Esta fin de semana regresa o fútbol na categoría da Segunda Rexional. Despois do parón provocado pola pandemia, a división ten agora máis equipos. Houbo ascensos, pero non descensos. Os tradicionais grupo norte e sur dos últimos anos subdivídense en dous cada un na primeira fase.
O primeiro tramo de competición constará de catorce xornadas, agás o formado polos equipos de Lugo cidade, Ulloa, comarca de Sarria (sen Oural) e a SD Becerreá que terán dezaseis partidos ao ser nove conxuntos.
Os catro primeiros clasificados de cada subgrupo xogarán por ascender e os restantes por non descender. Os equipos accederán á segunda fase cunha puntuación representativa acorde a posición da primeira fase.
Na zona norte haberá un ascenso á Primeira e un descenso á Terceira. Pedímoslles aos adestradores dos clubs que nos describiran as sensacións deste inicio de campaña:


Lugo Grupo 1A: A Mariña e Xermade
CD San Ciprián: Jaime Méndez, adestrador: «Con gana de comezar logo de tanto tempo. Temos un proxecto moi bonito e con vistas ao futuro. O obxectivo é estar o máis arriba posible»
SDC Cabreiros: Abel Rochela, adestrador: «Coa incerteza de cal será o noso nivel con respecto ao resto de equipos despois de tanto tempo parados ao ser un conxunto tan novo. Pero estamos moi ilusionados co traballo que fixeron os rapaces toda a pretemporada competindo moi ben contra rivais de superior categoría»
ADC Xermade: Rubén Pena, adestrador: «Con moitas ganas e ilusión por competir. Sempre con humildade»

Celta Barreiros: Carlos Devesa, adestrador: «Con moita ilusión, sobre todo pola ledicia dos rapaces de volver xogar. Sen desmerecer o outro grupo, penso que nesta primeira fase tocounos o máis forte e van ser todos os partidos a cara de can. Mellor así para competir día si e día tamén e tentar estar o máis arriba posible».
Carlos Devesa: «Tocounos o subgrupo máis forte e os partidos van ser a cara de can»

Mondoñedo FC: Julio Castro, adestrador: «Súper ilusionados porque o traballo da directiva foi impresionante para lograr montar o cadro de xogadores. O 80% do equipo que viña sendo titular a última temporada desapareceu; sobre todo a columna vertebral. Lograr montar un equipo con xente da casa, nova e con ganas é de eloxiar»
«Estamos ilusionados en poder devolver este traballo en forma de deixarnos a pel no campo en cada partido. Non miramos máis aló de intentar que a xente se sinta orgullosa de nós. Se aínda por riba somos capaces de practicar un bo fútbol e sacar adiante os encontros, moito mellor. A liga diranos en que posición merecemos quedar. O 90% dos rapaces que chegan non teñen experiencia en fútbol sénior. Pero estou moi contento co traballo que fan nos adestramentos. Ogallá podamos plasmalo no campo»
SDC Roupar: Diego Dopico, adestrador: «Sabemos que vai ser un grupo moi competitivo, que temos xente nova que ten que adaptarse canto antes para empezar a sumar. Cremos que vai ser un ano no que toque sufrir, pero o importante é que sabemos que imos sufrir xuntos».
SD Candelaria: Jaime Matouse, adestrador: «Unha alegría inmensa volver. O obxectivo é desfrutar dos partidos xogando ao máximo que poidamos dar. Paréceme un subgrupo moi forte o desta zona norte, e non o é tanto no outro lado. Vai ser moi competido e vai ser moi difícil para todos».
Iberia CF: José Manuel, adestrador: «Contentos por poder comezar. Custou a adaptación dos futbolistas logo do parón. Na pretemporada fomos de menos a máis e estamos coa ilusión de facer unha campaña tranquila. Cambiamos bastante o cadro de futbolistas. Vai ser un subgrupo moi competitivo e igualado. Calquera pode facer por meterse arriba. Non renunciamos a nada. Cremos que hai xente para poder facer algo bonito na liga. O primeiro é buscar a salvación e a partir de aí todo o que veña a maiores».
Lugo Grupo 1B: Dende a Terra Chá pasando pola Lomba de Meira ata a Fonsagrada
Meira FC: Ramón Labrada, adestrador: «Con ganas e ilusión despois de tanto tempo sen competir. Queremos refrendar o bo traballo da pretempada cos tres primeiros puntos este domingo. Sendo conscientes da dificultade de enfrontarnos ao rival (Cospeito) que mellor impresión me deixou nos amigables».
SD Guitiriz: Jose Carlos, adestrador: «Esperamos un curso duro e moi competido pero coa ilusión de sempre e de poder desfrutar do que nos gusta»
CD Cospeito: Luis Romay, adestrador: «Somos conscientes que nos tocou comezar contra o que probablemente sexa o gran favorito do noso grupo (Meira). Confiamos no traballo que realizamos durante a pretemporada, do cal, dende o corpo técnico estamos moi satisfeitos».
Luis Romay: «Tocounos comezar contra o que probablemente sexa o gran favorito»

CSD Muimenta: Basi, adestrador: «Co obxectivo de manter a categoría e ao conseguilla, tentar quedar o máis arriba posible. É un grupo moi complicado porque é unha liga moi curta e non hai marxe de erro. Aínda así, co grupo humano de xogadores todo é posible. Estou moi contento coa xente que teño. Para min é un reto poder volver porque cando ascendemos estaba feliz, pero fastidiado porque sabía que non ía seguir».
CD Goiriz: José Manuel Rey Cora, adestrador: «Con ganas e ilusión por volver a competir logo de tanto tempo»
Abadín CF: Marcos Pardeiro, adestrador: «Pese a chegar a marchas forzadas, consideramos que logramos reunir un bo grupo. Case a metade do cadro de xogadores son fichaxes polo que esperamos un inicio de liga duro e de adaptación. Aínda así, esperamos competir todos os partidos dende a primeira xornada».
Fonsagrada Balompé: Nico, adestrador: «Coa máxima ilusión, con moita gana de volver a desfrutar do fútbol. Temos un grupo moi unido e iso é o que nos vai levar a poder competir da mellor maneira cada un dos encontros. Os resultados irannos marcando donde estamos pero con gana, sacrificio e humildade sabemos que lle vamos a poñer as cousas moi difíciles aos rivais».
AD Matela: Ángel Merino, adestrador: «Intentaremos desfrutar dunha temporada ilusionante que coloca outra vez ao Matela en Segunda sen renunciar a nada. Reforzamos o equipo e intentaremos que o noso campo de San Lorenzo sexa un fortín».