Cara e cruz para os nosos nunha xornada na que o Polvorín non puido xogar. Foi un dano colateral do positivo detectado no Somozas, que impediu que ata catro equipos do grupo polo ascenso xogasen (por mor da unificación de horarios da última xornada). A noticia positiva da semana protagonizouna o Viveiro, cunha traballada remontada ante o Pontellas. A negativa, o Rácing Villalbés. Os chairegos pecharon a temporada da forma máis cruel posible.
Sobráronlle dez minutos ao Rácing Villalbés… (2-0).
O cadro de Simón Lamas dixo adeus á temporada no campo do Estradense. Dous goles nos minutos 88 e 94 sentenciaron ao Rácing Villalbés, que competiu de ti a ti no Nuevo Municipal de A Estrada. Os chairegos quedan fóra da pelexa polo ascenso por culpa dos oito únicos minutos nos que estiveron fóra das dúas prazas de play off que existían neste grupo de promoción. O empate valíalle aos vilalbeses, que viron como a tarde se torcía ás primeiras de cambio coa lesión de Santi Gegunde. Aínda así, temporada meritoria dos de Simón Lamas.
O Viveiro remonta e camiña firme cara a permanencia (2-3).
Ata dúas veces tivo que remontar o Viveiro ata o colista. O partido en San Campio 2 foi todo emoción e goles. Xaime igualou antes do descanso, e de penalti, o tanto inicial do Pontellas. Na reanudación, os de Chusky encaixaron un novo golpe. A fe e o cambio de sistema propiciaron o volteo do marcador. Agus empatou de novo cun auténtico golazo. Asier asinou o definitivo 2-3 cun tanto desde a frontal da área. Dous goles case consecutivos e que poñen terra de por medio na pelexa pola salvación.