#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 12

portada maxicos

Por primeira vez no 2022, volvemos ter o cadro de Máxicos completo, pois todos os clubes da Primeira competiron nesta pasada fin de semana!

Guntín 0-1 Portomarín: o Portomarín sacou tres puntos de ouro do Ladairo grazas a unha boa acción combinativa na primeira metade que se converteu en gol de Héctor. O partido tivo moito ritmo e os equipos incomodaron ás defensas rivais, pero os gardamallas tiveron que intervir. Porén, o dominio do Guntín no treito final puido traducirse no empate.

Lourenzá 2-2 Castro: adiantouse un Lourenzá que se plantou con defensa de cinco ante un Castro combativo que foi quen de empatar poucos minutos despois do 1-0 e de darlle á volta ao marcador logo dun penalti que deixou con 10 aos locais. Porén, os de Santa Cruz apretaron e conseguiron o 2-2 tras un balón parado no minuto 90′.

Outeiro de Rei 1-1 Chantada Atlético: comezou ben o Outeiro, que se adiantou no 4′ por medio de Pedro. Porén, os chantadinos conseguiron igualar pouco despois á saída dun córner. A partires de aí, o partido trabouse e ambos equipos tiveron un par de achegas que lles puideron dar a victoria e, ademais, os visitantes protestaron moito un penalti que non sinalou o colexiado.



Sporting Pontenova 0-0 Burela: partido igualado entre dous equipos que propoñen un fútbol vistoso e que contan cun plantel moi novo. O Burela xerou máis perigo e puido levarse a victoria na recta final, cando o Sporting quedou con 9 xogadores sobre o campo. Antes diso, os locais tiveron unha oportunidade clara que puido ser o 1-0, pero ningún dos dous equipos estivo acertado.

San Roque 0-0 San Lázaro: debutou neste 2022 o San Lázaro cun partido moi igualado no Polvorín, no que ambos conxuntos asinaron unha actuación moi seria e apenas deixaron opcións aos seus rivais, aínda que Elián tivo nas súas botas o 1-0. O San Roque pecha así tres xornadas seguidas sen encaixar gol.

Xove Lago 0-0 Pastoricense: partido atractivo no Municipal no que os dous porteiros foron os homes máis destacados do encontro. O Xove notou o parón que lle supuxo a Covid e as baixas causadas pola mesma, pero puido adiantarse nunha primeira metade na que foron superiores. No segundo tempo, o Pastoricense foi o que mandou e o que errou de cara a porta, polo que ao final o 0-0 inicial foi o protagonista.



SD Chantada 2-2 Monterroso: igualado duelo no Sangoñedo no que o Monterroso se adiantou no 6′ pero os locais reaccionaron e empataron no 9′. A partires de aí foi mellor con balón a SD, e froito diso conseguiu o 2-1 por medio de Joserra. No segundo tempo os visitantes deron un paso adiante e lograron o empate por medio dunha falta na frontal e que se convertiría en definitivo.

Riotorto 1-0 Pol: o Pol caeu por primeira vez na temporada ante o Riotorto, que está a facer da Veiga un fortín e que se achega na clasificación aos do Manuel Luna. Un solitario gol de Adrián na primeira metade decidiu o encontro, aínda que o Pol errou un penalti no 85′ que puido significar o reparto de puntos no día que Xaime debutou coa camisola da SD. Pola súa parte, Marzán estreouse co Riotorto logo de reforzar o equipo no mercado invernal procedente do Escairón.

Friol 0-1 Taboada: o Friol maniatou a un Taboada que non daba coa tecla no primeiro tempo. No segundo, Viusky foi expulsado e Larpi tivo que asumir o rol de porteiro, algo que aproveitou o Taboada cun gran disparo de Noé que se traduciu no 0-1 definitivo e que serviu aos da Medela para levar tres puntos da Reigosa.

Alfoz 0-0 Folgueiro: dominou o Alfoz, pero o Folgueiro tamén tivo opcións, aínda que as imprecisións foron as protagonistas da tarde no Municipal. Na recta final, unha xogada controvertida puido ser o 1-0 dos locais, pero erraron diante da meta defendida por Javi.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *