Quedan dúas xornadas para que remate a 1ª fase na Terceira Rexional. As posicións de cara o segundo tramo de competición aínda non están decididas. Dáse a casualidade de que esta finde xogan entre si os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo. Para poñernos en contexto, analizamos o que aconteceu na xornada nunha nova entrega do #TresEnRaia.
Na zona norte, continúa a igualdade entre o Castro B e o Catro Roldas. Ambos teñen 28 puntos. O Castro B superou pola mínima ao Rioaveso no que foi o duelo da xornada. Pola súa banda, o Catro Roldas venceu tamén cun resultado axustado ao Cazás. Chuchi, ex xogador do Cazás, foi o encargado de desequilibrar a balanza en favor dos amarelos cun gol de falta directa.
O Castro B e o Catro Roldas enfróntanse este sábado ás 16:30h en Castro. No partido da primeira volta vencera o cadro de Román (2-1). Os dous teñen catro puntos de vantaxe sobre a Comercial (3ª) e oito sobre o Rioaveso (4º, cun partido menos). Pase o que pase, calquera dos dous equipos dependerá de si mesmo polo menos para ser segundo. Posición que permite pasar a 2ª fase con tres puntos de inicio.
A Comercial volveu ao camiño da vitoria ao superar ao Celeiro. Julio e Brandán reencontráronse co gol logo de varias semanas sen marcar. Logo de adiantarse no primeiro tempo o conxunto capitalino, o Celeiro tivo as súas opcións de empatar no segundo tempo. Posteriormente a expulsión de Javi e o segundo visitante imposibilataron que os locais puideran sumar algún punto.


Con este resultado, e a vitoria do Friol B diante do Nuevo Nausti, a competición por abaixo queda xa bastante definida. Cazás (5º) e Friol B (6º) van pasar cun punto o segundo tramo de competición. Están empatados a 13 puntos, así que dependendo da súa posición final irán para un ou outro grupo. As últimas posición van estar ocupadas polo Celeiro e o Friol B que pasarán a 2ª fase con cero puntos.

Na zona sur, o Lemos B ten unha clara vantaxe na cabeza. Non obstante, o seu duelo deste sábado ás 18h en Monforte fronte ao Monterroso B pode deixar aberta a primeira praza ata a última xornada.
O Lemos B lidera a táboa con 31 puntos. Sumou a décima vitoria do curso ante o Sober, outro rival que pelexa polas primeiras posicións. A seis puntos de distancia aparece o Monterroso B. O filial monterrosino uniu o seu quinto triunfo seguido do ano para confirmar que está no seu mellor momento do curso. Venceu ao Relámpago Taboada. Na 1ª volta, o Lemos B gañara a partida por un axustado 2-3.

A terceira posición é ocupada polo Rubián (22 puntos) que non logrou manter nas últimas xornadas a regularidade amosada na primeira volta. Perdeu ante un Carballedo (6º con 17 puntos) que aínda ten opcións de pelexar por ser 3º ou 4º e pasar a segunda fase con dous puntos.
Na cuarta posición volve rexurdir o Castroverde. Venceu claramente ao filial do Taboada. Borja e Pablito marcaron cadanseu dobrete. De rebote, aínda pode aspirar a ser segundo.
Tanto Taboada como Relámpago pasarán a 2ª fase con cero puntos. O resto de posicións neste grupo aínda están moi igualadas e pode pasar calquera cousa.