Nun fin de semana de intensa choiva, o Racing Vilalbés segue sumando na Segunda RFEF. Os chairegos igualaron na Madalena sen goles co Real Oviedo Vetusta. Un chanzo máis abaixo o derbi lucense de Cantarrana entre o Viveiro e a Sarriana saldouse cun triunfo pola mínima do cadro visitante. O Polvorín acadou un empate no feudo do Barbadás. Na Preferente, tamén houbo derbi na Cheda entre a Residencia e o Ribadeo, que rematou en tablas. O Lemos empatou na Pinguela co Sigüeiro e o Castro perdeu no Arturo Pereiro fronte ao Boiro.
O Racing Vilalbés sobrepúxose ás numerosas baixas para empatar co filial oviedista (0-0)
Javi Varela e Santi Gegunde por sanción e Luis Castro, Pablo Rey e Make por lesión, ademáis da saída de Christian foron ausencias máis que significativas para un Racing Vilalbés que mantén as diferencias cun rival directo pola permanencia. A primeira metade resultou descontrolada, cun cadro chairego que non amosou a solidez defensiva á que nos ten acostumados. O Oviedo Vetusta non foi quen de xerar claras ocasións de gol, pero si achegamentos continuos á área vilalbesa.
No segundo tempo o Racing Vilalbés mellorou sobre todo en ataque e contou con ocasións para acadar os tres puntos. Buyo, Isaac e Javi Rey tiveron ocasións claras, e Kiko reclamou penalti por man dun defensor oviedista que o colexiado non sinalou.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A Sarriana suma a terceira vitoria consecutiva no derbi fronte ao Viveiro (0-1)
O derbi de Cantarrana rematou cun triunfo visitante pola mínima que deixa aos mariñáns en postos de descenso, mentres que os sarriaos ollan de preto os postos de promoción. Na primeira metade o Viveiro tivo as ocasións máis claras. Gamarra, Diego, Rolle e Arturo gozaron de opcións de gol moi claras que desbaratou providencial en todas elas o gardameta Javi Liz. A Sarriana só inquedou a Ayoub nun centro chut de Tijan.
Na segunda metade, a Sarriana tivo máis profundidade por banda con Tijan e Sané como máximos expoñentes en ataque. A falta de quince minutos para o final chegou o único tanto do encontro. Un centro raso desde a banda de Diego Rey deixouno pasar Boedo e Sané rematou ao fondo da portería. O tanto do ex viveirense resultou decisivo. Nos últimos intres o Viveiro tentou o empate e contou cunha ocasión de Gamarra que detivo Javi Liz. O cadro local reclamou penalti por man de Max dentro da área que o colexiado non sinalou.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Polvorín empata no campo do Barbadás e suma dúas xornadas sen perder (1-1)
O conxunto lucense tivo o balón a maior parte do partido diante dun Barbadás que buscou rápidas transicións para xerar perigo diante dun Brais que respondeu ben no único achegamento local no primeiro tempo. Maceira, en dúas ocasións, puido adiantar aos de Roberto Trashorras.
No segundo tempo o filial albivermello tivo ocasións máis claras. Unha delas serviu para poñerse con vantaxe no marcador. Un disparo desde fóra da área de Anwar sorprendeu ao gardameta visitante. De novo Maceira puido sentenciar o choque, pero Borja Atanes interviu con éxito. Nos últimos intres do encontro, nun centro lateral, errou Brais na recepción do balón e este colouse na portería.
Residencia e Ribadeo protagonizan un derbi cheo de ocasións que rematou en tablas (1-1)
Nada que ver cun derbi pechado e sen ocasións. Ámbolos dous conxuntos premiaron ao espectador cun encontro aberto e con ocasións que calquera dos dous contendentes puideron levar maior premio. A Residencia comezou mellor. Edrosa errou un man a man fronte a Carrera e Txiki estrelou un balón no pao. Non tardou en respostar o Ribadeo. Castrín tamén fixo tremer o pao da portería defendida por Diego. A falta de dez minutos para o final, Rois cun bo tiro cruzado puxo por diante á Residencia.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O segundo tempo comezou cunha clara ocasión para o cadro local. Artai errou diante de Carrera e o Ribadeo pasou a dominar o encontro. Asier e Álex Meitín contaron con dúas boas ocasións para lograr a igualada, pero esta non chegou ata o minuto 80. Asier foi derrubado na área e Xaime transformou a pena máxima.
O Castro cae diante dun Boiro que remontou o tanto de Juanma (1-2)
Poucas ocasións de gol nun primeiro tempo parello no que o Castro logrou xogar máis tempo en campo contrario e tivo controlado a un Boiro que ocupa praza de ascenso a Terceira RFEF. A ocasión máis clara para os barbanzás chegou ás beiras do descanso. Un penalti dubidoso errouno Hugo.
O Castro saiu ben ao campo na segunda parte, co convencemento de que podían lograr o triunfo e nun saque desde o curruncho Juanma logrou poñer por diante aos de Rafa Casanova. Os chairegos, que contaban coa baixa de Fito por sanción, contaron cun par de ocasións moi claraas para sentenciar o encontro que non foron quen de concretar. Diante dun conxunto da entidade do Boiro, o que perdoa soe pagar e así foi. En dúas chegadas con perigo, Juan García logrou darlle a volta ao partido.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/Playa-da-Cova.gif)
Un Lemos superior ao Sigüeiro non pasa do empate sen goles na Pinguela (0-0)
Saiu ben o Lemos ao campo e foi superior na maior parte do primeiro tempo. Armesto, Mauro e Brais contaron con claras ocasións de gol, que non lograron concretar. O Sigüeiro buscou saír á contra, pero o Lemos controlou ben as tentativas dos visitantes.
O segundo tempo resultou máis parello con achegamentos ás áreas por parte dos dous equipos e sen ocasións moi claras para ningún deles. O Lemos xogou os últimos minutos con dez pola expulsión de Nacho e tivo que defender as acometidas do Sigüeiro. Os de Juanlu Bernal non renunciaron a lograr os tres puntos e puideron acadalos á contra nos últimos intres.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/17.png)