Un encontro vital. Así se presenta o derbi provincial que este domingo ás 16:45 horas na Cheda xogarán a Residencia e o Escairón coa arbitraxe do colexiado compostelán Rey Molano. E é que, malia que a competición non chegou ao seu ecuador, a ámbolos equipos úrxelles sumar tres puntos para alimentar as súas opcións de permanencia.
O conxunto local conta con catro puntos na clasificación, os mesmos que tiña na terceira xornada de liga. O comezo foi prometedor, amosando unha boa imaxe sobre todo como local, e o certo é que o cadro adestrado por Dani Galán competiu de xeito extraordinario na maior parte dos encontros, en moitos deles lastrado polas numerosas baixas en forma de lesión. No último diante do Atlético Coruña Montañeros a piques estivo de obter un meritorio punto, sendo superior ao seu rival en bo parte do partido.
Un punto menos que os lucenses ten o Atlético Escairón. Un só triunfo, o acadado diante do Victoria coruñés, precisamente no único encontro no que foron capaces de manter a portería a cero. É a febleza defensiva un dos lastres dos de Julio Corral, que ao igual que o seu rival nesta xornada, tamén se viu condicionado en moitos partidos polas numerosas baixas de xogadores importantes como Marzán ou Julito, entre outros.
O último enfrontamento entre Residencia e Escairón data do 14 de abril de 2019 cos dous conxuntos en Primeira Autonómica e rematou con triunfo local por tres goles a un. Iago, Rober e Asier en propia porta anotaron para os locales, mentres que Pollo fixo o tanto visitante, nunha temporada que o equipo daquela adestrado por Álvaro Meilán acadou o ascenso a Preferente.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
SERGIO (RESIDENCIA)
- Un encontro clave. «Afrontámolo como un máis, coas ganas e a motivación de sempre. Temos que saír ao campo a disfrutar e a competir, con confianza e concentración. É importante todo iso para cambar a racha e mellorar en tódolos sentidos».
- O Escairón. «Será un encontro difícil. Ao igual ca nós, eles veñen dunha mala racha e chegarán con moitas ganas. Son un equipo moi competitivo e traballador que loitan o partido os 95 minutos. Teñen xogadores veteranos que aportan moito ao equipo».
- A permanencia. «O noso obxectivo pasa por adestrar e competir cada semana. As opcións e a capacidade de darlle a volta a esta mala racha pasa por nós. Temos que crer e confiar no traballo do grupo. Facendo iso lograremos cambiar a mala racha e gañar partidos».
RUBÉN CIDRE (ESCAIRÓN)
- O derbi. «Afrontamos o encontro con moitas ganas. Debemos ter mentalidade positiva, a pesar da mala racha que vimos arrastrando e saír ao campo mentalizados de sacar algo positivo».
- O rival. «Será un encontro complicado, pero poñeremos todo da nosa parte para rachar dunha vez con esta mala xeira de resultados. Somos conscientes que nnon será doado, xa que eles na casa son un equipo forte».
- As opcións de permanencia. «Queda moita competición e moitos encontros contra rivais directos. Sumar de tres en tres contra eles será clave para poder manter a categoría».
A AXENDA
TERCEIRA DIVISIÓN
- Viveiro – Estradense (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): os de David Páez buscarán un triunfo clave no seu campo diante dun rival directo pola permanencia, ao que superarán na clasificación se son quen de sumar os tres puntos.
- Polvorín – Silva (Sábado ás 17 horas no Municipal de Pol): o filial albivermello a un sempre incómodo Silva, que ao igual que os lucenses, está a realizar unha gran campaña.
PREFERENTE
- Sarriana – Foz (Domingo ás 16:15 horas na Ribela): os de Edu Rodríguez tentarán asaltar o liderato cun triunfo ante un necesitado Foz, que precisa rachar coa mala xeira de resultados.
- Ribadeo – Santaballés (Domingo ás 16:30 horas no Pepe Barrera): lograr dous triunfos consecutivos por primeira vez na temporada será o obxectivo dos de Dani Moirón, que se enfronta ao seu ex equipo. Os chairegos, que suman tres derrotas consecutivas, tentarán revertir a situación.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
- Riotorto – Castro (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): logo de encaixar a primeira derrota da temporada, os de Jon Vázquez buscarán voltar á senda da vitoria ante o ata de agora invicto líder. Os de Juan Peón tan só cederon un punto e encaixaron un gol.
SEGUNDA AUTONÓMICA
- Roupar – Xermade (Sábado ás 16:15 horas no Novo): derbi con moito en xogo. O cadro local precisa con urxencia os puntos para estrear o seu casilleiro e os visitantes para achegarse á zona alta logo dun comezo dubitativo.
- Meira – Muimenta (Domingo ás 16:30 horas na Lomba): os de Labrada, ata o de agora líderes invictos, reciben a un dos conxuntos revelación deste comezo ligueiro. Un triunfo do Muimenta deixaría aos dous equipos empatados a dez puntos.
TERCEIRA AUTONÓMICA
- Castro B – Comercial (Sábado ás 16 horas no Arturo Pereiro): os dous primeiros fronte a fronte. O filial do Castro conta os seus encontros por vitorias, pero os lucenses cun triunfo arrebataríanlle o liderato.
- Carballedo – Lemos B (Sábado ás 16:15 horas no Catro Ventos): os dous equipo empatados a seis puntos, xunto con outros catro equipos. A máxima igualdade do grupo fai que un triunfo poda outorgar o liderato.
PRIMEIRA DIVISIÓN NACIONAL FEMININA
- PM Friol – Mos (Sábado ás 16:30 horas na Reigosa): Dous triunfos consecutivos e catro xornadas sen perder avalan ás lucenses. Un triunfo diante do Mos pode situalas segundas, só por detrás do ata o de agora intratable Viaxes Interrías.
SEGUNDA DIVISIÓN GALEGA
- Carballedo – Comercial (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi lucense no fútbol feminino. O conxunto local buscará unha vitoria que o achegue á zona alta, pero non o terá doado diante dunha Comercial que ven de gañar o seu último encontro.