#Primeira Futgal

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 19

Máxicos Salvatierra

Salvatierra Abogados continúa patrocinando a sección dunha Primeira Galicia na que os Máxicos están a amosar un gran nivel na procura dos seus obxectivos.

O Burela imponse ao Guntín no segundo tempo (3-1). O ritmo do partido adaptouse ás intencións do Guntín no primeiro tempo e, pese a que o Burela se adiantou antes do descanso, os visitantes saíron renovados do paso por vestiarios e lograron a igualada nun rexeite na área. Os mariñáns deron entón un paso adiante e conseguiron dous tantos case consecutivos na recta final para deixar os tres puntos na Marosa.

O Chantada Atlético cae no engadido ante un gran Outeiro de Rei (1-2). O Chantada Atlético levou o peso da posesión diante dun Outeiro que trataba de recuperar o coiro pero non o lograba. Porén, o primeiro tempo discorreu sen claras ocasións de gol para ningún dos dous conxuntos. Sería xa no comezo da segunda metade cando Diego anotou o primeiro tanto dos visitantes e, mediado o segundo tempo, os chantadinos conseguiron o empate por medio dun centro lateral rematado por César.

Houbo alternativas para ambos conxuntos, cun disparo ao pau de Porto e unha falta directa de Aarón, pero sería Borja quen aproveitaría un erro defensivo da zaga local no 90′ para facer o 1-2. O Outeiro resisitiu as intentonas locais durante o desconto e sacou tres puntos de ouro do Sangoñedo.



Un gol olímpico de Paulo derrota ao Portomarín na Santa Cruz (1-0). Partido trabado e marcado polo vento na localidade mariñá, tendo as máis claras os visitantes ao longo da primeira metade. Xa no segundo tempo, un córner botado por Paulo envenenouse co vento e entrou de xeito directo na meta defendida por Roi. Os miñotos trataron de reaccionar e tiveron algunha chegada clara a liña de fondo, pero o gardamallas local Meke e a súa zaga evitaron o tanto do empate.

O Meira e a Milagrosa asinan táboas na Lomba (1-1). Tamén o aire marcou o partido na Lomba, aínda que os locais se mostraron máis incisivos no primeiro tempo. Óscar puxo o 1-0 e gozou doutra ocasión clara, mentres que Panchi errou unha clara oportunidade que ampliaría as diferenzas. A Milagrosa aproveitou os erros locais para dar un paso adiante no segundo periodo e acadou o empate por medio de Marco. Na recta final, ambos equipos gozaron de achegamentos para anotar o segundo, pero o electrónico non se movería máis.

O Taboada evita unha temporada perfecta do Pol (2-2). Unha mala versión do líder deu cun Taboada moi competitivo. Aínda que se adiantaron os visitantes, os locais non mudaron o seu plan de partido, cun bloque baixo que facía dano nos contragolpes. Guerreiro empatou antes do descanso e, xa á volta dos vestiarios, Omar fixo o segundo da súa conta particular para poñer o 1-2 cun remate nun centro lateral. Porén, Mosky empatou pouco despois para dar pé a un final de partido tolo, con opcións para ambos conxuntos, aínda que sen acerto por parte de ningún. Ao final, o Taboada «roubou» os dous primeiros puntos do casilleiro do Pol desde que comezou a temporada.



Máxicos Salvatierra Abogados

Atlético Escairón e Foz empatan nun choque moi igualado (1-1). O cadro local saiu moi intenso nuns primeiros minutos nos que puido adiantarse, pero o Foz resisitiu e foi gañando metros co paso do tempo. A primeira parte sería máis trabada e deixaría todo aberto para os últimos 45′, nos que o Escairón buscaba acumular xente na área con centros laterais e o Foz facía dano ao contragolpe. Foi precisamente nunha transición na que Manolito fixo o 0-1, pero un erro da zaga focense foi aproveitado por Toto para poñer o 1-1.

Os últimos minutos deixaron ocasións para ambos, sendo as dúas máis claras para os mariñáns, pero o marcador non se moveu máis nun choque no que, ademais da intensidade, destacou a boa actuación do trío arbitral.

O Guitiriz soña coa permanencia tras superar ao Xove Lago (2-0). Os locais estaban convencidos da importancia do choque e conseguiron o primeiro tanto nunha acción de saque de banda longo na que Miguel aproveitou o rexeite na frontal da área para empurrar o balón ao fondo das mallas. Logo dunha mala primeira media hora, o Xove mellorou e tivo o empate nas botas de Diego, que fallou no man a man. Xa no segundo tempo, os mariñáns volveron errar dúas ocasións claras, mentres que o Guitiriz aproveitaba centros laterais para facer dano, a máis clara para Labrada. No tempo engadido, o propio Labrada sentenciou a contenda para os seus, 2-0 no Suso Cruz.

A SD Chantada impide ao Santaballés achegarse aos postos nobres (1-2). Os chantadinos fixeron un partido moi sólido na Liga, con boas vixiancias ofensivas e moito xogo en campo rival. Gabri puxo o 0-1 logo dun gran centro de Pablo, pero os chairegos aproveitaron unha pena máxima para empatar por medio de Novás. Xa na segunda metade, Manu sacou baixo paus un remate de Vérez que tería suposto o 2-1 e, no 86′, David aproveitou un rexeite logo dun tiro de Michi para poñer o 1-2 e desatar a tolemia entre os siareiros chantadinos desprazados ao campo do Santaballés.

O Monterroso supera ao Riotorto na segunda metade (2-0). Os visitantes foron mellores no primeiro tempo, cun posicionamento repregado e boas saídas ao contragolpe que facían sufrir aos de Cerdeiriños. Porén, o Riotorto errou dúas ocasións moi claras e pagou xusto á volta do descanso, cando Melchor aproveitou un erro do porteiro visitante para adiantar aos seus.



Co 1-0, os locais pasaron a controlar mellor o xogo e sentenciaron na recta final nun novo erro defensivo do Riotorto, que inquedou a meta rival con balóns parados pero non atinou en ningunha das dúas áreas.

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 19

O Lemos volve gañar e afonda no

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 19

O Carballedo axuda a que o CD

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *