O municipio de Mondoñedo acollerá a terceira edición do All Star, organizado por Futbolinlugo en colaboración co concello de Mondoñedo e co Mondoñedo CF. O evento quere seguir consolidándose como unha cita única no panorama do balompé afeccionado lucense e galego.
Celebrarase o sábado 1 de xullo durante todo o día. A data escollida saíu, en parte, dun sondeo feito a través das redes sociais. Houbo ao redor de 400 votos xuntando os de Instagram e os de Twitter. Con claridade, a opción máis apoiada foi a do primeiro día do tradicional mes da sega. A organización deixouse guiar polo escrutinio e finalmente ese é o día elixido.
A xornada desenvolverase de xeito similar á anterior edición, pero haberá novidades que anunciaremos nas próximas semanas. Non faltarán os partidos dos e das mellores da campaña. Haberá un encontro feminino e outro masculino.
As seleccións faranse a partir das aparicións nas distintas seccións semanais que Futbolinlugo elabora en todas as categorías do fútbol afeccionado. A maiores, haberá os xa tradicionais xogos abertos á participación de todo aquel que queira. Tamén se levarán a cabo homenaxes a aqueles que decidan colgar as botas ao remate desta tempada.
O Viñas da Veiga será a terceira casa do All Star
O campo de herba natural do Viñas da Veiga recollerá a testemuña do Catro Ventos de Carballedo, localización onde se celebrou o curso anterior a gran festa do fútbol lucense. Dende o comezo, o All Star naceu coa idea de moverse cada ano por un campo da provincia.
Primeiramente foi na Marosa de Burela, un dos campos situados máis ao norte. Cando a pandemia o permitiu, baixamos ao sur dos nosos marcos para festexar todos xuntos en Carballedo. Agora volvemos cara a porta da Mariña dentro dun enclave histórico de moita relevancia.
A 25 minutos da Magdalena, a 55 do Anxo Carro, a unha hora de Cantarrana ou a unha hora e media dende o Sangoñedo ou dende a Pinguela, o Viñas da Veiga é a casa futbolística de Mondoñedo. Nesta tempada viu como o seu equipo regresaba á Segunda Rexional.
Damos as grazas ao Concello de Mondoñedo e ao Mondoñedo CF pola axuda prestada para ter a posibilidade de organizar este evento. Nestes meses seguiremos traballando da man para ofrecervos a mellor festa posible. Vémonos no Viñas da Veiga.