#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Barrera prívalle o paso triunfal ó Meira

Non foi un obstáculo calquera, foi un xogador nun gran momento de forma dentro dun equipo que volveu facer unha gran actuación coral. O dianteiro Barrera marcou os tres goles da vitoria do Iberia sobre o Meira. Un resultado que comprime a clasificación no alto da zona norte. 

Para os líderes non foi unha boa xornada porque o Guntín tampouco gañou. A súa vantaxe é de seis puntos con respecto ao Friol, sen esquecerse que na última xornada o cadro laranxa recibe ao friolés.  

Quedan quince puntos en xogo e a loita polos primeiros postos está aberta. A pelexa por entrar na promoción de ascenso vai estar viva probablemente ata a última xornada. E por abaixo, asustan os posibles arrastres.  Contámolo en #ONoso11AChaira

A gran tarde de Barrera e a imbatibilidade do Iberia

Na zona norte, o partidazo da xornada estaba en San Miguel. O equipo máis en forma da segunda volta (segue sen perder no 2º tramo de liga) recibiu ao líder. Nove puntos separaban ao Iberia do Meira e agora son seis. Con gol average a favor do equipo de Reinante.



Na primeira metade, os locais estiveron ben posicionados e non deixaron estar cómodos aos pupilos preparados por Ramón Labrada.

O primeiro gol chegou por medio dun centro de Dani Prieto. Barrera controlou o balón e adiantou aos seus. O segundo veu por medio dun penalti sobre Jorge sinalado polo colexiado. Barrera non fallou dende os once metros. 

No segundo tempo, o Meira saíu máis enchufado. Recurtaron diferenzas por medio de Farra. Os visitantes tiveron a opción máis clara para empatar de novo co dianteiro de Pousada como protagonista. Javi Prieto paroulle o penalti



Isto foi un mazazo para o Meira e o Iberia aproveitou a circunstancia. Conseguiu o 3-1 de novo por medio de Barrera. O atacante ribadense alcanza xa os 19 goles e queda a dous das cifras de Seixosmil e Sergio Cazás.

O cadro meirego sumou a segunda derrota da segunda volta. As dúas foron ante o Folgueiro e o Iberia, os dous rivais que o suceden na clasificación. Ten tres puntos de marxe (máis o gol average) sobre o equipo do Vicedo. 

O Cascabeiro acollerá este domingo a gran cita da temporada

A próxima semana o Iberia vivirá o Derbi das Praias ante o Celta Barreiros. A priori, a diferenza dos dous equipos agora mesmo é grande, pero tratándose dun duelo de estricta proximidade as forzas e os sentimentos iguálanse. 

O Folgueiro sumou o sétimo partido sen perder de xeito consecutivo. Ademais volveu gañar fóra da casa, onde levaba dous meses sen facelo. Superou a un Muimenta que se veu abaixo nas últimas xornadas. 

Os locais deron a cara na súa casa novamente moi mermados polas baixas; circunstancia que se acrecentou no encontro coa lesión de Martín



Os pupilos preparados por Manuel Vicente marcaron dous goles pouco despois de comezar a segunda metade. Aí resolveron o partido cos tantos de Iago García e de Kiños

O Muimenta queda xa moi distanciado da promoción de ascenso logo de cinco derrotas seguidas. Está a nove puntos dos seus veciños de Cospeito. Ocupa o oitavo posto na clasificación e non pode descoidarse. Agora mesmo ten 36 puntos, que é a cantidade pola que podería andar (máis ou menos) a salvación neste grupo. 

  • Calendario Meira: 

Meira – Fonsagrada

Xermade – Meira

Meira – Alfoz

Muimenta – Meira

Meira – Roupar

  • Calendario Folgueiro: 

Folgueiro – Roupar

Guitiriz – Folgueiro

Comercial – Folgueiro

Folgueiro – Cabreiros

Goiriz – Folgueiro

  • Calendario Iberia:

Celta Barreiros – Iberia

Iberia – Cospeito

Candelaria – Iberia

Iberia – Castro B

Guitiriz – Iberia

*En negriña os partidos contra rivais da zona alta/en boa dinámica 

O Guitiriz colle seis puntos de vantaxe na promoción 

O Guitiriz é cuarto a tres puntos do Iberia. Derrotou no Suso Cruz ao Roupar. Mantén a boa liña da segunda volta na que polo momento só perdeu co Meira

Non sendo un encontro súper vistoso, o Guitiriz xerou ocasións de abondo para merecer o triunfo. Logo de varias opcións, Erik marcou o primeiro nunha xogada combinada. Tentou o Roupar aproximarse a balón parado pero o marcador xa non se movería no primeiro tempo. 

Seguiron xerando oportunidades os locais no segundo acto. Marcaron o segundo tanto por medio de Mauro que rematou de cabeza un centro de Suso. O terceiro gol foi obra de Labrada.

Co partido practicamente sentenciado houbo unha expulsión para cada equipo, parouse o encontro para atender ao porteiro local Jesús (ao final quedou nun susto) e o Roupar marcou o gol da honra. 

Miguel Gomes ‘Rocky’ perderase os próximos catro encontros de liga

Este domingo o Guitiriz ten unha cita coa Candelaria, rival directo polos postos de fase de ascenso. O equipo da Rúa está a catro puntos do play off e a seis do conxunto guitiricense. Miguel Gomes ‘Rocky’ foi sancionado con catro partidos e non poderá xogar ata a última xornada de liga. Yordi tampouco poderá ser da partida no Guitriz por sanción. 

O listón da promoción está agora mesmo en 45 puntos

Esta situación clasificatoria dáse porque precisamente a Candelaria e o Cospeito igualaron na pasada xornada. O Cospeito marca a zona de promoción con 45 puntos e a Candelaria queda con 41. 

Os xogadores adestrados por Luis Romay adiantáronse na primeira metade. Diego marcou un bo gol de volea. Neste tempo ambos equipos quedaron cun xogador menos por expulsión

No segundo acto, os locais dominaron máis e o Cospeito tratou de ampliar diferenzas a contra. O que chegou foi o empate da Candelaria. 

O Cospeito tamén vivirá un encontro de proximidade este domingo na Fonte ante o Castro B. Distintas aspiracións para conseguir tres puntos que ambos precisan. Non poderá entrar na convocatoria o lateral Álex Cabado por sanción

A irrupción do Xermade que mira cara arriba

Sexto encontro seguido sen perder do Xermade e quinto sen encaixar gol. Derrotou pola mínima ao Cabreiros no derbi e ascende á sétima praza. Suma 38 puntos e pode permitirse o luxo de mirar cara arriba. Sen descoidarse do que poda pasar por abaixo, queda a sete puntos da promoción.

O equipo preparado polos irmáns Pena estase mostrando moi forte defensivamente. Nos últimos cinco encontros non encaixou gol. A maiores, están aproveitando as ocasións que teñen para marcar goles. 

Foi o que pasou a pasada xornada cando se adiantaron no derbi ao pouco de comezar o partido. O marcador xa non se movería. Os visitantes tentaron a igualada pero non gozaron de moitas oportunidades. Na recta final o Cabreiros xogou cun menos por expulsión

A Comercial faise con tres puntos de Ouro

O equipo preparado por Andrés Rodríguez derrotou pola mínima ao Alfoz no seu campo. Pescou tres puntos moi importantes preto do río Ouro ante un rival directo. O triunfo permítelle a Comercial pasarlle ao seu rival na clasificación. 32 puntos fronte a 31

Ambos equipos tiveron ocasións e, quizais, o empate sería un resultado máis xusto para o visto sobre o terreo de xogo. Pero os visitantes acertaron a marcar un gol e serviulles para levar a vitoria. 

Ninguén se pode descoidar e todos deben estar alerta. Os seguintes na táboa son o Castro B e o Cabreiros con 30 puntos. O equipo preparado por Paco López recibe este sábado precisamente ao Alfoz. Os locais non poderán contar nin con Totti nin con Silva

O filial vermello gañoulle pola mínima ao Celta Barreiros para coller aire de cara as últimas xornadas. Gran actitude coral do Castro B que culminou unha gran primeira metade na que René foi un dos protagonistas. O gardamallas dos celestes fixo intervencións de mérito e impediu que o rival marchara con máis vantaxe. 

Con todo, no segundo tempo os locais amosaron a súa combatividade e mesmo tiveron algunha opción para empatar. Finalmente ese gol non chegou e o triunfo marchou para a Chaira. 

Quen respira algo mellor é o Fonsagrada aínda que agora mesmo está nunha zona de moito perigo. Clasificado na cuarta posición por abaixo con 27 puntos. Volveu gañar ante o Goiriz, logo de tres derrotas seguidas. 

O equipo do Gómez Besteiro venceu 3-2 nun resultado axustado logo de desperdiciar algunha ocasión máis. O Goiriz volveu marcar por cuarta xornada seguida. Desta vez dous goles, ambos da autoría de Xoel. O primeiro dende longa distancia. 

O Roupar queda con 26 puntos e logo séguenlles o Celta Barreiros e o Goiriz xa descolgados. A maiores do descenso directo, podería haber neste grupo cinco ou seis arrastres. É unha cifra aproximada e supeditada ao que aconteza nas categorías anteriores. Nalgunhas as diferenzas son mínimas e todo pode cambiar no momento no que unha pelota traspase unha liña de gol. 

A competición rematará e non se saberán cantos equipos van descender. A liga na Terceira División si finaliza unha semana antes que a Segunda Rexional. Clarificarase algunha cousa, pero o fútbol lucense seguirá dependendo dos galegos que baixen na 2ª RFEF, de se algún galego consegue ascender no play off en 3ª RFEF e de cantos lucenses baixan dende a Preferente

As circunstancias agora mesmo son múltiples e é difícil sacar conclusións certeiras. O que todo fai indicar é que os arrastres na Segunda afectarán máis ao norte que o sur

Partidazos da xornada que vén NO NORTE: 

Celta Barreiros – Iberia (derbi cun Iberia lanzado na parte alta)

Candelaria – Guitiriz (duelo directo na loita polo play off)

Cospeito – Castro B (encontro de proximidade co play off e a salvación en xogo)

Comercial – Muimenta (duelo directo para evitar pasar apuros)

Cabreiros – Alfoz (duelo directo pola salvación)

A Milagrosa iguala algo máis a liga 

Na zona sur, o Guntín queda cunha vantaxe de seis puntos con respecto ao Friol. Todo despois de que empatara no Ladairo ante a Milagrosa

Comezou mellor o cadro visitante que se adiantou por medio de Faus. Ademais de ter algunha ocasión máis de gol. Aínda así, na recta final da primeira metade os locais remontaron

Felipe marcou o gol do empate para a Mila no Ladairo

Houbo máis igualdade na segunda parte. E quen estivo acertada foi a Mila para igualar. Xa no tramo final, Felipe desviou un disparo desde fóra da área de Camuñas que se transformou en gol. 

O equipo de Frigsa está 6º, empatado a puntos co Oural que agora mesmo marca a posición de promoción de ascenso con 41 puntos. 

O Friol volveu ao camiño da vitoria ante o Carballedo. Foi un encontro no que os locais dominaron o xogo e non pasaron apuros ante un rival que tamén chegaba mermado. O conxunto adestrado por Javi Pájaro case resolveu o partido no primeiro tempo. 

A baza do Friol está en chegar con vida ao último partido de liga. Non obstante, non será tarefa doada. Sen ir máis lonxe este sábado xoga co Ferreira, 3º con tres puntos menos na clasificación. 

O equipo de Pantón desinflouse nas últimas xornadas aínda que segue mantendo unha posición de vantaxe para xogar a fase. Acumula cinco partidos sen gañar; os tres últimos foron empates. A pasada finde igualou sen goles ante o filial da SD Chantada no Sangoñedo. 

Está a tres do Friol e a nove do liderado. Foi un encontro moi desputado no que apenas houbo ocasións para ningún dos dous equipos. Ambos clubs cadran en sinalar que o empate foi xusto

  • Calendario Guntín: 

Paradela – Guntín

Guntín – San Roque

Chantada B – Guntín

Río Sil – Guntín

Guntín – Friol

  • Calendario Friol: 

Ferreira – Friol

Friol – Corgo

Paradela – Friol

Friol – Chantada B

Guntín – Friol

  • Calendario Ferreira:

Ferreira – Friol

San Lázaro – Ferreira

Ferreira – Brollón

Lemos B – Ferreira

Ferreira – Becerreá

*En negriña os partidos contra rivais da zona alta

A boa xeira do Paradela continúa

Na cuarta posición segue con forza o Paradela. Suma 45 puntos e oito partidos sen perder. Derrotou ao Corgo no Gandarón. Alejo puxo por diante aos de Rubén Bergantiños moi cedo. Os visitantes conseguiron empatar. 

Alejo está rendindo a un gran nivel nas últimas xornadas no Paradela

Con todo, o Paradela rápido logrou o segundo. Ao pouco, os de Abel Rochela quedaron cun menos pola expulsión de César Andión. Non se veu abaixo o Corgo, que estivo vivo no partido aínda que os erros defensivos volveron lastrar ao conxunto. 

O Corgo segue como pechacancelas pero aínda mantén opcións de salvación. Prevese que non haxa excesivos arrastres na zona sur, polo que as posibilidades aumentan. Está a 4 puntos do Carballedo e a 5 do Río Sil. 

O listón da promoción está agora mesmo en 41 puntos

Na quinta posición atópase o Oural que reviviu nas últimas dúas xornadas. Marca a zona de privilexio con 41 puntos. Superou a domicilio ao Brollón no difícil campo dos Medos que volveu responder con gran afluencia de público. 

O club de Sarria recuperou a concentración da primeira volta e vai decidido a polo play off. Segunda vitoria seguida e segundo encontro sen encaixar. No primeiro tempo non houbo goles, aínda que Castañer tivo unha boa para poñer por diante aos da casa. 

Cayuela é un dos que marca o ritmo na resurrección do Oural

Saíu moito mellor o Oural no segundo acto. Asociáronse Cayuela e Colón para facer o primeiro tanto. Posteriormente sería Alejandro López Cayuela o que definiría con gran acerto para marcar o segundo. 

Na sétima praza queda o Becerreá. Perdeu pola mínima na casa ante o San Roque. Queda a un punto da Mila e do Oural; iso si, cun partido menos que xogará na Semana Santa ante o Lemos B.  

Os pupilos adestrados por Diego Díaz amosaron un gran rigor defensivo e aproveitaron unha boa ocasión ao cuarto de hora de xogo. O gol de Jano significaría finalmente os tres puntos. 

Os locais tentaron con máis forza buscar o empate na segunda parte pero non gozaron de moitas ocasións. O San Roque quixo sentenciar a contra pero tampouco o conseguiu, aínda que Emilio estivo ben cerca. O cadro de Montirón afiánzase na metade da táboa con 34 puntos. O posto de play off está a sete puntos. 

Entre o Becerreá e o San Roque, está o San Lázaro que se coloca a catro puntos da promoción. Logo dunha semana complicada coa saída de Diego Rey e Corton no banco; ademais da de Cadenas como xogador, o equipo orixinario da Ponte impúxose ao Sporting Lucense no derbi capitalino. 

Colleu os mandos do equipo Óscar García Darriba, que xa formaba parte do anterior corpo técnico. puntos. 

O Lemos B avanza na permanencia

Na décima posición está o Brollón con 32 puntos e séguelle o Sporting Lucense con 31. Aparentemente, ambos están nunha zona tranquila. Logo aparece o Chantada B con 26, un punto máis ca un Lemos B que logrou tres moi importantes. 

O porteiro Eros é o menos batido dos últimos cinco encontros dos equipos da zona alta

O filial lemista superou ao Río Sil no Luis Bodegas. Foron superiores no primeiro tempo e tomaron vantaxe. Non obstante, os locais saíron máis confiados no segundo tempo e o Río Sil tentou poñelos en apertos. Á contra, sentenciaron. Nico Díaz marcou outro dobrete e xa leva doce goles na campaña.

Se os arrastres non complican a situación, podería quedar a pelexa pola salvación en cousa de tres. É que agora o Lemos B ten oito puntos de vantaxe sobre o Río Sil e nove sobre o Carballedo. 

Partidazos da xornada que vén NO SUR:

Paradela – Guntín (xogan os dous equipos máis en forma da liga)

Ferreira – Friol (duelo directo para seguir perseguindo ao Guntín)

San Roque – Milagrosa (derbi capitalino coa Mila xogándose o play off e os locais podéndose meter na loita)

Corgo – Chantada B (os locais precisan gañar para seguir loitando pola salvación e o filial chantadino para confirmar a súa distancia co descenso)

Barrera prívalle o paso triunfal ó Meira

A Porra de Futbolinlugo, 27

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *