Os conxuntos de Terceira salvan a honra lucense nunha mala xornada na Preferente

Non tivemos triunfos lucenses na Preferente. O derbi provincial entre a Sarriana e a Residencia rematou en empate, mentres que Santaballés, Foz e Escairón caeron derrotados a domicilio. O Ribadeo afrontou a súa xornada de descanso e o Lemos-San Tirso foi adiado por varios casos de Covid-19 no cadro coruñés. En troques na Terceira, o Racing Vilalbés e o Viveiro sacaron adiante os seus encontros na Madalena e Cantarrana respectivamente. O encontro do Polvorín diante do Ourense CF foi adiado.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

O Racing Vilalbés entra en postos de promoción logo de superar ao Xuvenil de Ponteareas (2-0).

Segundo triunfo consecutivo do Racing que lle serve para entrar de cheo na pelexa pola promoción de ascenso. Foi diante dun Xuvenil de Ponteareas que practicou un bo fútbol na Madalena e que na primeira metade lle puxo as cousas difíciles ao conxunto de Simón Lamas, no día no que o adestrador chairego cumpriu cen encontros á fronte do equipo da súa vila.

Non houbo moitas ocasións na primeira metade. Os visitantes só inquedaron nunha falta lateral e o Racing en dúas ocasións de Cuadrado. Á media hora de xogo, unha presión alta supuxo a recuperación de Javi Rey, que conectou con Otero e este bateu a Dani Sampayo.

Na segunda metade o Xuvenil de Ponteareas levou a iniciativa, pero o Racing era quen de roubar con máis facilidade. Aos once minutos da reanudación, nunha boa xogada de Jose Varela, chegou o segundo tanto. O centro deste foi rematado no segundo pao con pouco ángulo por Otero, que logrou o seu segundo tanto. O cadro visitante só tivo unha achegamento á área de Ángel Fraga por medio de Javi Vila. Make, Pedrosa e o propio Otero puideron incrementar as diferencias nun final de encontro no que os chairegos foron moi superiores.

Volveu o fútbol a Cantarrana cun triunfo do Viveiro diante do Fabril (1-0).

Primeiro encontro do Viveiro no 2022 e primeiro triunfo. Os pupilos de David Páez, xa sin Xaime, realizaron un bo encontro diante dun Fabril que prolongou a mala xeira de resultados en Cantarrana.

O Viveiro saiu a por todas e aos catro minutos chegou o único tanto do encontro. Un disparo de Julián Nieto foi detido por Brais, pero o rexeite empurrouno ao fondo da portería o capitán Álex Meitín. Asier puido poñer terra de por medio cun bo remate que sacou provindencial o gardameta fabrilista. Sobrepasado o ecuador do primeiro tempo filial deportivista despertou e chegou con perigo á porta dun Manu Cedrón que se amosou imperial, sobre todo nas ocasións claras de Mario e nun man a man ante Davo.

Na segunda metade o Fabril foi o dono do partido, pero o Viveiro estivo moi ordeado en defensa e non pasou excesivos apuros. Os de Óscar Gilsanz tentaron a igualada por medio de Jairo e Mella, incorporados ao encontro na segunda metade, pero sen éxito. O camerunés Chenkan debutou nas filas mariñáns.

A Residencia arañou os primeiros puntos da temporada do campo da Sarriana (1-1).

Segundo empate consecutivo para a Sarriana e terceiro para a Residencia, que foi quen de levar os primeiros puntos da temporada da Ribela. Os de Dani Galán adiantaronse na primeira metade gracias a un tanto de Veloso a pase de Poratti. O atacante lucense definiu ben diante de Javi Liz. Pouco máis tarde, os mesmos protagonistas, pero distinto final. Poratti enlazou con Veloso, pero este disparou fóra. Nos primeiros corenta e cinco minutos, a Sarriana malia ter o dominio do balón non atopou o seu fútbol e non xerou grandes ocasións de gol.

Logo do paso por vestiarios, os de Edu Rodríguez fixéronse co dominio do encontro, pero costoulles chegar con perigo á área rival. A máis clara tívoa Omar que se atopou coa gran resposta de Diego. O rexeite caeulle a Diego Rey e de novo o gardameta lucense desbaratou a ocasión. O empate local chegou desde os once metros e desta vota Omar non errou. A Sarriana contou con máis ocasións que non resolveu con éxito.

O Santaballés caeu derrotado no García Hermanos diante dun Betanzos que xa é terceiro (3-1).

O encontro comezou cun gran ritmo marcado polo Betanzos, que o cadro chairego tentou igualar e foi quen de recuperar algún balón en campo rival que lle complicou as cousas aos de Noé López. Cumprido o primeiro cuarto de hora adiantouse o Betanzos cun tanto de Juan de Dora. Ata o descanso apenas existiron máis ocasións de gol.

Na segunda metade, o cadro local comezou mellor e non tardou en chegar o segundo tanto, obra de Fandiño. Os de Juan Rodríguez pasou a dominar o partido e recurtou diferencias cun bo gol de Diego. O Santaballés creeu no empate e dominou o encontro ata o minuto 71 cando o Betanzos fixo o terceiro por medio dun dos grandes goleadores da categoría: Juan de Dora.

Unha mala segunda metade condena ao Foz na súa visita ao Poboado (4-0).

O Foz non puido sacar nada positivo do campo do As Pontes e incluso puido rematar con máis goles en contra, nunha segunda metade para esquecer dos de Gayol. Os primeiros corenta e cinco minutos non facían presaxiar o desenlace final. Un fútbol espeso e sen apenas ocasións, pero nos que os mariñáns se atopaban certamente cómodos. A única opción clara para os locais foi un lanzamento de Dani Bellas ao longueiro.

Na segunda metade os de Rafa Casanova aproveitaron á perfección as accións de balón parado. Sergio Otero marcou nun lanzamento de falta e pouco despois Dani Montes rematou un lanzamento de falta. A partir de aí coser e cantar para o conxunto pontés que ampliou diferencias por medio de Dani Bellas e David Yáñez. Nos últimos vinte minutos o As Pontes contou con ocasións claras para incrementar a conta goleadora.

O Escairón caeu no campo do Victoria a pesar da súa palpable melloría (3-1).

Boa imaxe a amosada polo Atlético Escairón no campo do Victoria. O encontro comezou de cara para os de Juan Torrado cun tanto de Quiroguita aos dez minutos de xogo. Os do Saviñao tiñan o control do balón e apenas concederon ocasións ao seu rival.

No segundo tempo o Victoria tiña máis posesión do balón, aínda que sen xerar situacións claras de perigo ante a portería de Álex Ávila. No minuto 67 produciuse unha xogada clave para o devir do encontro ao ver Ivi o segundo cartón amarelo. A acción foi moi protestada polo Escairón. Cun home menos Toto puido sentenciar, pero non definiu no un contra un ante o porteiro coruñés. A falta dun cuarto de hora para o remate Iago Pérez igualou o choque e o conxunto lucense reclamou un penalti a Toto á saída dun córner que o colexiado non sinalou. Nos últimos dez minutos Martín e Jorge Raña sentenciaron o encontra para os de Guillermo Pigueiras

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 473

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.