Comezou a segunda volta para os Máxicos, de novo da man de Salvatierra Abogados.
Resumo da xornada dos máxicos
O Chantada Atlético supera ao Guntín nun partido gris (1-3). Adiantouse o Chantada Atlético nun centro lateral logo dunha primeira parte na que cada equipo estrelara un balón no longueiro. O inicio da segunda parte derivou no 0-2, pero o cambio de sistema local favoreceu o xogo do Guntín, que recurtou diferenzas e estivo a piques de empatar nunha xogada na que o colexiado anulou un tanto ao Guntín. Na recta final foron máis incisivos os do Ladairo, pero unha acción de Adri co Guntín volcado puxo o 1-3 definitivo a prol dos chantadinos.
O Outeiro de Rei supera ao Portomarín na estrea de Diego Rey (2-0). Partido de fútbol directo no Municipal, no que o Outeiro sacou a súa versión máis práctica diante dun Portomarín que estreaba adestrador. Logo dun primeiro tempo igualado onde a máis clara foi para os visitantes, Borja fixo un golazo mediada a segunda metade que valeu para adiantar aos locais e, pese a que os miñotos procuraron a igualada, un contragolpe ben finalizado, de novo, por Borja, puxo a sentenza no último minuto, 2-0 a prol do Outeiro de Rei.

O Lourenzá domina as áreas diante do Meira (2-0). Os visitantes levaron o peso do xogo diante dun Lourenzá que baseou o seu fútbol na solidez defensiva e que obtivo premio na súa primeira finalización da primeira metade, que supuxo o 1-0. Xa na reanudación, o Meira buscou o empate e xogou moito tempo en campo rival, pero unha versión moi sólida dos da Santa Cruz valeulles para manter a renda e, xa na recta final, sentenciar nun contragolpe levado por Jose e finalizado por Tucho para superar por 2-0 ao Meira nun duelo crucial para os laurentinos.


A Milagrosa e o Taboada firman táboas logo dunha primeira parte tola (2-2). Foron mellores os locais ao longo da primeira media hora de xogo, na que conseguiron dous tantos que lles permitiron unha renda cómoda, 2-0 no 30′. Porén, un Taboada orgulloso reaccionou e conseguiu facer moito dano polos sectores laterais na recta final do primeiro tempo, o que se traduciu no 2-1 e no 2-2 de penalti antes do tempo de lecer. O segundo tempo caracterizouse polo control e pola estabilidade, sen ocasións claras para ningún dos conxuntos ata os últimos dez minutos, cando o gardamallas local evitou a remontada do Taboada con tres intervencións de moito mérito.

A SD Pol achégase ao ascenso a costa do Atlético Escairón (1-0). Os locais erraron un penalti no primeiro minuto de xogo, algo que deu aire aos do Saviñao para completar unha primera metade moi disputada e con alternativas en ambas áreas. Porén, a calidade local fíxose ver no comezo do segundo tempo, pois Roi puxo un 1-0 que deixou moi mermado ao cadro visitante e que o Pol mantivo ata o asubío final. Aínda así, Os visitantes viron como o colexiado anulaba un gol no último intre do choque, que tería suposto o empate, pero os de Fernandito sumaron tres puntos e aseguran xa doce de marxe co segundo clasificado, o propio Atlético Escairón.
O CD Foz e o Guitiriz asinan unhas táboas que non contentan a ningún (2-2). Un roubo do Foz en campo rival e un posterior remate de cabeza puxo o 1-0 no comezo do choque, pero o Guitiriz reaccionou ben, empatou nunha falta frontal colgada a área e remontou o resultado cun saque de banda no que Miguel aproveitou o rexeite da zaga local. Xa na segunda metade, a entrada de Aitor Moreda na punta de ataque focense deu aire a un conxunto mariñán que cargou a área rival con insistencia. Nun saque de esquina, Carlos fixo o empate e, aínda que ambos conxuntos buscaron o terceiro tanto -o Foz con xogo directo e o Guitiriz con transicións- ningún foi quen de anotar e os puntos se repartiron no Martínez Otero, 2-2 nunha tarde na que Breixo se erixiu como o heroe do Guitiriz con varias paradas de moito mérito.


O Xove Lago cae ante un Santaballés moi acertado (0-3). Logo dunha primeira parte de moito respecto entre ambos conxuntos, os chairegos foron quen de adiantarse nun balón colgado que remataron ata en dúas ocasións, 0-1. Os mariñáns, porén, reaccionaron ben e levaron o dominio do encontro na segunda metade, ata que encaixaron o segundo tanto visitante, neste caso nun centro que enviou á meta propia un defensor do Xove. Xa cos puntos decididos, un penalti no último minuto transformado por Novás puxo o definitivo 0-3 no Municipal.
A SD Chantada convence diante do Monterroso (3-0). O entramado defensivo visitante dificultou a tarefa para a SD Chantada, que sufría coa presión dos de Cerdeiriños e non era quen de chegar con claridade, a excepción dun disparo de Pablo que atallou ben Rubén. Porén, os axustes de Traste no tempo de lecer valéronlle aos chantadinos para facer o 1-0 xusto á volta dos vestiarios e, xa por diante no marcador, controlar o choque cun claro dominio posicional e decidir a contenda por medio dun pase da morte rematado por Gabri e un balón parado executado por Joserra. Ao final, 3-0 no Sangoñedo nun choque no que os locais foron claros, pero sufridos, vencedores.
O Burela vence na Veiga ante un digno Riotorto (0-3). Os de Luchi manteñen a súa candidatura a todo nun duelo no que tiveron o control do balón durante os 90′ minutos pero no que non se adiantaron ata o 40′, cando aproveitaron o rexeite dun balón parado para facer o 0-1. Xa na segunda metade, os mariñáns fixeron o 0-2 e, pouco despois, os locais sufriron a expulsión de Fran Pastor. Cun home menos, o Riotorto resistiu con dignidade os ataques do Burela, aínda que Hugo puxo o definitivo 0-3 para pechar o marcador nunha Veiga en mal estado.
