Dezanove meses tiveron que pasar desde o último partido de Primeira Autonómica, moito tempo sen ver rodar o balón en boa parte dos campos da nosa provincia, tanto que o ámbito futbolístico lucense agarda este fin de semana como auga de maio.
Por este feito calquer encontro podía ser o noso Partido Fisioterapia Ronda, pero quedámonos co derbi mariñán que enfrontará no Municipal, o domingo ás 16:30 horas a Alfoz e Xove Lago. Arbitrará Marco Antonio Fernández Vázquez.
O conxunto local volve a Primeira Autonómica e faino despois de dous ascensos consecutivos, o último deles con Suso Martínez, actual adestrador, xa no banquiño. Para o retorno do Alfoz ao seu hábitat natural, os branquiverdes renovaron a maior parte dos xogadores que acadaron a fazaña e ficharon futbolistas de contrastada calidade en postos moi específicos. O gardameta Hugo, o central Bouso e o dianteiro Manolo son diferenciais nunha categoría na que o Alfoz buscará permanecer sen pasar excesivos apuros.
O rival dos alfoncenses é outro clásico do fútbol mariñán, aínda que lonxe dos seus tempos de máximo esplendor. Baixas importantes de futbolistas que recalaron en Preferente e varias lesións na pretemporada deixaron aos de Bruno Gómez en cadro para este comezo ligueiro. De tódolos xeitos, o Xove Lago conta con futbolistas experimentados como Trullo, Maikel, Pelayo, Juanjo ou o recén chegado Javi Celes, que xunto a outros en gran progresión como Pedro ou Carlos, xunto cun bo número de canteiráns nos que o club confía cegamente tentarán comezar con bo pe nunha Primeira Autonómica que este ano a Federación Galega dividiu en dous subgrupos formados por dez equipos cada un deles.


O último enfrontamento entre o Alfoz e o Xove Lago no Municipal nesta categoría tivo lugar o 1 de decembro de 2013 e rematou con triunfo visitante por dous goles a tres.
que opinan os protagonistas?
DANI RÍO (CD ALFOZ)

- O comezo. «Temos moitísimas ganas de competir despois de tanto tempo sen facelo. Mantivemos a maioría do grupo e fixemos poucas incorporacións, pero penso que de calidade, así que estou desexando voltar ao Municipal co ambiente de sempre».
- O encontro co Xove Lago. «Agardo un partido bastante pechado, polo menos no seu comezo. É o primeiro oficial despois de máis de ano e medio, así que calquera erro pode condicionar moito. Do Xove Lago pouco que decir que non se saiba xa. É un equipo histórico da comarca con xogadores moi contrastados na categoría. Será difícil pero temos moita ilusión por comezar sumando de tres na casa».
- Obxectivos. «O principal é acadar a permanencia e manter esa unión entre o equipo e o pobo que tan importante foi para voltar a Primeira. Facía moitísimo que non vía a xente tan enganchada a todo o que rodea o fútbol en Alfoz como nestes últimos anos».
MAIKEL (XOVE LAGO)


- O equipo ante o arranque ligueiro. «Chegamos con moita ilusión e gañas de competir, aínda que nos últimos amigables tivemos a mala sorte de que varios xogadores caeron lesionados».
- O Alfoz. «Agardo un partido difícil ante un equipo que se reforzou moi ben e que acaba de acadar o ascenso de categoría. Ten un gran grupo e será un encontro complicado. O que máis me preocupa non é o rival, senón o que nós sexamos capaces de facer, xa que, unha gran parte do equipo é nova e iremos medrando como equipo a medida que competimos xuntos».
- A meta. «O primeiro é facer os puntos posibles para lograr a permanencia o antes posible. Despois seguir competindo e intentar estar o máis arriba na tabla clasificatoria».
a axenda
PREFERENTE
- Residencia – Sarriana (Domingo ás 12 horas na Cheda): derbi provincial no que os de Dani Galán buscarán facer valer o factor cancha ante unha Sarriana que ata o momento se amosa intratable.
- Foz – As Pontes (Domingo ás 17 horas no Martínez Otero): os mariñáns, que afrontaron a súa xornada de descanso, foron quen de gañar os seus dous últimos encontros. Reciben a un As Pontes ferido logo do seu empate no Poboado ante o Santaballés.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
- Taboada – SD Chantada (Domingo ás 18 horas na Medela): un derbi sempre de pronóstico incerto. O cadro local buscará o primeiro triunfo na casa diante do cadro adestrado por Montoto, que se estrea no banquiño dos chantadinos.
- SD Pol – Sporting Pontenova (Domingo ás 17 horas no Manuel Luna): un dos grandes favoritos da categoría recibe no seu feudo a un Sporting que buscará comezar a temporada dando a sorpresa.