O grupo norte e o sur cambian de líder despois da sexta xornada na Terceira Galicia. O Río Sil é o primeiro na clasificación ao derrotar o Relámpago Taboada que desfrutou unha semana do seu primeiro liderato na súa curta historia. Tamén o Cervo volve encabezar a táboa clasificatoria, logo de que o Celta Barreiros perdera. O Corgo segue mandando no centro onde o Friol B conseguiu a súa primeira vitoria da súa historia.
O Cervo segue encabezando o grupo norte despois de derrotar por 2-5 ao Rioaveso en Paraños. O encontro declinouse na segunda metade, despois de que na primeira o cadro local opuxese resistencia cun dobrete de Cleno que se mancou na segunda metade. Segundo é o Goiriz que foi moi eficaz no Catro Ventos ante o Cazás ao gañar pola mínima cun gol de Richi despois da asistencia do seu porteiro. O Celta Barreiros xogou un bo encontro no Pichón con Simón e Djibri levando a batuta do equipo adestrado por José Luis, pero estivo máis acertado de cara á porta o Muimenta que venceu por 2-1 a pesar de quedar cun menos dende o minuto 60 pola expulsión do porteiro ao tocar un balón ca man fóra da área. O acerto tamén lle faltou ao Celeiro que empatou 1-1 ante o Catro Roldas.
No grupo centro, o Corgo segue como líder a pesar de empatar ante o Guntín. Marcelo Silva anotaba o 1-2 despois de realizar unha bicicleta dentro da área para superar ao defensor e terminar disparando raso ca súa perna esquerda a portería. Non obstante, o Guntín empatou o encontro. Segunda é a Comercial que derrotou ao Rábade por 5-3. Empezaron moi fortes os locais con tres goles, pero o Rábade tamén puxo resistencia cunha boa actuación do debutante Botana e un gran gol de Adrián. O Friol B gañou o seu primeiro partido ante o Laxosa por 2-3.
No grupo sur, o Río Sil derrotou ao Relámpago Taboada por 0-2. Nun gran encontro na Medela que puido caer para calquera lado, o Río Sil aproveitou para adiantarse nunha xogada de falta de entendemento na defensa local e cunha gran xogada individual de Canteiro. Vitoria do Incio ante o Becerreá FC, nun encontro no que a confianza case lle pasa unha mala factura aos locais. E empate no duelo entre o Sober e o Quiroga (1-1) que suma tres encontros sen gañar.

