Fin de semana «histórico» para as nosas guerreiras. Xa non lembrabamos o que era ter competicións femininas en tres categorías distintas con representantes da provincia. Á xa comezada Primeira Galicia e ao Reto Iberdrola do que levamos a falar desde outubro, uniuse este domingo a Segunda Galicia. Porén, o comezo das lucenses na Segunda Galicia foi algo accidentado, como comentaremos de seguido.
Comezamos o repaso semanal do que deu de si a xornada de fútbol feminino!
Reto Iberdrola: o PM Friol saiu da Península Ibérica para medirse ao Collerense balear, colista da categoría. As friolenses, conscientes da importancia do encontro, saíron moi enchufadas e gañaban por 0-2 no minuto 20, e incluso puideron aumentar a súa renda. Porén, foi aí cando as cousas comezaron a torcerse: o rival, que compite moi ben todas as xornadas, protagonizou unha sorprendente remontada. O 1-2 chegou antes do descanso, ao igual que a expulsión dunha das xogadoras visitantes. En superioridade, as baleares deron a volta ao electrónico ao longo da segunda metade para delirio da afición local e desgracia do PM Friol. Co tempo cumplido, o 3-2 quedou no marcador e complica a permanencia do clube da Reigosa.
O PM Friol protestou moito algunha das decisións do colexiado, que foron definitivas ao término dos 90 minutos: fontes do clube aseguran que había falta en ataque no 1-2, que o árbitro «inventou» a expulsión no minuto 30, que evitou un posible gol visitante pitando un fóra de xogo inexistente…


Primeira Galicia: no Subgrupo A, o derbi entre PM Friol «B» e CD Lugo saldouse con victoria do conxunto de Friol (3-1), que se estreaba despois de 13 meses sen xogar. No partido notouse a falta de ritmo dos dous equipos, polo apurado da pretemporada e as circunstancias que nos rodean a todos, pero o PM Friol dominou a maior parte do tempo. Destacou a deportividade de ambos conxuntos, así como a boa atitude de todas as futbolistas dentro e fora do campo.
No Subgrupo B, a SD Antas superou ao Xuventú Aguiño por 0-3, nun choque no que as celestes non abriron a lata ata o minuto 65′, pois o vento en contra co que se toparon as de Melendo na primeira parte dificultou moito o fútbol das lucenses. Xa no segundo tempo, o vento a favor facilitou as cousas para as nosas guerreiras.

Segunda Galicia: O que ía ser unha festa do fútbol lucense tornouse nun pesadelo. O derbi entre ADC Monteforte e SCD Milagrosa, que se disputaba o domingo nos Escolapios, suspendeuse no minuto 9′ de xogo, cando as visitantes mandaban no electrónico por 0-1. O motivo: as de Frigsa non levaban feitos os tests de antíxenos, e, ergo, as participantes estaban a xogar con máscara. En canto a Federación tivo constancia desta desafortunada situación, o partido quedou suspendido. A SG Comercial debutará a próxima semana.
A frase
A indignación do PM Friol coa arbitraxe púxose de manifesto nestas declaracións por parte do clube: «o verdadeiro protagonista foi Iván González González, o árbitro (…). Levamos moitos anos en categorías nacionais: hai partidos nos que os árbitros nos foron favorables e noutros non, e por sorte a maioria das veces as arbitraxes son boas. Por iso non entendemos que lle puido pasar pola cabeza a este home, porque un mal día pode telo calquera, pero foron moitísimos erros claros -e sempre contra o mesmo equipo-. Foi inexplicable.
O mellor
A futbolista Rebeca anotou dous merecidos goles na victoria da SD Antas ante a Xuventú Aguiño.
O peor
O derbi da Segunda Galicia non se puido disputar por mor dunha desafortunada situación. Agardemos que non volva suceder.