Celta Barreiros e Casás distáncianse nos dous primeiros postos no grupo norte. Os mariñáns venceron pola mínima no campo do Catro Roldas e os lucenses gañáronlle ao Castroverde, terceiro. O Celeiro consolídase na zona de play off logo de rematar coa imbatibilidade do Cazás no Catro Ventos. No grupo sur, o Rubián venceu con solvencia ao Taboada B e o Páramo fixo o propio co Santa Comba e distancian a un Sober que caeu no derbi fronte ao Río Sil.
grupo norte
Un solitario tanto de Nico dalle tres puntos ao Celta Barreiros no campo do Catro Roldas (0-1). Comezaron mellor os visitantes con dúas claras ocasións de gol, unha delas nun remate de Nico que se estrelou no pao. Co paso dos minutos igualouse o encontro, aínda que sen ocasións para ningún dos dous equipos. No primeiro minuto do segundo tempo Nico rematou ao fondo da portería unha pase desde a banda de Javi Andina. Os de Rubén Acebedo tiveron un penalti para ampliar diferencias que non aproveitaron e o Catro Roldas lanzouse a polo empate, pero non foi quen de acadalo.
O Casás consolida o segundo posto tras golear ao terceiro, o Castroverde (5-2). Partido dun alto nivel para a categoría. O encontro comezou de cara para o Castroverde. Os catro minutos Gelo logrou un bonito gol logo dunha gran xogada combinativa. Os de Fran Veiga, ben posicionados sobre o terreo de xogo dificultaron o xogo do Casás. Malia todo, o cadro local foi quen de empatar sen tardar cun centro chut de Juan. O gol trocou o partido e o Casás pasou a dominar realizando un moi bo fútbol. Na segunda metade chegou un vendaval de goles. En vinte minutos o Casás logrou catro. Juan completou o hat-trick con dous novos goles, Maira e Nacho, cun fermoso tanto pola escadra, foron os autores. Preto do final, nun penalti que o gardameta Raúl detivo en primeira instancia, Samu recurtou diferencias ao aproveitar o rexeite.
O Casás perde a condición de invicto no seu campo diante do Celeiro (0-1). Karchi anotou aos tres minutos de xogo o único tanto do partido cun lanzamento desde a frontal da área tras un rexeite logo do quinto córner para os seus. O Celeiro estivo mellor ata que as forzas se igualaron no ecuador do primeiro tempo. Na segunda metade o dominio foi do Cazás que meteu no seu campo ao Celeiro, pero a falta de acerto privoulle do empate. Os de Martín Rodríguez contaron con ocasións para sentenciar o choque á contra.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A Comercial B rachou a mala xeira cunha goleada fronte ao Rioaveso (4-1). Marcador enganoso logo do visto sobre o céspede. O conxunto visitante foi superior ao seu rival, pero pagou moi caros os erros en defensa, sumando á falta de acerto diante da portería rival. O conxunto lucense gozou de efectividade e acadou tres puntos importantes para voltar á dinámica positiva.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/DSC_0315.jpg)
O Piringalla gaña ao Matela e encadea por primeira vez dúas vitorias consecutivas (1-4). O partido comezou igualado con predominio do xogo directo con tímidas ocasións por parte de ámbolos conxuntos. Con media hora gastada, o Piringalla logrou o primeiro tanto ao aproveitar un desaxuste na zaga outeirá nunha acción a balón parado. Antes do descanso o visitante Cristóbal e o zagueiro local Alexis protagonizaron o susto da xornada nunha disputa aérea. Aínda que se precisou asistencia sanitaria todo quedou nun bo susto. Na segunda metade Miguel puxo terra de por medio e o Matela baixou os brazos. Cristóbal sentenciou co terceiro antes de que os locais, con máis corazón que cabeza, se achegaran sen demasiado éxito á portería rival. A falta de cinco minutos para o final Santi Carballido anotou o tanto da honra de penalti. Pouco despois Miñocas fixo o cuarto e definitivo tanto para un Piringalla moi sólido en defensa que se sitúa a só catro puntos da terceira posición.
O Goiriz golea ao Friol B e achégase ao play off (5-2). Encontro máis igualado do que reflexa o marcador, malia a ser o Goiriz dominador do mesmo. Nunha falta directa, que o colexiado mandou repetir, chegou o primeiro tanto para os de Cora, obra de Andrés. Non tardou en chegar o empate por medio de Roca e Muñiz fixo o segundo para os locais antes do descanso. O Friol B contou con dúas boas ocasións para empatar que non aproveitaron. Nada máis volver de vestiarios o Goiriz fixo o terceiro por medio de Fidel. A partir de aí o encontro tivo clara cor local e chegaron dous novos tantos. Preto do final, Michael transformou unha pena máxima para recurtar diferencias.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/10.png)
grupo sur
O Rubián impón a súa lei na Medela diante do Taboada B (0-3). Encontro de claro dominio visitante. Os de Senén López, unha semana máis, amosaron unha fiabilidade defensiva a proba de bomba e sumaron o seu oitavo encontro ligueiro sen encaixar. Na primeira metade contaron con varias ocasións para marcar que non aproveitaron, ata que na reanudación Manu en dúas ocasións, e Alan certificaron o triunfo visitante. O Taboada B apenas inquedou a portería de Casillas.
O Páramo vence ao Santa Comba e logra a quinta vitoria consecutiva (4-1). Inportante triunfo dos de Jony Lombardía antes do enfrontamenteo directo co Rubián. O encontro resultou igualado con dominio territorial do Santa Comba nunha primeira metade sen apenas ocasións de gol. No segundo tempo, o conxunto visitante adiantouse no marcador cun tanto de Brian nun córner. Nun penalti innecesario o Páramo logrou o empate por medio de Hugo e partir de aí foi superior ao seu rival, sobre todo fisicamente. Juan fixo o segundo de cabeza e Jose anotou o tanto da tranquilidade para os locais. Preto do final un tanto en propia porta significou o cuarto para o Páramo.
O Río Sil vence no derbi ao Río Sil e achégase á cabeza (2-0). Encontro moi reñido e disputado desde o comezo. O Río Sil foi mellor na primeira metade, contando con varias ocasións de gol. Na segunda o Sober colleu o mando e estrelou un balón no pao. Os dous goles chegaron nos últimos dez minutos, obra de Leo e Eloy. O Sober rematou con dez pola expulsión do seu gardameta Sierra.
![Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala fase previa da zona norte que se xoga en Guitiriz, Begonte e Castro de Rei](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/WhatsApp-Image-2023-11-30-at-10.55.48.jpeg)
O Relámapago Taboaada vence no Hermanos Somoza a un voluntarioso Bóveda (1-3). O conxunto local xogou con dez 85 minutos e malia todo amosou unha boa imaxe, sobre todo nunha primeira metada na que non se viron goles. Na segunda parte, o Relámpago impúxose fisicamente aos de Elcoso, que acusaron a inferioridade numérica co paso dos minutos. Brian con dous goles e Cristian marcaron para os de Diego Saborido. A relaxación dos últimos minutos a piques estivo de costarlle caro ao Relámpago. O conxunto local reviviu e contou con ocasións para lograr o empate.
Valioso empate do Monterroso B no campo do Corgo (2-2). Comezou ben o filial monterrosino cunha boa ocasión de Yoni. O killer perdoou unha vez, pero á segunda marcou logo de varios rexeites. Tan só dous minutos máis tarde chegou o empate do Corgo a cargo de Sebas tras un erro do gardameta. Non lle sentou ben o tanto aos de Javitxu que lle cederon o control do partido ao cadro local. No segundo tempo, o Monterroso B saiu mellor e tivo o balón e as ocasións, pero nunha contra os de Abel Rochela non perdoaron e puxéronse por diante cun gol de Iago. A falta de quince minutos para o final, un lanzamento desde fóra da área de Yoni significou o empate.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O duelo de filiais caeu do lado da Sarriana B (3-2). Segundo triunfo do curso para os sarriaos que igualan na clasificación co Chantada Atlético B. Encontro disputado que puido caer para calquera dos dous contendentes. Deu primeiro o conxunto local, pero en catro minutos os chantadinos déronlle a volta ao marcador. No segundo tempo, o técnico local trocou de sistema e xogou con catro atacantes, o que fixo que xeraran moitas ocasións de gol. A dez minutos para o final, chegou o tanto do triunfo local.