Dos dez encontros con representación lucense, cinco remataron en empate. O feito aínda resulta máis curioso se só temos en conta a Terceira RFEF e a Primeira Galicia, onde todos os partidos das lucenses non tiveron gañador.
O CD Lugo sumou un valioso punto ante o Mos. Partido igualado na Cheda, onde quizais as pontevedresas tiveron algo máis de balón. O dominio foi alterno durante os noventa minutos. Comezou mellor o Mos para deixar paso a un cadro albivermello incisivo no último tramo da primeira metade. As de Joaquín Blanco desperdiciaron tamén oportunidades ao inicio da reanudación. E logo tocou sufrir para manter o 0-0 inicial co asubío final.
O PM Friol colleitou unha meritoria igualada no feudo do segundo clasificado. O Deportivo B non foi quen de meter man a un correoso equipo lucense. As da Reigosa adiantáronse nun erro herculino, no medio dun precioso ida e volta entre ambas escadras.
O filial coruñés deixou un inicio arrollador na segunda metade e deulle a volta ao marcador en tres minutos (o último do primeiro acto e os dous seguintes tralo intermedio). No entanto, o PM Friol non baixou os brazos e salvou un punto desde os once metros no derradeiro cuarto de hora.
Pola súa parte, o PM Friol B colleitou un empate insuficiente para saír do descenso a Segunda Galicia. Un bo punto a domicilio nun encontro no que o Amizade de Meirás se adiantou por dúas veces, unha en cada parte. E no que o combativo equipo de Geluco Villar neutralizou ambas vantaxes pouco tempo despois de encaixar sendos golpes.
O San Roque impuxo a lóxica no derbi. O Antas vence de novo a domicilio na segunda galicia
Derbi sen historia no Luis López Gorgoso. Un San Roque superior impuxo a súa lei ante a xuventude da Milagrosa na Segunda Galicia. As de Quiroga fixeron os deberes na primeira metade, marchando cun 0-4 ao seu favor ao tempo de lecer. No segundo acto, as verdibrancas redondearon a goleada e as menos habituais gozaron dun maior número de minutos. Saray, Sofía e Miriam remataron o partido con dous tantos cada unha.
O Antas suma e segue despois dun triunfo moi traballado e sufrido en Carral. O inicio foi inmellorable, cun gol de Paula tras unha falta botada por Nuria. A falta de solidez das da Ulloa propiciaba boas chegadas locais. O empate foi o mal menor. Por sorte, Nuria sacou o fusil para poñer o 1-2 cun lategazo desde fóra da área. Dani Abelairas optou por retrasar a Iria de posición e o Antas mellorou en tarefas defensivas.
No segundo acto, aumentou a comodidade da zaga; e o perigo e as combinacións chegaron como consecuencia do anterior. Elisa aumentaba as diferenzas pero un novo e puntual despiste defensivo situaba o 2-3 no electrónico. Xusto despois dese tanto, María fixo a sentenza definitiva nun encontro de tolos e no que as máis novas tiveron un protagonismo destacado. Cuarta vitoria consecutiva das do Castro Seoane.
O Chantada desperdiciou as súas opcións de puntuar nunha lamentable primeira metade (4-0). O orgullo das de Jorge González propiciou o gol de Ángeles no inicio da reanudación. Porén foi todo un espellismo. As concesións defensivas e a falta de pólvora non desapareceron e o San Mateo fixo dous tantos máis.
O San Lázaro anótase o derbi e o CD Lugo B deixa dous puntos no camiño na terceira galicia
O San Lázaro gañou o derbi da Terceira con claridade despois de asinar unha boa posta en escena en cada unha das partes do encontro. As de Luchi aproveitaron a desconcentración visitante para dominar a primeira metade como quixeron. O Monte Forte creceu moito na reanudación e sufriu unha expulsión cando mellor estaba. As de Cristian Penas non se viñeron abaixo e incluso meteron máis medo no corpo ás capitalinas con dez. Pero o peixe xa estaba todo vendido. Anita e Douaa asinaron sendos ‘dobretes’.
O CD Lugo B conserva o liderado a pesares do empate colleitado ante o modesto Rois. A mala posta en escena das de Diego Rey, con moitas imprecisións e o gol tonto da xornada, propiciou o 1-0 local. Co paso dos minutos, o filial albivermello incrementou as súas prestacións. E dispuxo dun par de boas oportunidades para empatar antes do descanso.
O balón non quixo entrar. Como si o fixo posteriormente nun tiro de longa distancia de Candela Otero sobre o minuto 50. O tanto espoleou ao CD Lugo B, que viviu toda a segunda metade en campo rival. Multitude de ocasións, dous goles anulados… O Rois resistiu e levou un excesivo premio despois do visto sobre o terreo de xogo.
Segunda vitoria consecutiva dunha Comercial á alza. O cadro de Vicky encarrilou o triunfo nunha gran primeira metade. Posesión, control de xogo e moitas ocasións de gol. Entraron dúas, quizais poucas para todo o xerado polas capitalinas.
No segundo acto, o Curtis disputoulle máis a posesión ás vermellas e o número de ocasións decreceu. Iso si, a Comercial defendeu o resultado minimizando un problema importante: o feito de xogar con dez as postrimerías de encontro pola lesión da porteira. Aroa puxo as luvas e os tres puntos non perigaron.
Por último, o Carballedo deixou os goles e a emoción no seu partido para os últimos cinco minutos. O choque ante o Cruces foi de poder a poder, moi competido en todo momento. As de Sementa topáronse co longueiro dúas veces durante unha primeira metade sen ocasións para as visitantes.
Na reanudación, mantívose a mesma tónica. Aínda así, o Cruces aproveitou unha falta lateral para facer o 0-1 nunha acción un tanto polémica. A resposta do Carballedo non se fixo agardar e Jenny salvou un punto no desconto. Que ben puideron ser tres se as do Catro Ventos marcasen nunha clara oportunidade da que gozaron xusto despois do seu único gol.
Resultados da xornada
CD Lugo 0-0 Mos
Deportivo B 2-2 PM Friol
EFB Amizade 2-2 PM Friol B
Milagrosa 0-8 San Roque
Carral 2-4 Antas
San Mateo 6-1 Chantada
San Lázaro 4-1 Monte Forte
Carballedo 1-1 Cruces
Rois 1-1 CD Lugo B
Curtis 0-2 Comercial