#Sin categoría

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 31

máxicos salvatierra abogados

Salvatierra Abogados patrocina unha edición máis dos Máxicos, que deixou ao Pol moi preto do ascenso directo á Preferente Norte.

O Burela decide o derbi ante o Xove cun penalti no primeiro tempo (3-0). Os locais dominaron os primeiros minutos, pero o Xove aguantou as intentonas do Burela ata o 20′, cando un penalti cometido por Trullo saldouse co 1-0 e coa expulsión de Charly por protestar. Co duelo xa aberto, o bo fútbol combinativo dos Máxicos de Luchi traduciuse en dous tantos máis diante dun Xove que non lle perdeu a cara ao choque, pero que non tivo opcións de puntuar, 3-0 na Marosa.

O Foz cae ante unha SD Chantada empeñada en xogar a promoción (0-3). Mentres o Foz agardaba agazapado e xeraba perigo ao contragolpe, os Máxicos de Traste procuraban madurar as xogadas para adiantarse. Así foi, pois Migui abriu o marcador á media hora de xogo a pase de Pablo e, co resultado favorable, os chantadinos pasaron a agardar os erros dos rivais e a facer dano en transicións. Unha fala lateral saldouse co 0-2 e, pouco despois, un mano a mano definido por Gabri supoñería o 0-3 definitivo.

O Pol non falla diante do Riotorto (3-0). O partido decidiuse con dous goles de Marquitos no primeiro tempo, e coa sentencia de Omar na recta final, ante un Riotorto que está inmerso nunha dinámica moi mala e que xa está en postos de descenso directo. Pola súa banda, os de Pol están a un só partido do ascenso á Preferente Norte.



A Milagrosa soña tras vencer ao Monterroso (2-0). Aínda que foron os de Cerdeiriños os que levaron o peso do xogo, a Milagrosa aproveitaba os contragolpes para xerar ocasións de perigo. Foi precisamente na segunda parte cando o estado de forma dos capitalinos fixo presencia e, de feito, anotaron dous goles case consecutivos para deixar tres puntos de ouro no Gorgoso, que sacan aos albivermellos do descenso directo.

O Lourenzá imponse ao Santaballés nun duelo tolo (3-2). Aínda que os Máxicos chairegos lograron adiantarse cun penalti que transformou Novás, a reacción local permitiu chegar coa igualada ao descanso, 1-1. Xa no segundo tempo, un Lourenzá máis enchufado fixo dous goles nos primeiros 20′ con remates de Isaac e Raúl para encarrilar o resultado (3-1) e, aínda que o Santaballés recurtou diferenzas e apretou na recta final, o marcador quedaría cun 3-2 favorable aos da Santa Cruz.

O Outeiro de Rei remonta diante do Guitiriz (3-2). Un motivado Guitiriz comezou mellor o encontro e adiantouse cun remate de Labrada á saída dun corner. Porén, o Outeiro mostrouse moi intenso na segunda parte, empatou, e anotou dous goles máis (3-1) en situacións nas que o Guitiriz rematou moi amolado coas decisións arbitrais. Os Máxicos de Marcos Pereiro recurtaron diferenzas xusto ao final do choque, pero non foi suficiente para puntuar.



O Guntín cae ante un sólido Escairón (0-1). Un tempraneiro gol de Adri coa testa valeulles aos Máxicos do Saviñao para repregarse e aguantar as intentonas dun cadro laranxa controlador da posesión, pero con pouca profundidade. Os visitantes sufriron unha expulsión antes do descanso, o que fixo que retrasasen as súas liñas no segundo tempo e desen un auténtico recital de fútbol defensivo. Ao final, mantiveron a portería a 0 e levaron os puntos cara o Escairón.

O Chantada Atlético non da opción ao Taboada (4-0). A primeira media hora mostrou a un Chantada Atlético doutra categoría, cos seus Máxicos combinando a un toque e superando as liñas visitantes con facilidade, froito do cal chegarían tres goles que deixarían o choque visto para sentenza. Pese ao resultado, o Taboada saiu renovado do paso por vestiarios e inquedou a meta defendida por Iván, pero non foron efectivos e sería o local Salgado quen faría o definitivo 4-0.

O Portomarín sorprende ao Meira con dous tempraneiros goles (2-0). Javicho ergueríase como protagonista (e como un dos Máxicos da xornada) ao facer dous goles con dous tiros desde a frontal nos primeiros 15′. Co resultado adverso, os visitantes avanzaron liñas e inquedaron a meta local, pero un bo exercicio defensivo dos miñotos impediu o gol dun Meira que non estivo atinado, con disparos fóra ou ao pau

Máxicos Salvatierra abogados:

máxicos guitiriz

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *