Sabido é polos mariñeiros que na técnica do arrastre hai que tocar fondo para poder levar a maior cantidade de peixe posible. Vetada nalgunhas zonas e situada no centro do debate noutras, a técnica do arrastre non está exenta de polémica.
No fútbol pódese facer un paralelismo con esta técnica de pesca. É que os arrastres, entendidos como a serie de descensos que se producen en cadea dunhas categorías a outras, tamén están no centro da polémica. Ademais, poden levar a moitos equipos por diante.
De novo , os descensos por arrastre protagonizan a recta final da campaña para moitos clubs.
Se un equipo galego baixa, implica que descenda outro conxunto da categoría inmediatamente inferior, aínda que sexa un descenso directo.
A única excepción pode producirse na 3ª RFEF. Un ascenso dun equipo galego na promoción desta categoría cara a 2ª RFEF, si posibilitaría a salvación dun equipo da Terceira que se vira arrastrado pola baixada doutro conxunto galego.
A mala xeira do Bergantiños e do Lugo B e a reestruturación daS LIGAS
A orixe de todo parte dende a 2ª RFEF, división que nestes momentos serve de enlace entre o fútbol estatal e o fútbol galego. A mala dinámica que tiveron algúns dos equipos de Galicia ao longo da tempada xa anticipou a posibilidade de consecuencias negativas para os cadros da 3ª RFEF.
A maiores, hai que sumarlle que estamos ante o primeiro curso que na Terceira Galega hai 16 equipos. Trátase dunha circunstancia que comprime moito a táboa clasificatoria. Provoca que haxa equipos que na última xornada podan quedar en posicións de perigo por mor dos arrastres ou mesmo clasificarse para a fase de ascenso.
E por se todo isto non fose pouco, aínda hai un ingrediente a maiores. Está previsto que na próxima tempada a Preferente conte con 18 equipos en cadanseu grupo (a diferenza dos 20 actuais). Algo que xa provoca de por si algún descenso directo máis ca outros anos.
Procedemos a contar a situación actual do fútbol galego e como lle afectaría ao balompé lucense. Sempre e cando se sigan rexindo as normas vixentes ata agora e sendo a Federación quen ten a última palabra tamén na ordenación dos grupos.
Con todo, tendo en conta que a reformulación a estudo non sería ata o curso 24/25 relatamos a situación actual. Este domingo xógase unha xornada moi importante porque remata a 3ª RFEF. Non obstante, quedarán semanas de estrés para saber finalmente a incidencia dos arrastres no fútbol da provincia.
2ª RFEF: A esperanza está no Ourense CF e no Coruxo
Na cuarta categoría do fútbol español estase xogando esta fin de semana a 31ª xornada. Logo de que remate, quedarán nove puntos en xogo para que finalice a liga regular.
O Bergantiños xa está descendido matematicamente e o Lugo B case que de xeito virtual. Ambos descensos significarían, de primeiras, dous arrastres na Terceira Galega.
A maiores, o Coruxo e o Ourense CF pelexan pola permanencia. O Coruxo xoga esta tarde ás 16:45h no Vao precisamente ante o Lugo B. O cadro vigués ten un punto de marxe sobre o posto de ‘play out’ e un punto tamén sobre o descenso directo.
Pola súa banda, o equipo natural do barrio ourensán da Ponte conseguiu tres puntos cruciais este sábado. Derrotou a domicilio e con claridade a un dos grandes equipos da categoría, o Real Avilés. Queda momentaneamente con tres puntos sobre o descenso, pero aínda teñen que xogar os seus rivais.
- Últimas 3 xornadas:
Ourense CF – Palencia Cristo Atlético (rival directo)
Valladolid Promesas – Ourense CF (rival da zona alta)
Ourense CF – Laredo (rival directo)
Coruxo – Real Oviedo B (rival da zona alta)
Bergantiños – Coruxo (rival descendido)
Coruxo – Gimnástica de Torrelavega (pode chegar como rival directo ou xa sen xogarse postos de maior relevancia)
No peor dos casos podería haber catro arrastres. Na mellor das situacións produciríase un só. Para iso tería que ascender un dos equipos da Terceira Galega que xogarán o play off. Dos catro galegos haberá un gañador que xogará unha final polo ascenso á 2ª RFEF contra un rival doutro grupo. Se sobe de división, evita un arrastre.
NOTA*: O ascenso do primeiro clasificado da Terceira Galega non supón que se evite un arrastre. Será o Fabril ou o Arousa.
3ª RFEF: A zona norte sería a prexudicada nos arrastres
A quinta división do fútbol estatal ponlle fin este domingo a súa tempada regular máis corta. Dezaseis equipos competiron ao longo de trinta encontros, o que deixa un apoteósico final de liga. Mesmo hai algún conxunto que pelexa pola salvación e podería meterse en play off. De tolos.
Na 3ª RFEF baixan tres equipos de xeito directo. O Choco e o Arzúa xa non teñen opcións de permanencia. O Barco aínda ten algunha, pero tamén o ten súper complicado. Neste caso, no que lle atinxe á Preferente Norte só conlevaría arrastre o descenso do Arzúa.
A problemática vén porque se sabe que vai haber, como mínimo, un descenso por arrastre na 3ª RFEF. Incluso podería haber ata un máximo de catro. É dicir, o 13° clasificado vai baixar e incluso podería facelo o 10° da táboa.
Non se sabe quen ocupará estas posicións ata que remate a xornada de hoxe que ten un horario unificado ás 17:00h. Dos sete equipos que tentan evitar os arrastres, só un non lle afectaría á Preferente Norte. Nesa loita están o Paiosaco, o Silva, o Viveiro, o Somozas, o Arteixo, o Gran Peña e o Estradense.
No caso dun arrastre do Gran Peña iría encadrado para a Preferente Sur. Nun suposto arrastre dos outros equipos, irían para a Norte. Incluso no caso do Estradense, tal e como vén recollido na circular desta tempada da Real Federación Galega de Fútbol. O caso do Estradense leva sendo así, por aprobación asamblearia, dende xullo de 2013.
Poñéndonos no peor dos casos para o balompé da nosa provincia poderían descender cinco equipos por arrastre dende a Terceira RFEF cara a Preferente Norte. Na mellor das situacións, serían só dous os arrastres que lle afectarían.
Os dous equipos lucenses da categoría están implicados de diferente maneira con respecto aos arrastres. O Racing Villalbés tenta xogar a promoción de ascenso. Pola súa banda, o Viveiro trata de ser un deses equipos que non quede en situación de perigo á espera dos arrastres totais.
Simón Lamas: «Non nos permiten desfrutar o que deberíamos da nosa paixón»
- Racing Villalbés – Arousa (A Magdalena, 17:00h)
O cadro dirixido por Simón Lamas trata de refrendar a posición que ocupou na maior parte da temporada. É cuarto con 43 puntos; ten un punto máis que a UD Ourense (5ª aínda en posto de play off) e dous máis que o Alondras (6º).
Recibe na casa a un Arousa que se xoga o ascenso directo (está empatado a puntos co Fabril pero co gol average en contra). O Racing se gaña está dentro. O empate valeríalle sempre e cando o Alondras non gañe por máis dun gol. Ademais estarían sempre clasificados no caso de que UD Ourense ou Alondras non gañen.
“Temos moita gana de clasificarnos sen depender de ningún resultado. O partido vennos ben. Respectamos moito ao Arousa pero pensamos que non temos que temerlle a ninguén. Na nosa casa temos moitas opcións. É unha oportunidade para xerar racinguismo no público que poda achegarse”, afirma con rotundidade Simón Lamas, adestrador do Racing Villalbés.
A Simón non lle termina de convencer unha categoría de dezaseis: “Penso que a Federación debería pensar en revisar o formato. Son poucos partidos e ante a existencia de arrastres estamos competindo sen saber practicamente donde debemos quedar para acadar o obxectivo da permanencia”.
“Creo que vamos no sentido contrario ao obxectivo de profesionalizar a categoría. Incluso como no caso do Arzúa (Chiño e Enjamio reforzaron nestes días ao Lalín de 1ª Rexional) equipos doutras categorías incorporan xogadores que xa non loitan por obxectivos”, apunta.
O adestrador vilalbés alega que “para os xogadores, adestradores e demais traballadores dos clubes estes formatos son moi estresantes e non nos permiten desfrutar o que deberíamos da nosa paixón”.
Alberto López: «Esta liga de dezaseis equipos non ten xeito, pero hai que aceptar as normas»
- Atlético Arteixo – Viveiro (Ponte dos Brozos, 17:00h)
O equipo preparado por Alberto López quere facer o seu centenario sendo club da Terceira Galega. É un ano de celebración para o Viveiro que comezou a tempada con moitos cambios. Logo dun inicio de curso complicado, os celestes fixeron méritos para chegar a última xornada de liga sen risco de descenso directo.
Os posibles arrastres mantéñenos na pelexa e a última cita da tempada precisamente é ante un rival directo. No caso do Viveiro non podemos dar unhas hipóteses exactas do que necesitaría para salvarse. Porque incluso un triunfo non lle aseguraría 100% a salvación, aínda que sería algo moi rocambolesco.
Polo tanto, o Viveiro precisa os tres puntos ou polo menos puntuar para así evitar o 12º e o 13º posto. A partir de aí, e en función doutros resultados, verase en que posición queda. Logo xa dependerá de se o Ourense CF e o Coruxo descenden ou non.
“Gañando ou empatando estamos fóra dos arrastres que a día de hoxe se coñecen. Dependemos de nós. Chegamos a esta situación con máis puntos dos que tiña o equipo o curso anterior e con menos xornadas”, salienta o adestrador do Viveiro Alberto López.
Para o técnico lucense “esta liga de dezaseis equipos non ten xeito, pero hai que aceptar as normas. Os equipos modestos iran sempre para abaixo ao descender tantos conxuntos”.
Preferente Norte: o Lemos e o Ribadeo xogan por eles e pola provincia
A situación indesexable e hipotética de que descenderan cinco equipos dende a Terceira RFEF cara a Preferente Norte provocaría que baixaran en total nove equipos nesta categoría. Catro por descenso directo (descenden si ou si) e cinco por arrastres (poñéndonos no peor).
Con todo, na Preferente poden aínda cambiar moito as cousas. Despois deste domingo quedan cinco xornadas por desputar. A liga regular non termina ata a última finde de maio. Si é sabido que un arrastre vaino haber. Entón o 16º é un posto de descenso tamén.
Actualmente, o Portomarín si que xa ten confirmado que baixa á Primeira Rexional. Polo tanto, un arrastre haino seguro cara a división lucense.
O Lemos, o Ribadeo e a Residencia tratan de evitar caer nesas posicións de perigo. Con 15 puntos por competir a partir deste domingo, as prazas na clasificación poden variar moito. Nas próximas semanas seguiremos moi pendentes da categoría.
Cando finalice a 2ª RFEF poderemos ter unha idea máis axustada dos descensos que pode haber. A día de hoxe, quen corre máis risco é o Lemos. Ten dous puntos de vantaxe sobre o 16º e na situación actual a súa posición de 15º tamén suporía un arrastre.
O Ribadeo segue collendo aire logo do seu triunfo este domingo ante o Portomarín. Pola súa banda, quen o ten mellor é a Residencia porque está oitava clasificada con 49 puntos. Agás unha recta final de liga moi mala, a súa permanencia está case asegurada.
Primeira Rexional: a maioría dos equipos en perigo son da zona norte
Na Primeira división integramente lucense faltan catro xornadas para rematar a competición. Vai haber tres descensos directos. A maiores, é seguro que un descenso por arrastre vaise producir. É dicir, o 15º tamén descende.
Queda por saber cantas máis posicións poderían estar en perigo. Con todo, como xa vimos comentando, de momento é unha situación que pode cambiar continuamente. No peor dos casos, podería haber catro descensos por arrastres se chegaran a caer o Ribadeo e a Residencia. Poderían ser sete descensos en total.
Nese hipotético caso no que descenderan sete equipos de Primeira Rexional a maioría deles caerían para a Segunda Rexional grupo norte. Os clubs que ocupan as últimas posicións da Primeira son maioritariamente da zona norte.
Co arrastre que falamos que seguro que xa hai a día de hoxe, habería tres descensos para a zona norte e un para a sur. Pero a probabilidade de que poda existir algún máis para a norte nestes momentos é moi alta.
Segunda Rexional: penúltima xornada
Como vimos comentando en #ONoso11AChaira na Segunda Rexional faltan dúas xornadas para rematar a competición regular. Xa co Guntín ascendido, o Meira buscará esta tarde lograr o ascenso de categoría.
En cada grupo descende directamente o último clasificado. A maiores como comentamos no grupo norte caerían seguro tres equipos máis e un no sur.
Na Segunda grupo norte, o Goiriz e o Celta Barreiros xa teñen confirmado o seu descenso. O Roupar tamén de xeito virtual porque non podería alcanzar a 12ª posición. No mellor dos casos só descendería un equipos máis, é dicir o 13º que nestes momentos é o Fonsagrada.
Ante o risco de máis descensos, o Fonsagrada, o Castro B, o Alfoz, o Cabreiros e a Comercial xoganse a tranquilidade nestas dúas últimas xornadas.
- Clasificación:
9ª Comercial 37 pts.
10ª Cabreiros 36 pts
11º Alfoz 34 pts.
12º Castro B 33 pts.
13º Fonsagrada 30 pts.
- Penúltima xornada:
Comercial – Guitiriz (o rival busca a mellor posición para xogar a fase)
Folgueiro – Cabreiros (o rival busca a mellor posición para xogar a fase)
Alfoz – Celta Barreiros (rival descendido)
Iberia – Castro B (o rival busca a mellor posición para xogar a fase)
Fonsagrada – Candelaria (rival sen posicións importantes en xogo)
- Última xornada:
Cabreiros – Comercial
Cospeito – Alfoz (o rival busca a mellor posición para xogar a fase)
Castro B – Fonsagrada
No caso da Segunda Rexional grupo sur, a maiores do descenso directo; a día de hoxe habería un arrastre máis. Como moito podería haber outro arrastre. É dicir, a posición de 13ª poderiamos catalogala de salvación.
O Corgo ocupa o posto de descenso directo e só podería ser penúltimo, polo que non tería opcións de permanecer na categoría. No penúltimo posto está o Río Sil a catro puntos do Carballedo que é antepenúltimo. O equipo do Catro Ventos está a dous do Lemos B que ocupa esa 13ª posición. A salvación virtual tena conseguida o Chantada B.
- Clasificación:
13º Lemos B 25 pts
14ª Carballedo 23 pts
15º Río Sil 19 pts
16º Corgo 15 pts
- Penúltima xornada:
Lemos B – Ferreira (rival xogándose a fase de ascenso)
Becerreá – Carballedo (rival xogándose a fase de ascenso)
Río Sil – Guntín (rival xa ascendido)
Brollón – Corgo (rival sen posicións importantes en xogo)
- Última xornada:
Corgo – Lemos B
Carballedo – Milagrosa (rival xogándose a fase de ascenso)
Oural – Río Sil (rival xogándose a fase de ascenso)
Polo tanto, aínda que hoxe remata a competición regular da Terceira RFEF e quedará unha xornada na Segunda Rexional, non poderemos saber con exactitude os arrastres que se darán no fútbol afeccionado. Seguiremos pendentes para ver se a situación chega ao fondo e a cantos leva por diante esta técnica do arrastre.
Estas fins de semana o fútbol lucense xógase tamén moito fóra dos marcos da provincia. A salvación do Ourense CF e do Coruxo xa resulta clave para minimizar as consecuencias.