A Preferente encara o seu tramo decisivo desta primeira fases con tódolos conxuntos lucenses na pelexa por acadar os seus obxectivos. É o caso do Santaballés e o Lemos, que se enfrontarán no campo de A Liga nun derbi provincial o domingo ás 16:30 horas. Obxectivos moi distintos, pero coa mesma necesidade de sumar tres puntos. Arbitrará o colexiado Adán Gallego.
O Santaballés ocupa o antepenúltimo posto da clasificación con trece puntos. Malia a súa situación clasificatoria, os chairegos son sempre un rival difícil de superar, sobre todo no seu campo, onde só o Montañeros foi quen de gañar de xeito cómodo. A falta de experiencia na categoría xogoulles unha mala pasada aos de Juan Rodríguez en varios encontros, nos que fuxiron os puntos nos derradeiros intres, que xunto ás numerosas baixas nos últimos encontros foron claves para que os de Santaballa non sumen máis puntos no seu casilleiro.
O Lemos afronta o encontro desde a cuarta praza, en zona de promoción de ascenso. O cadro adestrado por Alberto López logo de vencer con relativa facilidade ao Escairón na Pinguela e de empatar no encontro adiado co Ribadeo. Cunha cómoda renta sobre a zona de permanencia e co conxunto reforzado no mercado inveranal, os monfortinos encaran este tramo de competición co obxectivo de sumar o maior número de puntos posible para encarar a segunda fase con opcións de ascenso.
O último enfrontamento no campo de A Liga entre Santaballés e Lemos tivo lugar o 1 de abril de 2021 na competición «exprés» da pasada temporada. O encontro rematou con triunfo monfortino por cero tantos a un. O autor do tanto foi o hoxe xogador da Sarriana Adrián Díaz.
que opinan os protagonistas?
RUBÉN «SERRA» (SANTABALLÉS)
- Puntos que voan. «Están a escaparsenos a maioría dos partidos nas segundas metades. Estamos tendo erros que nos penalizan moito neses minutos e que debemos correxir».
- O encontro. «Será un partido moi físico. O Lemos é un equipo con xogadores de moita calidade arriba e que nos poden facer moito dano. Debemos controlar esas situacións».
- A salvación. «As nosas opcións pasan por recuperar a maioría da plantilla para a segunda fase. A día de hoxe temos seis baixas, e aínda que iso non pode ser unha excusa, mérmanos moito no día a día a falta de eses xogadores».
IVO (LEMOS)
- A temporada. «Creo que estamos facendo unha campaña de notable. Traballamos mo ben no día a día e iso nótase nos partidos, nos que competimos moi ben contra calquer rival. Estamos moi ben situados a estas alturas de liga, no cuarto posto e con opcións a todo e creo que fai xustiza a todo o traballo que se está a levar a cabo no club».
- O Santaballés. «Vai ser un partido moi complicado. Eles na casa non son un rival doado. O campo é pequeno e creo que hai previsión de choiva, polo que será un partido que se resolverá en pequenos detalles. Debemos ter coidado coas súas transicións e co balón parado».
- Obxectivo. «Temos que meternos na fase de ascenso e partir de aí xogar sen presión. Ser un equipo competitivo en todo momento e porque non ilusionarse co ascenso a Terceira».
a axenda
PREFERENTE
- Foz – Mugardos (Domingo ás 16:30 horas no Martínez Otero): o conxunto focense recibe a un dos conxuntos chamados a pelexar polo ascenso, pero que non atravesa o seu mellor momento de resultados. Debe ser unha baza que aproveiten os de Gayol para acadar tres puntos vitais.
- Escairón – Sarriana (Domingo ás 16:30 horas no Municpal): derbi provincial a priori desigual. Pechacancelas contra líder, pero os de Juan Torrado non darán o brazo a torcer antes de comezar.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
- Portomarín – Chantada (Domingo ás 16:45 horas no Chao da Poza): primeiro contra terceiro. O líder, que sumou dezaseis dos dezaoito últimos puntos en xogo recibe a un Chantada que non perde desde o mes de novembro.
- Castro – Riotorto (Domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro): o líder invicto quere darlle continuidade á súa boa xeira diante dun Riotorto que non coñece a derrota nos últimos catro encontros e que quere asegurar canto antes a súa presencia na fase de ascenso.
SEGUNDA AUTONÓMICA
- San Ciprián – Roupar (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): encontro para poñer ao día o subgrupo 1. Os mariñáns tentarán sumar tres puntos que lles poña pé e medio na fase de ascenso diante dun Roupar que foi quen de gañar os seus dous últimos encontros.
- Ferreira – Oural (Sábado ás 16:15 horas no Baliño): o cadro local buscará un triunfo que os consolide no liderato diante dun Oural que chega ao Baliño nun bo momento. Un triunfo visitante meteríao con case total seguridade na fase de ascenso.
TERCEIRA AUTONÓMICA
- Castro B – Rioaveso Machinango (Sábado ás 16:30 horas no Anexo ao Arturo Pereiro): dous dos equipos máis en forma da categoría. O filial do Castro tentará consolidar un liderato ao que se queren achegar os chairegos.
- Sober – Lemos B (Domingo ás 16:15 horas en Centeás): o cadro local buscará tres puntos que lle fagan escalar postos na clasificación diante dun filial monfortino que conta por vitorias os seus últimos seis encontros.