#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 33

máxicos salvatierra abogados

Resta tan só unha xornada para os Máxicos da Primeira Galicia. Coa SD Pol ascendida, SD Chantada, Escairon e Burela aínda loitan por entrar na promoción de ascenso, mentres que Portomarín, Riotorto e Guitiriz non mantiveron a categoría que patrocina Salvatierra Abogados.

O Pol imponse ao Santaballés nun duelo con pouco en xogo (2-0). Dous conxuntos cos deberes feitos medíronse nun duelo emotivo, pola despedida do colexiado Marco Antonio Fernández Vázquez da categoría. No futbolísitico, os Máxicos do Pol resolveron o choque na primeira metade, cun gol de Iván González mediado o primeiro tempo e outro de Nadir xusto antes do descanso. Na segunda metade, o Santaballés adiantou liñas, pero a solvencia que o Pol demostrou ao longo de todo o ano se fixo notar no Municipal e o resultado final foi de 2-0.

A SD Pol alza o trofeo que os acredita como campións de liga. Imaxe: Roberto Carreira

O Taboada vence en Outeiro de Rei cun primer gol desde medio campo (0-3). Os Máxicos do Taboada están rematando o ano nun gran estado de forma, froito do cal xa mandaban por 0-2 ao descanso nun partido no que foron máis verticais e intensos que os seus rivais. O primeiro tanto chegou nun lanzamento lonxano de Manu e Fabio anotou o segundo antes do tempo de lecer. Aínda que na segunda metade o Outeiro deu un paso adiante, os de Martín Murado apenas concederon no plano defensivo e anotaron o terceiro gol por medio dun Migui que foi un pesadelo para a defensa local.

A SD Chantada saca da promoción ao Burela (3-1). Os de Traste asinaron a mellor primeira metade da temporada con tres goles consecutivos: o 1-0 tras un centro de Pedro, o 2-0 nunha recuperación de Joserra culminada por el mesmo e, cando o Burela facía acenos de reacción, chegou o 3-0 de Michi a centro de Nodar. Jairo Campo recurtou diferenzas para os seus xusto antes do descanso e meteu aos mariñáns no partido, 3-1.



Na segunda metade, a tónica foi diferente: os Máxicos de Luchi procuraron a meta rival para achegarse no resultado, mentres que os chantadinos xogaron coa vantaxe, máis repregados e ameazando con contragolpes. Pese aos intentos visitantes, os locais asinaron unha segunda parte moi seria para manter a renda e depender de si mesmos na última xornada.

Cos resultados da xornada, o Xove garantiu a permanencia na Primeira.

O Xove Lago sálvase e afunde ao Riotorto (2-0). Os visitantes chegaron moi mermados a un duelo chave e o Xove soubo manexar os tempos do partido. Pese a que a tónica foi a igualdade, os Máxicos mariñáns aproveitaron un saque de esquina para poñer o 1-0 antes do descanso e, xa na segunda metade, unha boa transición culminada por Samu supuxo o 2-0 que, á postre, descendeu ao Riotorto e garantiu a permanencia matemática do cadro dirixido por Pelayo.

máxicos guitiriz

O Foz liquida ao Monterroso no primeiro tempo (4-0). Os Máxicos de Gayol sorprenderon aos de Cerdeiriños cunha presión alta moi efectiva e con moito ritmo de xogo, que se traduciu en numerosas ocasións a prol duns mariñáns que mandaban por 4 goles a 0 (Dani Chao, Álvaro Moreda por partida dobre e Carlos) antes do descanso. Na segunda metade, os visitantes frearon a sangría cunha defensa sólida e puideron anotar nalgunha ocasión sobre a porta de Tommy.



Frigsa e o balón parado alzan á Milagrosa diante do Guitiriz (2-1). A primeira parte viviuse con nervios e tensión no Gorgoso, froito de todo o que estaba en xogo. O Guitiriz puido adiantarse nunha gran xogada de Labrada, pero a sorte non estivo do seu carón. A máis clara dos locais, unha volea de Anxo que se foi arriba. O desenlace, feliz para uns e tráxico para outros, chegaría no segundo tempo. Aos 10′ de xogo, Sergio aproveitou unha serie de rexeites nun saque de esquina para poñer o 0-1 e desatar a tolemia na bancada visitante.

Porén, os Máxicos albivermellos sacaron forzas grazas á súa afección e, no 63′, Anxo anotou un gran gol de falta directa para empatar a contenda. O esforzo fíxose notar nas pernas dos visitantes, mentres que os locais aproveitaron a inercia para adiantar as súas liñas. Cando restaban 10 minutos, Miguel rematou un córner co corazón de todo un barrio e puxo o agardado e celebrado 2-1. Xa nos últimos intres, o Guitiriz viu como un balón se estrelaba na cruceta e, aínda que o intentou, non foi quen de acadar o empate e xogará a próxima campaña na Segunda Galicia. A Milagrosa, a expensas de decisións federativas de último termo, xogará un ano máis na Primeira Galicia.

O Escairón vence ante un Lourenzá cos deberes feitos (0-1). Os do Saviñao dependerán de si mesmos na última xornada logo de superar aos laurentinos nun duelo no que mantiveron a solidez mostrada durante todo o curso. Asier transformou unha pena máxima no 20′ e, ademais, xogaron en superioridade ata o final do choque pola expulsión de Jesús. Os laurentinos tiveron as súas opcións dentro do xogo directo que se viviu na Santa Cruz, especialmente no segundo tempo, pero ao final os tres puntos marcharon cara a comarca do Escairón, 0-1.

Empate con alternativas no Ladairo entre Guntín e Meira (0-0). Pese ao insulso do resultado, os Máxicos propuxeron un xogo atractivo ao longo dos 90′. O Guntín levou o peso do xogo e o Meira tratou de contragolpear. Tanto na primeira metade coma na segunda, ambos conxuntos gozaron de oportunidades derivadas dos seus respectivos plans de partido, pero o pouco acerto ofensivo fixo que os puntos se repartiran entre un Guntín que está a pechar un bo ano e un Meira no que debutaron os xuvenís Javi e Víctor.

O Chantada Atlético non da opción ao Portomarín (7-0). Os do Chao da Poza chegaron con dez xogadores ao Sangoñedo e o equipo de Edu aproveitou a superioridade para meter 5 goles na primeira parte na meta defendida polo improvisado porteiro Fabián, que fixo unha actuación moi digna nese posto. Xa no segundo tempo, os Máxicos locais anotaron dos goles máis diante dun Portomarín que non lle perdeu a cara ao partido e cuxos xogadores deron mostras de compromiso por presentarse ao partido e completar con orgullo os 90′ regulamentarios.



Máxicos salvatierra abogados

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 33

O CD Lugo segue un ano máis

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *