O Oural e o Pastoricense teñen esta fin de semana a primeira oportunidade para ser equipos de Primeira Galicia a falta de tres xornadas para rematar a liga. Dáse unha circunstancia curiosa, os rivais xogan o sábado e os líderes en domingo. Con todo, o Oural depende de si mesmo. Se gaña nos Chacotes, sobe. No caso do Pastoricense si que precisa que o Iberia perda.
27 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense (21 vitorias)
- Equipo que menos perdeu: Pastoricense (dous partidos)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (67 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (72 goles)
- Equipos que menos goles encaixou: Pastoricense (19 goles)
- Equipo con maior diferencial de goles: Pastoricense (+46)
- O rei do empate: Xermade (12)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (22 goles)
- Equipos que cambiaron de adestrador: 9
- Que posto asegura agora mesmo a salvación: 13°
O Pastoricense a piques de confirmar o ascenso
O club da Pastoriza ten esta fin de semana a primeira opción de regresar á Primeira, tan só unha tempada despois do seu descenso. Venceu ao Roupar (1-4) e cando se presente este domingo en Cabreiros saberá se pode subir ou non porque o Iberia xoga o sábado, equipo co que mantén catro puntos de diferenza cando quedan nove por xogar. Con todo, o Pastoricense só tería opcións de subir na Acea se o Iberia perde na súa visita á Candelaria.
Os pupilos preparados por Basi chegan nun gran momento de resultados ao final de liga. Acumulan cinco triunfos seguidos e lideran a maior parte de rexistros positivos da competición.
Pola súa parte, o Roupar perde opcións de salvación. No caso de que non houbera arrastre, está a catro puntos da permanencia. Os xogadores preparados por Dopico deron a cara ante o líder, pero non puideron co seu acerto.


Adiantouse o Pastoricense de penalti por medio de Raúl. Os locais lograron empatar tamén dende os once metros, pero antes do descanso os visitantes anotaron o segundo. Nada máis comezar o segundo tempo, o Pastoricense sentenciou, Edu completou un dobrete e tamén marcou Manu Penedo.
O Iberia terma ata o final
O conxunto de San Miguel de Reinante derrotou no gran partido da xornada ao Racing Villalbés B (3-2). Ambos conxuntos estiveron na zona alta toda a tempada, pero agora o Iberia deixa sen opcións de ascenso directo ao filial racinguista e queda como único perseguidor.
O equipo comandado por Moro permanece a catro puntos da cabeza agardando un fallo do Pastoricense ao que lle ten o gol average gañado. O Racing B ten asegurada a terceira praza, pero o 2º posto (que garante xogar sempre os partidos de volta do play off como local) queda a cinco puntos.

O vento do nordés foi protagonista nas Valgas. Comezou apertando o visitante, pero o Iberia púxose por diante cun gran gol de Barrera. Seguiu facendo a mesma lectura o cadro local e noutra saída, Barrera anotou o segundo. Antes do tempo de lecer, gran xogada entre Migui e Gabri para recurtar distancias.
No segundo acto, Dani Prieto puxo máis terra de por medio co terceiro. Aínda así, o Racing B marcou o segundo e apertou nos intres finais para intentar a igualada.
O Folgueiro é 4º
O conxunto dirixido por Manuel Vicente ascenseu á cuarta praza ao vencer ao Cabreiros (3-0) e aproveitar a derrota do Sanci. O Folgueiro queda con seis puntos de marxe do Xermade e, se gaña esta finde, será equipo de play off.
O Cabreiros mantense na sétima praza, pero xa a sete dos seus veciños do Xermade e empatado a puntos co Sporting Pontenova. Os de Isaac tiveron o seu momento no partido na segunda metade, pero xa cando ían 2-0. No primeiro tempo os locais adiantáronse de penalti e anotaron o segundo á contra. Logo de que o Cabreiros non materializase en gol as súas ocasións, os locais sentenciaron co terceiro ao final.
O Sanci perde por segunda xornada seguida
Os futbolistas preparados por Jaime Méndez caeron pola mínima ante o Sporting Pontenova (2-1). Agora son 5º, a un punto do Folgueiro e con cinco de marxe sobre o Xermade.
Pola súa banda, o Sporting Pontenova volve acumular os puntos que nalgúns momentos da semana pasada tiña sumados logo de que a Federación recuara na súa decisión sobre o partido co Cospeito. Ten 35 e queda empatado co Cabreiros na oitava praza.
Óscar puxo por diante aos locais nun primeiro tempo ante un frouxo San Ciprián que tamén quedou cun menos nos primeiros corenta e cinco minutos. No segundo tempo si saíron máis enchufados a pesar de estar cun menos. Á hora de xogo, Antón igualou o marcador cun gran gol de falta directa. Antes da recta final, o Sporting antou o tanto do triunfo nunha gran acción de Hugo Segade.

O Xermade quere chegar con opcións ata o final
O equipo xermadés sumou a décima vitoria do curso ao superar á Candelaria (2-0). Recurta minimamente a súa distancia coa zona de promoción de ascenso. Queda a cinco puntos do Sanci con nove puntos por xogar.
A Candelaria queda agora con seis puntos de marxe con respecto ao antepenúltimo posto que, nun hipotético caso, podería ser de arrastre.
Nun encontro sen grandes ocasións, o gardamallas visitante Xes detivo un penalti. Os locais melloraron no segundo tempo e marcaron os goles. Primeiro de xogada por medio de Pedro e despois Anxo de penalti.
A Comercial remata a liga tranquila
O conxunto capitalino confirmou matematicamente a sua permanencia na categoría ao vencer ao Alfoz (1-2). Alcanza a novena posición superando precisamente nun punto ao seu rival da pasada finde. Ambos finalizarán a liga nunha posición tranquila.
Foi un encontro igualado no que non houbo moitas ocasións pero os visitantes aproveitaron ben as súas. Arturo foi o gran protagonista da Comercial con dous goles. No medio, os locais lograran igualar o seu primeiro tanto. Tiveron algunha opción para que o partido rematase en empate, pero non acertaron.
O Muimenta e o Mondoñedo triunfan na zona baixa
A xornada tamén estaba marcada por dous duelos directos na zona baixa. O Muimenta venceu ao Abadín (2-0) e o Mondoñedo logrou os tres puntos ante o Cospeito (3-0). Os resultados permiten encamiñar a pemanencia do Muimenta, danlle aire ao Mondoñedo e complican a situación do Abadín.
O Cospeito é 12º con 27 puntos e un partido pendente de xogar, logo de reclamar e que a Federación tomase unha nova decisión. Ten cinco puntos de marxe sobre a antepenúltima posición. O Muimenta é 13º con 26 puntos e catro máis que o 14º.
O Mondoñedo, a pesar de ocupar a 14ª praza, queda con tres de marxe co descenso directo. Sabendo que na penúltima xornada recibe no Viñas da Veiga ao Abadín.
O Muimenta volveu ter en Jesús ao seu home. O dianteiro marcou os dous goles dun partido sen moito fútbol. Os tantos chegaron no último tramo de partido. Dez tantos suma na tempada o atacante, os últimos determinantes para a permanencia.
O Mondoñedo saíu a por todas ante o Cospeito. Marcharon ao descanso gañando 2-0. Tiveron opcións no segundo acto os xogadores dirixidos por Kubala pero nin Ferre, nin Xoán, nin Rui non foron capaces de marcar. Os locais sentenciarían co terceiro gol.

O máis interesante da xornada que vén (Quedan 9 pts.)
- Candelaria – Iberia (sáb. ás 17:00h na Granda)
- Cabreiros – Pastoricense (dom. ás 17:00h na Acea)
- San Ciprián – Mondoñedo (dom. ás 17:00h na Veiga)
O Oural terá a primeira oportunidade de ascenso nos Chacotes
O equipo preparado por Negrete achégase ao ascenso logo de vencer ao Carballedo (5-0). Conta con seis puntos de marxe sobre o Brollón (2º) e sete sobre o Becerreá (3º). O Oural tenlle o gol average gañado a ambos polo que depende de si mesmo para subir este domingo. Con todo, os dous rivais xogaran xa o sábado.
A derrota deixa nunha situación difícil ao Carballedo que afrontou este último encontro con tan só doce xogadores. Aínda sen haber arrastre, está a seis puntos do antepenúltimo.
Os locais marcaron territorio dende moi cedo. Ao cuarto de hora xa marcara Abreu e Ospina. Pouco despois, Ospina completou o seu dobrete.
No segundo tempo, o líder sentenciou aínda máis o resultado. Dominaron e marcaron dous goles máis: Diego Díaz e Javier Vilar.
O Brollón volve ser 2º
O club dos Medos regresou ao grande á segunda praza tras derrotar a outro dos equipos da zona alta, ao San Lázaro por 5-0. Con todo, as posibilidades de ascenso directo son moi poucas, xa que precisaría que o Oural non gañara ningún dos tres partidos que lle quedan.
O San Lázaro mantén a 4ª praza con cinco puntos de vantaxe sobre o 6º. Iso si, cortando unha xeira de catro encontros sen perder.
A pesar do resultado, o partido foi moito máis desputado. A sorte para o Brollón foi que se puxo por diante cedo, con gol de Castañer logo dunha acción a balón parado. Isma marcou o segundo antes do descanso.
Saíron moi serios os locais no segundo tempo. En dous penaltis seguidos, Casanova e Castañer ampliaron as distancias. Damián remataría a goleada co quinto.
O Becerreá perde a boa xeira
O conxunto preparado por Javi Gómez igualou na casa co San Roque (1-1). Baixa a terceira praza e queda a sete puntos do líder e a un do segundo posto. Logrou unha vitoria nos últimos catro encontros.
O San Roque mantén aínda opcións matemáticas de xogar a promoción, pero remotas son estar a seis puntos e con máis equipos na pelexa.
O encontro parecía que ía estar marcado pola expulsión do gardamallas visitante ao inicio do encontro. Con todo, o San Roque sóubose sobrepoñer a esa situación. Juanma defendeuse de xeito sobresaínte baixo paus, o resto do equipo estivo serio e tratou de xerar perigo a contra e a balón parado. Logrou poñerse por diante tras un corner cun gol de Emilio. O Becerreá insistiu pero non foi capaz de igualar ata os intres finais.
O Antas agárrase ao play off
O conxunto do Castro Seoane aproveitou a súa vitoria ante o Chantada B (2-1) e a derrota do Friol para volver ao posto que perdera había unha semana. Queda cun punto de marxe sobre o Friol, dous con respecto ao Antas e catro por riba do Ferreira.
Pola súa parte, o Chantada B mantense 13º, nunha posición que lle daría a permanencia, pero con tan só dous puntos do Lemos B que é antepenúltimo e que podería ser decendido por arrastre.
Marcou adiantou cedo ao Antas e Garea marcou o segundo ao iniciar o segundo acto. O filial chantadés apertou máis no tramo final, pero só logrou un gol, o de Efrén, cortando así a súa boa xeira de dúas goleadas consecutivas.
O Palas soña con chegar á promoción
Os pupilos preparados por Brais Vázquez deron o golpe en riba da mesa que lles faltaba para loitar realmente por entrar na promoción de ascenso ata o final. Venceron na Reigosa ao Friol que era 5º antes de comezar a xogar. Agora o Palas ten o play off a dous puntos, mentres que o Friol perdeu ese posto e queda a un punto na sexta praza.
Os visitantes adiantáronse nos primeiros minutos cun gol dende lonxe de Porto. Tras proseguir unha primeira metade desputada, no segundo período, Brais anotou o segundo. Os locais metéronse no partido co 1-2 e pasaron a dominar e facerlle sufrir o rival. Con todo, nunha contra, Samuel logrou o terceiro. Ao de Javi Serén deulles tempo namais que a facer o segundo particular nun libre directo.
O Ferreira volve perder outra oportunidade de achegarse ao 5º
Son varias as oportunidades que desaproveitou o Ferreira na segunda volta de estar máis metido de cheo entre os cinco primeiros. Empatou cun Sporting Lucense (2-2) que confirmou o seu descenso directo matemático. O Ferreira queda a catro do Antas.
Mujib adiantou ao Lucense. Pasada a media hora igualaron os visitantes por medio de Rafa. No segundo acto, volveuse poñer por diante o cadro local nunha boa acción de Sergio Caramés. Con todo, reaccionou rápido o Ferreira e a balón parado Marcos empatou.
O Paradela desquítase do mal que o pasou ao principio
O Paradela sumou a undécima vitoria do curso ante o Quiroga (6-2) e disfruta tranquilamente das últimas xornadas de liga, tras un inicio complicado onde os resultados positivos tardaron en chegar. Ten 36 puntos, cinco máis que un Quiroga ao que lle falta un punto para obter a salvación matemática.
Saíronlle moitas cousas ben aos locais que finiquitaron o partido practicamente no primeiro tempo. Un dos grandes protagonistas foi Juan que asinou un hat-trick. No segundo tempo tentou remediar o resultado o Quiroga, xogou máis solto e Jato logrou un dobrete.
O Incio logra a permanencia definitiva
Non pasou apuros o cadro amarelo que realizou unha gran segunda volta, pero fáltaballe esa permanencia matemática. Logrouna tras vencer 2-1 ao Lemos B, que precisamente a praza que podería ser de arrastre.
Non foi un gran partido por parte de ningún dos conxuntos. O filial si se puxo por diante rápido. Pero os locais lograron a remontada

O máis interesante da xornada que vén (Quedan 9 pts.)
- Antas – Becerreá (sáb. ás 17:00h no Castro Seoane)
- Carballedo – Brollón (sáb. ás 19:00h no Catro Ventos)
- Palas – Oural (dom. ás 17:30h nos Chacotes)
Foto de portada: Facebook SD Oural