Alberte Ledo regresou a pasada xornada ao fútbol da provincia. O xogador pontés fichou no Cabreiros e debutou con gol na primeira vitoria do equipo na tempada. O mediapunta portou o ’10’ do cadro da Acea. Foi nunha tarde chuviosa, pero con menos lama se o comparemos coa maioría dos campos da provincia.
Os datos das oito primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Iberia, Pastoricense, San Ciprián, Xermade, Oural, Ferreira e Palas (un partido)
- Equipos que non gañaron: Roupar e Chantada B.
- Equipos que máis puntuaron: Oural (19 pts)
- Equipo que máis goles marcou: Folgueiro e Oural (22 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Palas (3 goles)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (12 goles)
- Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (2 goles en 629 minutos)
- Tendo en conta as últimas tres xornadas…
- Equipos na mellor xeira: Folgueiro e Oural (tres vitorias seguidas)
- Futbolista na mellor xeira: Mario Puerta – Oural (5 goles)
O Racing B volve estar acompañado no liderado
Na zona norte, o filial do Racing Villalbés encabeza a clasificación, pero só polo diferencial de goles. Nas últimas dúas xornadas, o Pastoricense e o Iberia recurtáronlle os cinco puntos que tiña de vantaxe. Os tres clubs están igualados a 17 puntos.
O filial racinguista empatou na visita aos seus veciños do Abadín. Foi un encontro igualado marcado tamén polo estado do terreo de xogo.
Gabri Blanco adiantou ao Racing B ao pouco de comezar o segundo tempo. Seco estivo a piques de empatar cunha ocasión clarísima que no último momento marchou desviada. Pouco despois, acertou Álex Goás cun disparo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Racing B recupera ao dianteiro Samu López despois de cumprir sanción. Xogan o sábado ante o Roupar no Novo. Quen non poderá sentarse no banco será o adestrador Iván Lamas, tras ser sancionado cun partido.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/A-NOSA-ARTE-LUGO_FUTBOLIN-BANNER-300X300.gif)
O Iberia superou a domicilio a unha combativa Comercial. Os pupilos preparados por Andrés Rodríguez marcharon gañando ao descanso. O oportunista Yoni foi o autor do gol.
No segundo tempo, os trocos melloraron tamén aos visitantes e remontaron grazas a cadansúa acción pola banda. Un centro de Yáñez foi rematado por Samuel para o empate. Un centro de Borja foi rematado por Franchi para lograr o segundo gol.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![Décimo novena edición do Rías Altas Clásico organizado polo Moto Club Coruña e a Escudería Centollo no Concello de Guitiriz.](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/WhatsApp-Image-2023-11-09-at-18.00.08.jpeg)
O Pastoricense superou ao Sporting Pontenova. Terceira semana seguida que o Sporting perde polo mesmo resultado (2-1, 1-2, 2-1).
O encontro comezou igualado e non foi ata o segundo tempo cando chegaron os goles. Foi o cadro amarelo e negro o que comezou marcando. Logo os locais remontaron. Dobrete de Manu Penedo para manter aos seus na zona alta.
O Folgueiro entra na promoción con tres vitorias seguidas
O Folgueiro ascende ao cuarto posto. Colócase a tres puntos do tren de cabeza no seu mellor momento da temporada. Gañoulle o Mondoñedo en Boavista nun duelo disputado marcado polas inclemencias climatolóxicas.
O Mondoñedo foi quen se puxo por diante cun gol de Javi. Os locais lograron a remontada momentánea e na recta final do partido conseguiron dous goles máis. Kiños volveu dar a talla e marcou un dobrete. Foi o preludio do seu bo nivel amosado o resto da semana no concurso da TVG ‘Atrápame se podes’.
Sen data para o derbi aprazado: Sanci – Candelaria
O Sanci mantén a súa posición na zona privilexiada a pesar de que non xogou a pasada finde. O derbi do concello de Cervo foi aprazado. Estaba previsto para a matinal do sábado, pero como dende a entidade municipal suspenderon todas as actividades ao aire libre nas instalacióons do concello polo temporal, repercutiu tamén neste encontro sénior.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O Sanci está na 5ª posición empatado co Folgueiro. Marca a zona de promoción cun punto máis que o Xermade. Pola súa banda, a Candelaria ocupa a antepenúltima praza con sete puntos, un de marxe sobre o descenso directo.
O Cospeito enlaza dous triunfos seguidos por primeira vez no curso
O Cospeito sumou a terceira vitoria da tempada. Superou a un Xermade que chegaba invicto á Fonte. Ambos equipos están próximos ao quinto posto. O Xermade a un punto e o Cospeito a dous.
Non houbo excesivas ocasións nin foi o partido máis brillante. Os locais lograron dous goles no segundo tempo de xeito similar. Dúas transicións por banda dereita foron rematadas a gol por Gabi.
A pesar de non facer un bo partido, o Xermade tivo as súas opcións. Co 1-0 en contra, Fran, protagonista a pasada semana, tivo o empate ao enviar un balón o pau.
O Alfoz dá un paso adiante
O Alfoz logrou unha importante vitoria ante o Roupar, rival directo pola situación clasificatoria de ambos ata o momento. O cadro alfocense suma nove puntos e sae da zona baixa da táboa.
Comezou o partido equilibrado, pero en dous destellos a media hora de xogo, o Alfoz marcou dous goles. No segundo tempo, os locais ampliarían a renda xa nun partido máis sinxelo.
![Jorge Estraviz dirixiu un encontro capitaneado por Cristian (Cabreiras) e Iago (Muimenta)](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/cristian_cabreiros_jorge_estraviz_iago_muimenta_05_11_23.jpg)
O Cabreiros suma de tres por primeira vez e promete máis
O campo da Acea sobreviviu estoicamente a unha tarde de forte choiva e loita futbolística. O Cabreiros logrou o primeiro triunfo da liga ante o Muimenta.
Os locais presentáronse coa novidade no once de Alberte Ledo. O futbolista reforza o equipo tras ter a súa última experiencia no Flavia da Primeira Rexional de Santiago. Alberto Ledo formouse na base do As Pontes e tamén na do Racing Villalbés.
Alberte Ledo xogou o seu último ano de xuvenil no Pabellón de Ourense. Posteriormente, Alberte Ledo xogou en Preferente e en Primeira co Polígono San Cipirán (de Ourense, non de Cervo).
Alberte Ledo foi un dos destacados dun partido que o Cabreiros intentou controlar dende o primeiro momento. Tras xerar algún achegamento púxose por diante a balón parado. Sacou un corner Joan Tembrás e rematouno a gol Marcos Novo.
Poucas incursións na área rival do Muimenta no primeiro tempo. Cando o fixo atoparon cunha boa resposta do porteiro Nesi. No segundo tempo, os locais insistiron e marcaron dous goles moi rápido. Sergio Cazás marcou o seu primeiro gol este curso tras un ano pasado de récord.
Alberte Ledo logrou o terceiro para redondear a súa estrea. O Muimenta tratou de erguerse. Sufriu en defensa e puido encaixar varios goles máis. Con todo, tamén foi quen de xerar en ataque movido por un Jairo Gegunde que entrou no segundo tempo. Deulle tempo ao propio Jairo para facer o gol da honra, pero as esperanzas de achegarse máis no marcador morreron ao pouco.
!['O Noso 11 A Chaira' da Segunda Norte na xornada 8 da temporada 2023/2024 cos once xogadores destacados da xornada.](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-13.png)
O Oural mantense na cabeza por terceira semana e abre un pequeno oco
O Oural continúa na boa dinámica. Terceiro encontro consecutivo gañando. Os últimos tres puntos conseguiunos ante o Incio. Acumula xa dezanove puntos e seis vitorias.
Reiteramos que, de novo, o Oural volveu amosar a súa gran capacidade goleadora. Personificado nun novo dobrete de Mario. Sen esquecernos de Fran López (abriu o marcador a balón parado), de Ospina (marcou de penalti indicado sobre Mario) e do dianteiro Diego Díaz.
Darwin, un dos futbolistas máis en forma do Incio, non poderá xogar este domingo nos Medos ante o Brollón. O dianteiro debe cumprir un partido de sanción tras ser expulsado.
Mandaron os empates
Na xornada houbo cinco empates. Tres deles déronse en partidos nos que xogaban equipos da zona alta. O segundo clasificado segue sendo o Friol, pero agora a tres puntos do Oural.
O cadro friolés igualou nun partido tolo co San Roque (4-4). Mediada a segunda metade o Friol gañaba un 1-3 logo de adiantarse moi cedo.
O cadro adestrado polo tándem Fernando Corredoira – Piru foi quen de darlle a volta ao marcador. Nos últimos intres, un penalti permitiulle aos pupilos preparados por Javi Pájaro rescatar un punto.
No San Roque presomen de canteira. Para exemplo, o papel de Luca que meteu o cuarto gol do partido despois de xa debutar co Quiroga.
O Antas cortou a xeira de tres vitorias seguidas noutro encontro de goles co Carballedo (4-4). O cadro preparado por Melendo suma seis xornadas consecutivas sen perder.
Foi un encontro moi similar ao vivido en Montirón. O Antas tiña unha vantaxe de 1-3 ao descanso. Saíu mellor o Carballedo no segundo tempo. Marcou o segundo cedo e lograría a remontada momentánea na recta final. Antes do asubío definitivo, nun balón colgado a área, o Antas empatou.
O Carballedo perde a dous futbolistas importantes ata o ano que vén: O gardamallas Víctor Neira foi sancionado con seis partidos de suspensión. O Comité de Competición considérao “culpable de provocar a animosidade do público, obtendo este propósito e sucedéndose despois unha lea entre afeccionados e xogadores”.
Polo mesmo motivo foi sancionado Monchito. Ademais caénlle dous encontros a maiores (oito en total). Martín Rodríguez ‘Pupas’ debe cumprir tamén un partido de sanción esta xornada por acumulación e non poderá ser da partida no duelo directo do sábado co Sporting Lucense.
Tamén será baixa no próximo partido do Antas o mediocentro Xurxo. Non poderá estar sobre o campo do Castro Seoane no derbi da Ulloa co Palas.
O Ferreira sumou o cuarto empate do curso. Pero este resultado ante o Quiroga manteno na zona de privilexio. Está a seis puntos do líder. O encontro estivo marcado tamén polo estadio do San Martiño. O equipo local, a base de humor, rebautizouno nas redes sociais como San Barriño.
Antes de que a lama fose omnipresente, o Ferreira púxose 0-2 a favor. Logo do descanso, o Quiroga foi capaz de empatar en posteriores accións ao balón parado. Jato e Iván Coba foron os goleadores.
O Quiroga perde a Cañero para o seu próximo partido por sanción ante o Chantada B.
O Brollón – Becerreá xogarase ás portas do Nadal
O estado dos Medos, afectado principalmente pola auga caída, impediu que se xogase o Brollón – Becerreá. A priori, un encontro atractivo entre dous equipos candidatos a estar na parte alta da clasificación.
Este partido queda posposto para o sábado 23 de decembro, un día antes da celebración de Noiteboa.
O Palas non perde de vista a zona alta
O conxunto da Ulloa empatou sen goles ante o Chantada B. Só perdeu un partido no que vai de liga. É sexto igualado a puntos co Becerreá (5º e un partido menos). O filial chantadés segue sen gañar pero suma cinco puntos a base de empates.
O método Palas continúa dando os seus froitos. A seguridade defensiva do conxunto azul continúa sendo un dos seus baluartes. O filial puido adiantarse no primeiro tempo; o Palas case logra poñerse por diante no segundo. Pero ningún estivo acertado.
O adestrador do Palas, Brais Vázquez, está sancionado e non poderá seguir o derbi da Ulloa dende o banco.
Terceira vitoria do curso do Lemos B
O Lemos B volveu gañar e sacou tres puntos moi valiosos ante o Paradela. Aséntase na zona media da táboa con once puntos.
Tras a igualdade inicial, o filial foi gañando protagonismo. Non foi ata o segundo tempo cando se rompeu de vez o partido, cos goles que foron logran os lemistas. O Paradela continúa sufrindo nestes primeiros meses de campaña. Acumula seis derrotas seguidas.
O derbi da capital tamén finalizou en empate
O San Lázaro e Sporting Lucense empataron a un gol. Adiantouse no marcador no segundo tempo o equipo preparado por Merino (agora adestrador do Sporting, no seu momento foino do San Lázaro). Jesús marcou un bo gol dende o borde da área. Antes de encarar a recta final do encontro, Jul marcou o gol do empate.
O San Lázaro tamén se mantén na zona media da clasificación con dez puntos. Mentres que o Sporting Lucense volveu puntuar tras dúas xornadas sen facelo.
O Incio é 13º con sete puntos. O Chantada B ocupa a anetepenúltima posición con cinco puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (tamén con 5 pts.) e o Paradela (4 pts.)
!['O Noso 11 A Chaira' da Segunda Sur na xornada 8 da temporada 2023/2024 cos once xogadores destacados da xornada.](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/11/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-14.png)