#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Chegar e encher para un Casás de Segunda Galicia

O Tres en Raia En Boas Mans déixanos o ascenso do Casás no grupo norte. O cadro lucense venceu ao Catro Roldas e logrou dar o salto de categoría no seu primeiro ano de existencia. O Celta Barreiros goleou ao Goiriz e xa é campión, mentres que o Castroverde, o único conxunto do fútbol lucense que non empatou en toda a campaña, deu un paso de xigante na súa pelexa por acadar o play off.

No grupo sur, o Rubián gañou no campo do Chantada Atlético B e queda a un só punto do ascenso matemático. Sober, Río Sil e Corgo xogarán a promoción, mentres que para a outra praza parte con clara vantaxe o Santa Comba.

grupo norte

O Celta Barreiros vence con claridade ao Goiriz e completa un ano espectacular (5-1). O título de liga foi a guinda a un temporada case que perfecta do conxunto do Cascabeiro. A primeira metade resultou igualada, con varias chegadas con perigo por parte dun Goiriz que contou cun claro man a man que desbaratou ben Iñaki e que foi mellor nos primeiros compases. Co paso dos minutos as forzas igualáronse e o Celta Barreiros adiantouse cun dubidoso penalti cometido sobre Antón que transformou Hugo. Na segunda metade os de Rubén Acebedo saíron mellor e lograron dous tantos a saque de córner, ámbos de Javi Andina. O Goiriz lanzouse ao ataque e xerou perigo, pero o cadro local sentenciou á contra con tantos de Roi e Hugo. Héctor marcou o tanto da honra a falta de cinco minutos para o final.

O Casás vence na Canteira e acada un histórico ascenso (2-3). No seu primeiro ano sénior, o Casás foi quen de lograr o ascenso tras unha gran campaña. Os tres puntos logrados diante do Catro Roldas foron decisivos. O encontro estivo marcado pola chuvia e polo mal estado do campo. As ocasións chegaron rápido e para os dous equipos. A máis clara para o Catro Roldas cun remate de Moha ao longueiro. Pero foi o Casás quen se adiantou cun bo remate desde a frontal de Herrero. Samu igualou o partido ao aproveitar un erro de comunicación na zaga visitante. A segunda parte comezou cun tanto de Maira para o Casás e pouco despois Miguel viu o cartón vermello e deixou con dez aos chairegos. Os capitalinos atopáronse máis cómodos e Fonseca, a pase de Cristian puxo terra de por medio. Preto do final Samu marcou de novo e fixo o que o final do encontro fora intenso e entretido.



O Rioaveso vence ao Cazás e queda a un paso de certificar o pase ao play off (2-3). Comezou parello o encontro pero foi o Rioaveso quen logrou adiantarse cun tanto de Gabeiras. Os de Asier Lozano tiñan máis o balón e antes do descanso ampliaron diferencias no marcador por medio de Aleso. O seu disparo bateu nun defensor e fixo imposible a estirada do porteiro. O descanso fixo que o Cazás crera na remontada e saiu ao campo co fin de lograr recurtar distancias. Conseguiuno cun tanto en propia porta. Nunha acción desafortunada da defensa do Cazás, chegou o tanto da sentencia para o Rioaveso, de novo acadado por Gabeiras. Lois volveu a recurtar diferencias para o Cazás ao rematar un saque de córner e a falta de cinco minutos o Rioaveso pechou o encontro.

O Castroverde logra a terceira vitoria consecutiva para poñer un pé na promoción de ascenso (2-0). Cinco vitorias ao comezo de tamporada, sete derrotas seguidas e agora, no momento máis decisivo, chegou a terceira vitoria consecutiva para un Castroverde que non empatou no que vai de temporada. Comezou mellor o Matela sobre un maltreito céspede da Veiga do Olmo e tiveron unha clara ocasión para adiantarse no marcador cun penalti errado. Os de Cuchi fóronse do encontro e o Castroverde aproveitouno e co paso dos minutos fíxose co dominio do encontro ata que xusto antes do intermedio nunha boa xogada David fixo o primeiro. O segundo tempo non tivo un dominador claro e a falta de vinte minutos Gelo acadou o tanto da sentencia.

Triunfo cómodo para a Piringalla fronte a un Celeiro que queda lonxe do play off (4-0). Primeira metade condicionada polo forte vento, sobre todo para un Celeiro que xogou con él en contra. Á Piringalla costoulle adaptarse ás condicións pero co paso dos minutos foi quen de xerar ocasións. A primeira tívoa Juan á que respostou ben Jony. Pouco despois Juanjo fixo o primeiro á saída dun córner. Na segunda metade o Celeiro tentou o empate aínda que sen éxito e o segundo tanto da Piringalla, obra de Miguel deu ao traste coas aspiracións dos mariñáns. O último cuarto de hora o cadro local xogou a pracer e logrou dous novos tantos por medio de Román e Juan Vidal.



O Friol B logra unha clara vitoria diante da Comercial B (4-1). Triunfo do filial friolista que aínda lle permite ter opcións matemáticas de xogar o play off. Os de Bruno Castro amosáronse moi superiores ao longo de todo o partido e deixárono encarrilado nun primeiro tempo no que acadaron unha renda de tres goles. Rober, Maikel e Roca foron os goleadores. Na segunda metade ámbolos dous equipos tiveron ocasións e foi a Comercial B quen logrou recurtar diferencias por medio de Nabil. O Friol B non viu perigar a vitoria e sentenciou a falta de quince minutos para o final.

grupo sur

O Monterroso B planta cara ao líder pero remata cedendo (1-2). Visitou o anexo a Cerdeiriños un Páramo ao que o cadro local fixo o pasillo como homenaxe ao ascenso acadado na anterior xornada. O Monterroso B comezou mellor e foi quen de adiantarse cun tanto de Isma. Os de Javitxu tiveron ocasións para que a diferencia fora máis abultada pero non as lograron concretar. O Páramo mellorou co paso dos minutos e na segunda metade embotellou na súa área ao filial monterrosino. A falta de dez minutos Juan igualou o marcador e co tempo cumprido Jose decantou a balanza a favor dos de Jony Lombardía.

O triunfo do Rubián no campo do Chantada Atlético B déixao coa mel nos beizos (0-3). A un só punto do ascenso. O Rubián pode certificar o seu pase a Segunda Galicia se logra cando menos igualar no campo da Sarriana B. Na súa visita ao Sangoñedo os de Senén López foron superiores e amosáronse moi firmes en defensa. O Chantada Atlético B tentou xerar ocasións en ataque, pero non foron capaces de inquedar a portería de Casillas, malia a insistencia do atacante Diego. Iván, no primeiro tempo, abriu o marcador para o Rubián. Manu e Brian no segundo certificaron o triunfo dos visitantes.

O Sober vence a un Taboada B que vende cara a súa pel (3-0). O cadro local, coa promoción xa no peto desde fai varias xornadas, aínda mantén un fío de esperanza de acadar o ascenso directo. Tería que gañar os tres encontros e que o Rubián non puntuara. Diante o Taboada B os de Iban Lagoa realizaron un bo encontro, pero atopáronse cunha boa labor defensiva dos visitantes que impediron o tanto ata o último cuarto de hora. David Piñeiro abriu o marcador e só un minuto máis tarde deixou o encontro visto para sentencia. Losada, desde o punto de penalti, completou o marcador.

O Río Sil sentencia o encontro en media hora fronte ao Relámpago Taboada (2-5). Encontro sen demasiada historia. En trinta e cinco minutos, o Río Sil tiña un 0-5 no marcador que deixaba ben ás claras como transcurriu o xogo. Dominio completo dos visitantes nun primeiro tempo no que Chomi e Isaac, con dous tantos cada un, e Anas completaron a goleada. O Relámpago reaccionou tras o paso por vestiarios e foron mellores nos primeiros quince minutos nos que lograron dous tantos, un deles de bela factura obra de Saúl.



Terceira vitoria consecutiva para un Corgo que xogará a promoción de ascenso (0-3). Non puido o Bóveda competir diante dun Corgo coas ideas moi claras. O mal estado do Hermanos Somoza polas continuas choivas non axudou a que se vira un bo fútbol. Os de Abel Rochela estiveron moi ben en defensa e non concederon ocasións ao rival. Fer abriu o marcador aos oito minutos de xogo e non se viron moitas máis ocasións no primeiro tempo. Tras o paso por vestiarios o Bóveda tentou igualar o marcador e o Corgo aproveitou os espazos para sentenciar con dous tantos á contra. Kevin e Fer foron os goleadores.

O Santa Comba vence á Sarriana B e da un paso de xigante para pelexar o ascenso no play off (2-0). Seis puntos e golaverage a favor con nove en xogo. É a vantaxe do Santa Comba sobre o filial sarriao logo dun encontro no que os de Richard lograron adiantarse no minuto dous de xogo cun gol de Andrés. As imprecisións do Santa Comba fixo que a Sarriana B chegara con certo perigo ás inmediacións de Yeyo. Mellorou o cadro local nun segundo tempo no que o mal estado do terreo de xogo condicionou moito o xogo. A sentencia non chegou ata os intres finais cun bo testarazo de Jorge.

Chegar e encher para un Casás de Segunda Galicia

O Mella goleador, Cris salvou ao Abadín

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *