Xa metidos de cheo na segunda semana de agosto o fútbol lucense non da tregua en canto a novidades nos conxuntos da provincia.
Comezamos polo fútbol feminino. María Calvo ‘Peke‘ renovou unha temporada máis como xogadora do RC Deportivo B, equipo que milita na Primeira Nacional, que nesta campaña pasa a ser a cuarta categoría a nivel estatal.
O Burela fíxose cos servizos de Javi Celes, que chega ao conxunto verde procedente do Xove Lago. Segunda etapa do dianteiro na Marosa onde xa militou nas temporadas 2017/2018 e 2018/2019.
O Taboada afronta a pretemporada con poucas novidades no seu cadro de xogadores, ata o momento. Causa baixa no conxunto da Medela Froxán por motivos laborais e incorpórase Diego, procedente do Chantada B. Sergio Quintas, ata o de agora no filial, Xavi, Damián e Artai, todos eles xogadores sub23, farán a pretemporada no conxunto branquiazul.
Xa comezo a adestrar o Antas, que incorporou a Víctor Vázquez e Isma, que chegan procedentes do Monterroso xuvenil, a Kevin, que non xogou o último ano e con pasado no Chantada B, e a Galego, que retorna logo de varias temporadas no Agolada. Causan baixa no conxunto da Ulloa Carión, Remeseiro, Óscar Novo e Noel.
O Castroverde renovou a Ángel, e o Nuevo Nausti aposta de novo polo ‘All Star‘ Manu Jr para a portería e renova ao lateral Carlos e ao mediocentro Brayan. Os chairegos incorporan a Juan, dianteiro que chega procedente do Santa Comba.