios. O partido igualouse e as ocasións reducíronse considerablemente: unha ou dúas por equipo e nada claras.
Todo iso ata chegar ao último cuarto de hora onde o mellor que lle puido pasar ao CD Lugo B foi non recibir e gardar a súa vantaxe de dous goles para a volta. O encontro toleou no tramo final e tanto as albivermellas como o Lóstrego C dispuxeron de oportunidades claras para marcar. A luguesa Claudia foi a xogadora máis destacada do encontro.
Todo se decidirá na volta. En 90 minutos moi moi longos, nun feudo realmente complicado e no que o Carballedo xa sufriu en exceso. Só pode quedar un, e oxalá poidamos contar a vindeira semana que temos un novo equipo lucense na Segunda Galicia.
Resultados da xornada
CD Lugo B 2-0 Lóstrego C (play off ascenso)
PM Friol B 3-1 Antas (Copa)