A xornada en Terceira déixanos ao Polvorín no maís alto da clasificación. O conxunto lucense derrotou ao Alondras no seu feudo e viu como o seu rival polo primeiro posto, o Somozas, caía diante doutro dos nosos, o Viveiro. O Racing Vilalbés acadou un empate in extremis no campo do Atlético Arnoia. Na Preferente xornada con tres derbis provinciais. A Sarriana derrotou ao Foz no Martínez Otero, o Santaballés fixo o propio coa Residencia, mentres que Santaballés e Ribadeo empataron sen goles. O Lemos caeu pola mínima na súa visita ao As Pontes.
O Polvorín gaña no Morrazo e convírtese en novo líder de Terceira (1-2).
O filial albivermello fixo malo o dito de «adestrador novo, victoria segura» no debut de José Antonio Rodríguez no banquiño do Alondras. O encontro comezou co Polvorín á expectativa, agardando o que propoñía o cadro local, pero non tardou en facerse co dominio do balón. Os de Álex Ortiz levaron a iniciativa durante a maior parte do encontro e á media hora de xogo chegou o primeiro tanto, obra de Julio de tiro cruzado.
Na segunda metade o Polvorín continuou co dominio do xogo, pero viu como o Alondras igualaba o choque cun tanto de Pablo García logo dun rexeite de Julen. A igualada mantívose ata preto do final cando nunha falta lateral que o cadro lucense sacou en curto, Torrado centrou e Jesús rematou ao fondo da portería. Tres puntos que valen un liderato.
O Racing Vilalbés acada un punto sobre a bocina no campo do Arnoia (1-1).
Encontro complicado para o Racing, nun campo moi reducido en cun ambiente de gala por mor do sempre ruidoso entroido ourensán. Comezou ben o conxunto chairego, que controlou sen excesivos atrancos o xogo do seu rival na primeira metade. Malia todo o Arnoi foi quen de adiantarse no marcador cun tanto de Hugo Sanmartín, flamante fichaxe de inverno. Os de Simón Lamas chegaron con certo perigo á área rival e Jose Varela e Ángel Casanova contaron con opcións de gol con dous disparos desde a frontal.
Na segunda metade, o Racing mudou o seu debuxo e pasou a xogar con dous puntos con Rares por detrás e foi quen de dominar o encontro. Incluso con ocasións para empatar ou incluso gañar o encontro. Jose Varela e o xuvenil Cadra, que debutou no once titular do Racing, tiveron ocasións claras. O tanto do empate non chegou ata o minuto 90. Nun saque de banda desde o perfil esquerdo, peinou Cadra e Jose Varela aproveitou un barullo na área para marcar un valioso tanto.
O Viveiro racha os pronósticos e vence no Manuel Candocia (1-2).
O Viveiro gaña no campo do Somozas onde amosou unha gran imaxe a nivel colectivo. Os de David Páez comezaron da mellor maneira. Na primeira chegada un saque desde o curruncho botado por Marcos rematouno Tichu no segundo pao adiantando ao cadro celeste. O conxunto ferrolterrán colleu o mando e no ecuador da primeira metade Rubo igualou o choque. Os locales tiveron os seus mellor minutos e o vilalbés Kiko obrigou a intervir con éxito a Manu Cedrón. Nos últimos compases do primeiro acto ámbolos conxuntos tiveron varias chegadas á área con certo perigo pero o marcador non se moveu.
Na segunda metade o Viveiro amosouse moi firme en defensa e foron os mariñáns que tiveron varias ocasións para marcar. Edgar logo dun córner gozou dunha das máis claras. A falta de vinte minutos para o final un bo pase de Rolle a Chenkam e este superou a Marcos Souto no un contra un. Os últimos minutos foron de asedio do Somozas, pero o cadro celeste non pasou apuros.
O derbi provincial do Martínez Otero foi para a Sarriana que amplía diferencias no liderato de Preferente (0-3).
Cinco puntos sobre o Betanzos e seis sobre o Montañeros, iso si, os rivais cun econtro menos, é a renta que a Sarriana ten na primeira praza logo da vitoria diante do Foz. O conxunto mariñán agardou agazapado en defensa buscando saír á contra, aínda que foi no balón parado onde os visitantes tiveron máis problemas. Pero os de Edu Rodríguez deixaron o encontro moi encarrilado no primeiro cuarto de hora. Aos seis minutos Gerardo, cun gran lanzamento de falta, abriu o marcador, e Diego Rey cun zurdazo desde dentro da área fixo o segundo.
Na segunda metade, Diego Rey gañoulle a partida ao defensor e no un contra un superou a Alonso, hoxe titular na portería focense. A Sarriana contou con claras ocasións para que o resultado fose máis abultado, pero o marcador non se moveu.
Un solitario tanto nos últimos intres de partido impediu que o Lemos puntuase no Poboado (1-0).
O conxunto monfortino rachou a xeira de tres triunfos consecutivos cunha derrota pola mínima diante dun As Pontes que se atopa no mellor momento da temporada. A primeira metade foi moi táctica e con escasas ocasións de gol. A máis claras foron para o Lemos cun remate de cabeza de Sidibé e un contra un de Mauro que salvou o gardameta local.
Logo do paso por vestiarios Rafa Casanova cambiou de sistema e os seus amosaron unha mellor versión, sobre todo no primeiro cuarto de hora, aínda que o Lemos foi quen de contragolpear con certo perigo. Preto do final, nun saque de esquina Javi Rey marcou o único tanto do partido.
Santaballés e Ribadeo firmaron tablas no derbi de A Liga (0-0).
Encontro igualado, de dominio alterno, pero no que se viron varias ocasións para ámbolos equipos. Na primeira metade o conxunto local tivo a máis clara nun lanzamento de falta de Diego que parou ben Carrera. O Santaballés dominiou a primeira media hora de encontro, mentres que o Ribadeo repúxose no último tramo.
A segunda metade seguiu un guión semellante, pero ámbolos equipos buscaron máis a portería contraria. Vérez e Muñiz, á sáida dun córner, gozaron das ocasións máis claras para os de Juan Rodríguez. O conxunto mariñán tamén tivo as sús opcións de levar os tres puntos. Criss e Jacob, este xa nos últimos intres rozaron o tanto para o Ribadeo.
O Escairón reencontrouse coa victoria meses despois no derbi diante da Residencia (3-1).
Máis de catro meses despois o Escairón volveu gañar. Foi no derbi provincial diante dunha Residencia que non compareceu no primeiro tempo. O conxunto local optou por un xogo directo que sorprendeu aos de Dani Galán. Sobrepasado o minuto vinte de encontro Quiroguita recibiu na área e definiu ben cun tiro raso axustado ao pao. Antes do intermedio Félix aproveitou un erro defensivo para poñer terra de por medio.
Na segunda metade cambiou o guión do encontro. A Residencia saiu do vestiario con gañas de darlle a volta ao encontro. O cadro capitalino dominou e contou con ocasións de marcar. Os visitantes protestaron a labor arbitral ao entender que o colexiado non sinalou dous posibles penaltis na área do Escairón. A falta de vinte minutos para o final Dani Renda tivo a ocasión máis clara cun lanzamento de penalti que detivo Álex Ávila cunha gran intervención. Pero pouco máis tarde o propio Dani Renda cun bo tiro cruzado recurtou diferencias. Coa Residencia inquedando ao Escairón na procura do empate un saque de porta en longo do porteiro local recolleuno Ivi que sentenciou o encontro.