Accaba de principiar outubro, pero a Terceira Galicia xa leva disputado un cuarto de liga da primeira fase que rematará antes de cambiar de ano. Tres equipos lideran en solitario cadanseu grupo nestes momentos. O Cervo recuperou o liderato no norte, o Corgo no centro despois de descansar na terceira xornada e o Sober no sur ao beneficiarse da derrota do Quiroga. O filial do Friol conseguiu o primeiro punto da súa historia. O Rábade e o Río Sil descansaron na pasada xornada.
No grupo norte, o Cervo recupera o liderato despois de derrotar por 3-0 ao Celeiro nun encontro que se marchou 0-0 ao descanso. A falta de puntería segue sendo o hándicap do Celeiro, mentras que o Cervo controlou na segunda metade cun gran gol en acción individual de Jardel que xa leva tres no que vai de liga. A dous puntos do líder, está o Catro Roldas que derrotou por 1-0 no derbi interparroquial vilalbés ao Goiriz cun gol de Marcos nun choque pouco vistoso. Séguelle o Celta Barreiros que levou a vitoria de Paraños ao vencer 1-3 ao Rioaveso cunha gran actuación de Rubén baixo paus e de Omar que marcou dous goles. No outro partido da xornada, Cazás e Muimenta empataron a un gol nun enfrontamento no que o central visitante Iago xogou e aguantou cunha contractura no pescozo que lle impedía xirar a cabeza. O Muimenta tiña só un cambio e o Cazás conseguiu empatar o partido grazas a un gol de Efrén. O conxunto xermadino é o único equipo do grupo que aínda non conseguiu vencer nesta temporada.
No grupo centro, o Corgo afiánzase na cabeza da táboa despois de descansar na terceira xornada e volver gañar nesta. Derrotou por 6-0 ao Comercial nun encontro con gran protagonismo para Jesús, autor de dous goles. A pesar da goleada, no equipo da capital lucense destacou o lateral esquerdo Brais. Segundo é o Fonsagrada que volveu ao camiño da vitoria ao gañar 5-2 ao Laxosa. Nun gran partido do conxunto local a peor nova foi a lesión do dianteiro Turbo que leva xa dous goles este curso. Aínda así, será menos do que se esperaba nun principio. O Friol B conseguiu o primeiro punto da temporada e da súa historia no enfrontamento co Guntín (0-0). O partido tivo a gran nova do regreso de Isaac no conxunto friolés, despois de tres anos no dique seco por unha lesión.
No grupo sur, o Sober é líder a pesar de empatar grazas a derrota do Quiroga. Igualou a domicilio ante un Incio que se adiantou no marcador grazas a un remate de Marcos Pombo. Logo, Martín empataría un encontro no que o empate foi xusto. O Quiroga perdeu a opción de seguir na cabeza ao caer ante un bo Relámpago Taboada. O conxunto local comezou perdendo 0-2 pero terminou dándolle a volta ao choque cunha gran actuación de Sergio Pola que entrou dende o banco (un gol e unha asistencia). O Quiroga guiado no medio campo por un gran Polín non puido facer fronte no segundo tempo. E no duelo dos dous equipos que aínda non puntuaran o Paradela goleou ao Becerreá FC (só foi con 10 futbolistas) por 9-0 con tres goles de Víctor García, un bo tanto de Termi dende 25 metros e a parada do porteiro Eros que evitou no lanzamento de penalti rival que o conxunto de Becerreá marcase o seu primeiro gol na temporada.