#Sin categoría

Jacob Maseda (Viveiro CF): «Quero estar convencido de que estou para xogar»

Ás veces podémoslle botar a culpa a mala sorte. Outras ao destino. Ou simplemente a que a “a vida é así”. O que non debemos é resignarnos. Sempre temos que buscala esperanza. Desta filosofía sabe algo o noso protagonista. Unha vez máis a sombra das lesións volve as pernas de Jacob Maseda Veiga (29-12-1995, Foz). O centrocampista focense rompeu o menisco e o ligamento cruzado hai uns dez días no partido amigable que o Viveiro xogou co Somozas. Xusto no momento no que recuperaba a ilusión. Xusto na tempada que volvía a Terceira.

Futbolinlugo: Como estás?

Jacob Maseda: Animado xa. Aínda que contaba que fora un pouco menos. Pensei que era o menisco. Ademais foi o que me dixeron cando fun ao hospital. Non a tiña moi inchada e non sentía moita inestabilidade. Si que sentín bastante dor no momento, pero estaba convencido de que era o menisco.

Fil: Como foi a xogada?



JM: Intentei cortar un centro. Tocoume un pouco no xeonllo. Creo que foi no aire. Todo o mundo di que é mais complicado no aire, pero foi aí cando notei algo. Non sei se xa estaba predestinada a romper. Foi un golpe moi pequeno. Unha parvada.

Fil: Por onde pasa o proceso de recuperación máis inmediato?

JM: Agora esperando. Teño que ir a unha consulta. Non sei se vai ser para preparar a cirurxía ou xa se vai tratar do preoperatorio. Teño a mentalidade posta en recuperar. Empecei a ir xa a piscina para chegar ben a operación.



Fil: Xa che deu tempo para pensar nos prazos de recuperación?

JM: Non o pensei moito. Nestes casos adoitan ser seis ou sete meses. Pero quero estar convencido de que estou para xogar. Non quero ter ningunha dúbida. Quero ter seguridade.

«Custoume moito dicirlle a Javi Chinchón que marchaba»

Jacob chegou esta atípica tempada ao Viveiro procedente do Foz

Fil: Como te estabas atopando ata ese momento na pretemporada co Viveiro?

JM: Moi ben. Comenteino con algún amigo que tiña unha sensación moi boa. Fisicamente estaba moi ben. E moi contento porque viña de dous anos complicados loitando por non descender co CD Foz. Estaba moi ilusionado. De feito, a lesión foi un pouco máis dura por iso. Estaba feliz adestrando e xogando.



Fil: Entraches ben no vestiario?

JM: A algúns compañeiros xa os coñecía e aos que non sorprendéronme gratamente. Acolléronme moi ben. Agora con isto da lesión todos se preocuparon. Só teño palabras boas.

Fil: Por que tomaches a decisión de fichar no Viveiro?

JM: Non foi fácil porque a Javi Chinchón é unha persoa a que lle teño moito aprecio. Custoume moito dicirlle que marchaba. Pero volver xogar en Terceira e xa sen ser sub 23 era unha oportunidade. Unha opción para volver atoparme como xogador e mellorar. Ademais Chusky mostrou bastante interese. É xente que coñezo e sei como traballa.

Jacob Maseda regresaba a un equipo da Terceira Galega lodo de formar parte do Ribadeo dúas campañas nesta categoría

Fil: Volvías para un proxecto de Terceira. Unha categoría na que xa estiveras…

JM: Acababa de saír da base do Foz e fichei no Ribadeo. Empecei a xogar e cando estaba nun momento moi bo foi cando fastidiara o outro xeonllo…

Fil: Xa van unhas cantas lesións na túa carreira. Apréndese con elas?

JM: Din que de todas as lesións se aprende. Non o sei moi ben. O único do que me din conta é que hai que ter un pouco de coidado. Non se pode ir a destempo. Hai que medir un pouco máis. Non obstante, polo meu estilo de xogo non adoito retroceder. E iso igual me acaba xogando malas pasadas. É complicado que o dea corrixido.

Fil: Como estabas vendo ao Viveiro de preparado para iniciar a tempada?

JM: Non o digo porque o vaia ver algúen en concreto. Pero vinos moi ben. É xente moi nova, pero moi madura futbolisticamente. Sorprendéronme todos os dous primeiros partidos. Estou convencido de que se vai facer unha boa tempada. Polo grupo, o bo ambiente e o fútbol que se quere e se está xogando.

Fil: Cal cres que debe ser o obxectivo do equipo?

JM: Nunca se falou no vestiario. Nin moito menos. Hai que aspirar sempre ao máximo. A medida que se vaia vendo haberá que mirar obxectivos máis alcanzables. Pero de primeiras todos comezan a competir nas mesmas condicións e hai que aspirar a todo o que veña.

«Quizais faltou algo de seriedade e compromiso á hora de adestrar»

Fil: Dicías que viñas de dous anos complicados no Foz. Que cres que fallou?

JM: Creo que fallaron varias cousas, aínda que non sabería dicirche cales en concreto. Quizais faltou un pouco de seriedade e compromiso á hora de adestrar. O que inventou que “se adestra como se xoga” foi por algo. Creo que é certo. A min gústame adestrar o máximo. Tampouco lle recrimino nada a ninguén. Fíxose o máximo que se puido coas condicións que tiñamos e con xente da casa. Estar aí eses dous anos foron méritos máis que outra cousa. Pero sempre se pode dicir algo e mellorar un pouco todos.

Fil: Como vés a viabiliade do proxecto do CD Foz?

JM: Reforzáronse con xente que lles pode vir moi ben como Álvaro, por exemplo. Creo que Javi é unha persoa que lle gusta motivar a xente e, sobre todo, ten moita ilusión. Iso é a base. É un pouco o que nos faltou os anos anteriores. Fómonos desmotivando. Javi é a persoa ideal.

Fil: Non é momento de pensar niso, pero supoño que a casa sempre queda opción de volver…

JM: Nunca se sabe. Nin o pensei. A casa é a casa. Claro que sempre hai opcións de volver. O futuro o dirá. Imaxínome que si. As portas quedaron abertas. Hai máis posibilidades de xogar no Foz ca noutro equipo.

Fil: De aquí a que te volvamos ver xogando, cal vai ser a túa relación co fútbol?

JM: Vou estar intentado dalo todo por recuperarme. Son bastante constante. Intentar seguir cada día. Ir adestrar canto antes. Estar en contacto co grupo e tomar unhas cervexas despois. Parece unha paravada pero dá vida. E ir a case todos os partidos que poda sen dúbida. Como compañeiro é un xesto que hai que ter e non me custa nada.

Jacob Maseda (Viveiro CF): «Quero estar convencido de que estou para xogar»

Diario dun mercado. Episodio 195

Jacob Maseda (Viveiro CF): «Quero estar convencido de que estou para xogar»

Seguinte parada, a Preferente

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *