Vibrante xornada na Primeira Galicia, na que os máxicos deron o máximo polo seu equipo.
Monterroso 0-2 Santaballés: igualdade en Cerdeiriños, co cadro local levando o peso do xogo no primeiro tempo, pero co Santaballés aproveitando as súas ocasións e, de feito, conseguindo o 0-1 antes do descanso. Á saída de vestiarios, os visitantes melloraron e fixeron o segundo nun saque de esquina. Co 0-2, o Monterroso apretou no campo rival e os visitantes puideron ampliar a renda en varios contragolpes, pero o marcador non se moveu.
Chantada Atlético 1-3 Castro: o Castro sacou partido dunha boa primeira metade no Sangoñedo. Dous tantos na primeira media hora puxeron o partido de cara para os visitantes, que sentenciaron á saída dos vestiarios por medio de Muiña. O Atlético non lle perdeu a cara ao partido e anotou o 1-3 a falta de dez minutos para o final.
Outeiro de Rei 3-2 Antas: partido moi tenso no Municipal, con idas e voltas constantes. Golpearon primeiro os locais por medio de Tichu nun balón parado, pero o Antas empatou ao filo do descanso tras un centro lateral. Remontou o choque o Antas ao comezo do segundo tempo tras outra xogada por banda, pero un golazo de Diego Seijas puxo o 2-2 e, no último minuto do tempo regulamentario, Pereira culminou a remontada local, 3-2 nun choque no que a actuación arbitral deixou moi descontentos aos visitantes.
Pol 0-0 Lourenzá: partido moi pechado no Municipal, no que ambos conxuntos mostraron a súa versión defensiva máis seria. Apenas houbo ocasións para ningún conxunto na tarde do domingo, e o Lourenzá revertiu deste xeito unha xeira de catro partidos seguidos perdendo.
Foz 4-1 Pastoricense: un tempraneiro gol de Manolito puxo o choque de cara para os locais, pero o Pastoricense demostrou que é un óso duro de roer ata o minuto 75′, cando Manolito fixo o seu segundo gol da tarde e Moreda puxo o 3-0. Jordi deu esperanzas aos seus co 3-1, pero Manolito pechou o marcador no 90′ co seu terceiro tanto do día. A nota negativa do día, as lesións que padeceron dous xogadores do Foz.
Xove Lago 6-1 Sporting Pontenova: primeira parte igualada, aínda que o Xove se adiantou no 10′. O Sporting aproveitou un balón parado para igualar e dominar o choque antes do descanso, ao que se chegou con 1-1. Os visitantes perdoar unha ocasión clara ao comezo do segundo tempo, e pouco despois Diego Chao castigou ao seu rival facendo o 2-1. O choque se abriu na recta final, na que os locais anotaton catro goles máis para sentenciar o partido.
Riotorto 0-1 SD Chantada: partido moi pechado na Veiga, con poucas opcións para ambos conxuntos, pero un contragolpe ben levado por Xende e rematado por Michi ao final do primeiro tempo supuxo o 0-1. O Riotorto inquedou a meta rival por medio de balóns parados no segundo tempo, pero non foron quen de empatar o choque, 0-1.
San Ciprián 3-0 Burela: un primeiro tempo perfecto do Sanci puxo contra as cordas ao Burela, que viu como o seu rival anotaba o 1-0 nos primeiros minutos do partido. Os locais aproveitaron o desconcerto visitante para facer sangue nos primeiros 45′, e fixeron dous tantos máis para chegar 3-0 ao descanso. Na segunda metade, un Burela que acusou as baixas intentouno, pero non foi quen de anotar ante un Sanci moi serio.
Atlético Escairón 1-1 Taboada: duelo moi disputado no Saviñao. O Escairón dominou nos primeiros compases e conseguiu adiantarse nunha falta lateral que rematou Sergi. Un balón longo dos visitantes saldouse co empate a un gol antes do descanso. O segundo tempo mantívose igualado, pero o Taboada tivo unha dobre ocasión na que puido adiantarse. Tras esta oportunidade, os locais deron un paso adiante pero non foron quen de asinar o tanto da victoria.