O 2021 remata na Segunda Rexional marcado tamén pola incidencia da covid. Na última xornada do ano houbo tres partidos suspendidos. Os subgrupos repártense entre os que xa comezaron a segunda volta ou os que remataron a primeira. Repasamos os detalles nos Onces Futbolinlugo.
Na zona norte, no subgrupo 1A, o Cabreiros foi o campión de inverno e vai pasar o Nadal tamén no máis alto da clasificación. Todo a pesar de non poder xogar aínda o primeiro partido da segunda volta. O derbi xermadino co Roupar foi aprazado. Estímase que se poda xogar o 2 de xaneiro. Na segunda posición queda o Celta Barreiros ao empatar co Xermade.
Na terceira posición colócase o Sanci ao vencer no seu duelo ao Mondoñedo. Con catorce puntos, igual ca o Sanci, está o Iberia como cuarto clasificado aínda que perdeu pola mínima ante a Candelaria. O cadro preparado por Jaime Matouse achégase a zona privilexiada con once puntos.
Na zona norte, no subgrupo 2A, o Meira reafirma aínda máis o seu liderado ao gañarlle ao segundo clasificado. Non foi a goleada da primeira volta, pero o conxunto meirego venceu ao Cospeito na Fonte pola mínima. O gol de Rubén significou a vitoria. Sete puntos de diferenza entre os dous. O gardamallas Alberto continúa sendo o menos batido da zona norte. Na terceira praza continúa o Muimenta a pesar de que perdeu ante o Guitiriz. O cadro guitiricense remonta na clasificación. Dous triunfos seguidos e está a un punto da cuarta posición.


Cuarto é o Goiriz que volveu empatar. Fíxoo ante o Abadín que sumou o seu terceiro punto do curso. Pola súa banda, o Matela tamén queda a un punto da zona nobre logo de superar no duelo directo ao Fonsagrada. O gol de Jorge decantou a balanza.

Na zona sur, no subgrupo 1A, a SD Becerreá segue no máis alto ao volveu ao sendeiro da vitoria. Superou ao Corgo. Non obstante, aínda non se confirmou como campión de inverno xa que lle quita cinco puntos ao Paradela e os pupilos preparados por Rubén Bergantiños teñen dous partidos menos. Un precisamente o duelo directo contra o club da Montaña.
Na terceira posición continúa o Páramo que non rematou o ano do mellor xeito posible. Perdeu con claridade no resultado ante a Milagrosa que se achega a zona nobre da táboa. No derbi da Ulloa triunfou o Palas ante o Antas. Aínda que o conxunto visitante está máis preto da cuarta posición. O Antas controlou bastante o partido ata a hora do xogo, pero o gol local custoulle a perda tamén do dominio.


Na zona sur, no subgrupo 2A, o Ferreira sumou a súa cuarta vitoria seguida e remata a primeira volta como campión de inverno. Derrotou no San Martiño ao Quiroga con dobrete de Carlos; un dos goles de córner directo. O Quiroga tivo como porteiro a Marquiños. A súa posición habitual é a de central ou lateral, pero ante a ausencia de gardamallas por lesión vestiu as luvas como xa fixera nalgunha outra ocasión. Aínda que encaixou tres goles, realizou unha gran intervención e incluso parou un penalti. Segundo é o Oural con tres puntos menos ao empatar a un gol co Brollón que pelexa por entrar no selecto grupo de catro.
O terceiro e o cuarto xogaron xuntos. O Río Sil gañoulle a partida ao filial da SD Chantada, aínda que segue por debaixo na clasificación. Cinco goles houbo no partido; Cuba encaixou dous pero foi dos máis destacados do cadro da Carqueixa. A incidencia da covid obrigou a suspender o Bóveda – Incio.