Pablo Castro vestiuse case que de Juan Carlos para marcar un dos goles da xornada. O tanto do gardamallas e máis as súas paradas contribuíron o primeiro triunfo do Sporting Lucense.
A xornada cinco amplía o liderado do Racing Villalbés B no norte e devolve ao Friol á cabeza do sur. Os detalles contámolos en O Noso 11 A Chaira.
Equipos que non perderon no que vai de liga: Racing Villalbés B, Xermade e Ferreira.
Equipos que non gañaron nas cinco primeiras xornadas: Cabreiros, Alfoz, Roupar, Chantada B e Carballedo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O filial do Racing máis líder
Na zona norte, o Racing B é agora líder en solitario. Suma trece puntos, tres máis que os seus perseguidores. Sumou a súa cuarta vitoria da campaña ante a Comercial.
Unha vez máis o filial racinguista amosou o seu poderío físico. A Comercial estivo moi enteira no partido e nalgunhas ocasións foi quen de anular a capacidade ofensiva do rival.
Un gol en propia porta abriulle o camiño o Racing B. Antes do descanso, Juanillo empatou de penalti. No segundo tempo os goles de Samu López e de Hugo López resolveron o partido.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Este choque desputouse no campo da Fonte en Cospeito. Precisamente, o Racing B volverá xogar alí esta fin de semana no seu duelo co Cospeito. Será un choque especial para o míster Iván Lamas que se criou, coma quen di, na propia Fonte.
![Álex Costea marcou tres goles para o Sporting Pontenova. Converteuse nun dos protagonistas da xornada 5 de O Noso 11 A Chaira xunto con Pablo Crespo.](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/10/PONTENOVA_ALEXCOSTEA.jpg)
Perseguidores: Pontenova, Iberia e Pastoricense
Terceiro triunfo do curso para o Sporting Pontenova e o Iberia. O cadro pontenovés reafirmou o seu bo inicio de liga cunha contundente vitoria ante o Mondoñedo.
Salientou o olfacto goleador de Álex Costea, autor de tres goles. O xogo pasou polas botas de Borja Lombardero. O mediocentro llidera a un equipo que está sorprendendo co seu rendemento tras unha difícil pretemporada.
O Iberia remontou dous goles en contra diante do Folgueiro. O resultado ao descanso era de 1–2. No segundo tempo, Carlos empatou o marcador cun bo gol. O tanto da vitoria logrouno Barrera nos intreis finais.
No cadro de San Miguel de Reinante destacou o regreso do central Darío tras moitos meses de ausencia por lesión. Tamén se produciu a volta de Franchi, que xa conta con experiencia no equipo na súa etapa xuvenil.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Un Xermade invicto entra en promoción de ascenso
O Xermade deu o primeiro aviso na competición. Derrotou a un Pastoricense que chegaba sen perder e que se presentou con varias baixas como a de Raúl no quecemento. (segue con dez puntos). Os pupilos preparados por Borja Bouza ocupan praza de fase de ascenso con nove puntos.
Ao cuarto de hora xa gañaban os locais con goles de Seco e Pedro Coria. Tentou apertar o conxunto visitante no segundo acto, tivo oportunidades e marcou un gol por medio de Manu Penedo. Pero finalmente o Xermade lograría o terceiro grazas a Hugo Corral despois de xa intentalo antes á contra.
Con nove puntos tamén está o Muimenta. Terceiro triunfo para o equipo do Pichón. Derrotou ao Alfoz. Con todo sufriron os locais. Mediada a primeira parte un tanto en propia e outro de Julio ‘Prevesos’ púxoos con vantaxe. No segundo tempo o rival gozou de numerosas chegadas que non logrou convertir en gol.
A un punto da fase queda o San Ciprián. Segunda vitoria da temporada. Derrotou ao Roupar pola mínima. O gol tempraneiro de Racha permitiu finalmente a consecución dos tres puntos.
Os visitantes tiveron ocasións para ampliar o resultado, pero tamén os locais para empatalo. Incluso no segundo tempo puideron igualar cun disparo que finalmente petou no pau.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/10/SEGUNDA-SUR-XORNADA-23-1.png)
A Candelaria abre campo para volver gañar
A Candelaria superou ao Cabreiros e suma sete puntos (empatada na clasificación coa Comercial). Segundo triunfo do curso logo de remontar o gol inicial visitante. Non foi unha boa primeira metade dos locais. Puideron encaixar máis goles.
No segundo acto cambiaron as tornas. A Candelaria estivo eficaz de cara o gol. Runi foi un dos axitadores do duelo. Entrou dende o banco e anotou un dobrete.
Primeira derrota do Cospeito
O Abadín foi capaz de derrotar ao Cospeito no Municipal. Ambos equipos quedan con seis puntos na metade da táboa. Estiveron moi serios os locais e Iván Seco moi listo no primeiro gol. Aproveitou un erro rival para poñer por diante aos seus.
O Cospeito empatou nun penalti que tivo que repetirse. Na primeira vez Cristian logrou paralo. O colexiado considerou que non estaba nunha posición axeitada. No segundo intento non fallou David Permuy.
No segundo tempo, ambos equipos gozaron de ocasións para marcar. Pero quen atinou foi de novo Iván Seco no tramo final.
O Folgueiro queda con cinco puntos. O Mondoñedo ten catro. Polo momento non conseguiron gañar o Cabreiros (2 pts.), o Alfoz (2 pts.) e o Roupar (1 pto.).
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/10/ANTAS_DIEGUEZ.jpg)
O Friol volveu ao liderado unha semana despois
Na zona sur, o Friol volveu recuperar o seu posto de privilexio. Era un partido de grandes: o equipo que fora líder, contra o que o estaba sendo, o Oural.
Só houbo un gol que, en gran medida, decidiu o partido. O seu autor foi Santi Vázquez. E ten o seu mérito porque ambos conxuntos gozaron de ocasións.
Para mérito tamén o de Ospina. O mediocentro tivo que xogar de porteiro ante a ausencia de Manel e Julián. O valor é dobre porque en teoría quen ía xogar nesa posición era Javi, pero mancouse no quecemento. Ospina asumiu o control baixo paus e parou un penalti.
Ferreira e Becerreá afiánzanse no play off
O Ferreira perdeu a oportunidade de ser líder pero sumou un punto que o mantén nos postos cabeceiros. Igualou no Baliño co San Lázaro.
Os goles todos viñeron no segundo tempo. Con especial incidencia na recta final do encontro. Os visitantes puxéronse dúas veces por diante con goles de Zas e de Mariano. Os locais marcaron por medio de Fagín e Enríquez.
Cabe destacar o bo papel de Hugo Madarnas, o dianteiro do Ferreira (ex do Lemos B) que debutou en partido oficial tras lesionarse na pretemporada.
O Becerreá venceu ao Palas, que aínda chegaba invicto á cita. O encontro foi igualado con máis protagonismo para as liñas defensivas. O equilibrio rompeuno un balón parado en profundidade de Jesu a Santín que rematou en gol.
Os de Brais Vázquez puideron levar un punto noutra acción a balón parado que sacou o cadro local case baixo paus. Tamén os locais puideron ampliar o marcador cun tiro ao poste.
O Quiroga irrompe na promoción
Na quinta posición con oito puntos entra o Quiroga. Segundo triunfo da temporada, desta vez ante o Carballedo. Jato e Gachan puxeron por diante aos locais no San Martiño.
Con todo, os pupilos de Rodrigo Amarante non son de rendirse facilmente. Moncho recurtou diferenzas de penalti. Apertaron moito pero non lograron empatar. Jato sentenciou o choque tras unha gran acción individual de Nacho pola banda.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/10/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-8.png)
Segunda vitoria seguida para o Brollón
O Brollón vai a máis e queda a un punto da promoción. Derrotou con claridade ao Paradela no seu campo. Nico, Isma en dúas ocasións e Adrián Castañer foron os autores dos goles.
Os locais continúan competindo con varias baixas con respecto aos xogadores que gañaron a Copa en xuño. Tiveron as súas opcións pero non foron quen de marcar. Ao descanso aínda 0-1. Pero no segundo tempo o bo acerto visitante sentenciou o choque.
Con sete puntos tamén está o Antas ao superar ao San Roque. Non foi un encontro brillante dos locais. De feito comezaron perdendo grazas a unha boa xogada visitante que finalizou Elian.
Logo o acerto de Álex Diéguez foi clave para a remontada. Sen facer un gran encontro, o atacante continúa demostrando que non está nunha categoría acorde a súa valiña. Tres novos goliños para a súa conta.
Os filiais sen gol
O Chantada B e o Lemos B empataron a cero. É o cuarto empate no que vai de curso para o filial da SD. Aínda non gañaron pero suman catro puntos.
Primeiro triunfo do Sporting lucense grazas a pablo castro
O Sporting Lucense venceu ao Incio para sumar de tres por primeira vez na campaña. Pablo Castro foi un dos sobranceiros do encontro. Realizou boas intervencións e marcou un gol de portería a portería. Sacou en longo. Coa axuda do vento e da posición do porteiro rival, o balón entrou.
O Chantada B, o Incio, o Sporting Lucense e o Paradela (en descenso) quedan con catro puntos. Polo momento non conseguiron gañar o Chantada B (4 pts.)e o Carballedo.