O CD Lugo B cumpriu os prognósticos e estará no play off de ascenso a Segunda Galicia. O cadro albivermello amosouse un tanto espeso nunha primeira metade chea de imprecisións. Só Blanca puido ver porta, a menos de dez minutos para o intermedio.

Na reanudación, o xogo lugués semellou moito máis fluído. O acerto de cara a porta aumentou e o CD Lugo B rematou goleando. Ainara Silvosa e Blanca acadaron sendos ‘dobretes’. Agora, o filial capitalino ten dúas semanas intensas por diante. Primeiro, co duelo copeiro ante o PM Friol B. A seguinte cita será o 2 xuño comezará a fase de ascenso na casa ante o CF Cañiza.
O CD Lugo B non será o único representante provincial nesa loita polo ascenso. O Carballedo colouse na festa despois de impoñerse ao Rois e ver como o Cruces non pasaba do empate ante o Curtis.

A escadra de Sementa asinou o mellor partido do curso no momento idóneo. O Carballedo saíu moi serio e ordeado ante un rival co plan claro: buscar as costas da zaga local a través dun fútbol directo. O conxunto do Catro Ventos evitouno. Controlou a medular e moveu o balón con criterio. No entanto, o gol no terminaba de xestarse. Ata que apareceu a de sempre, Jenny, para poñer o 1-0 cando xa morría o primeiro acto.


O cadro carballedés buscou a sentencia na segunda metade. Insistiu, topándose en ata tres ocasións cos paus. Aínda así, as locais sabían que era unha cuestión de tempo. E o Carballedo logrou dous goles nos últimos dez minutos. Jenny repetiu e Vero puxo o 3-0 nun córner. Próxima estación: fase de ascenso. O vindeiro 2 de xuño, o conxunto do Catro Ventos escribirá unha nova páxina da súa historia no feudo do Lóstrego C, en Gondomar.
O San Lázaro fíxolle un ‘sete’ a un Vista Alegre que se presentou en Lugo con só dez xogadoras. A relaxación inicial das da Ponte foi desaparecendo a medida que as capitalinas xeraban oportunidades. Marcharon ao descanso 2-0, deixando o mellor para a volta dos vestiarios. Moveron ben o balón, baixaron os erros de concentración e golearon a un rival que acabou con nove xogadoras sobre o artificial das Gándaras.
A Comercial vendeu cara a súa derrota no feudo do O Pino. As de Vicky comezaron o partido con nove xogadoras. As santiaguesas aproveitaron a circunstancia para adiantarse moi pronto no marcador. Porén, aos 20 minutos a Comercial xa puido contar cunha décima futbolista. E as vermellas empezaron a competir de ti a ti.

O cadro capitalino empatou á volta de vestiarios. Aínda así, a remonta era moi difícil. O Pino pechouse moito atrás e o cansazo visitante cada vez resultou máis evidente. O equipo santiagués aproveitou unha das súas chegadas para conseguir o definitivo 2-1 e deixar sen premio o enorme exercicio de resiliencia da Comercial.
Un Monte Forte moi mermado de efectivos pechou a campaña cunha sonora derrota a domicilio. As de Cristian Penas entraron ben ao partido. Porén dous erros defensivos condenaron ás monfortinas. As do Luis Bodegas non lograron sobrepoñerse a esta circunstancia e remataron o curso cunha dura goleada.
Para rematar; no derbi adiado da Xornada 29, o CD Lugo B non deu opción a un San Lázaro inoperante. Foi un duelo monótono, no que as albivermellas amosaron unha das súas mellores versións con e sen balón. E as da Ponte estiveron moi lonxe do seu nivel habitual. Ánxela rubricou un póker de goles para o CD Lugo B.
o san roque queda sen play off na segunda, o chantada destinado ao descenso por arrastre

O San Roque viviu o desenlace máis cruel en Arteixo. Xa non só pola realidade de quedar fóra dos play off de ascenso a Primeira Galicia. Senón tamén por como se produciron os feitos. O equipo de Quiroga tivo contra as cordas ao potente Pastoriza durante varias fases do encontro. As verdibrancas explotaron a banda esquerda de Mery e xeraron multitude de ocasións, que se cansaron de fallar.
A propia Mery igualou xusto antes do descanso o primeiro dos goles do Pastoriza. Un rival que se levou o triunfo con dous tantos nas postrimerías. Demasiado castigo para un batallador San Roque, que quedou sen o premio a unha grandísima tempada.
O Chantada fixo os deberes ante o Cacheiras para evitar o descenso directo. Gañou ao seu máximo rival nun partido que tivo de todo. As de Jorge González, moi nervosas, empezaron perdendo ao encaixar nun saque desde o curruncho. Ángeles empatou chegando ao tempo de lecer nun mal despexe da porteira visitante. Porén houbo tempo para un gol chantadino máis, noutro saque desde o curruncho.
O equipo do Sangoñedo estivo mellor na segunda metade. Sobrepúxose á lesión de Ángeles (chocou coa porteira do Cacheiras e ambas acabaron con sendas brechas na cabeza) e púxose por diante ao aproveitar unha mala saída da nova e improvisada gardamallas rival.

No tempo engadido, o Cacheiras recurtou diferenzas de maneira insuficiente. Agora falta ver que sucede cos temidos arrastres, pero todo fai indicar que o descenso do Umia B á Segunda provocará o do Chantada a Terceira Galicia.
O Antas dominou de principio a fin ante o descendido ED Os Miúdos. No entanto, as de Dani Abelairas acusaron as numerosas ausencias na parcela ofensiva. E só Nuria foi quen de anotar nun disparo desde a frontal. O equipo local logrou o empate na súa única chegada á área. Un penalti inexistente que privou ás da Ulloa de sumar de tres.
A Milagrosa plantou máis batalla da prevista ante un Abellá que estará na fase de ascenso a Primeira Galicia. As de Felipe Varela chegaron con algo de vida á segunda metade (0-2). E despedíronse da categoría co gol da honra de Martina. Campaña dura para as de Frigsa, na que todo saiu cruz.
Dulce despedida do PM Friol B da Primeira Galicia
O PM Friol B dixo adeus á Primeira Galicia cun triunfo de moitos quilates. As de Geluco Villar asaltaron Narón para superar a un O Val, que loitará por subir a Terceira RFEF. Thimote adiantou moi pronto ás amarelas. Uxía empatou en menos de cinco minutos.
O duelo resolveuse na segunda metade. Aí, o PM Friol B materializou dous goles case consecutivos para levar os tres puntos en xogo. Thimote rematou o partido cun ‘dobrete’.
Resultados da xornada

O Val 1-3 PM Friol B
Chantada 3-2 Cacheiras
Milagrosa 1-3 Abellá
Pastoriza 3-1 San Roque
ED Os Miúdos 1-1 Antas
Carballedo 3-0 Rois
San Lázaro 7-0 Vista Alegre
Arenteiro B 0-5 CD Lugo B
Taragoña 7-1 Monte Forte
O Pino 2-1 Comercial
CD Lugo B 6-0 San Lázaro (aprazado Xornada 29)
