Prometo que vai ser unha anécdota simpática. Toca remontarse ao remate da época de xuvenís. Saía do Lugo e o típico, tocaba afondar no mercado de fichaxes. Non tiña equipo e había xente chamando. Un deles foi Fiz Rodríguez, actual técnico de scouting do Compostela, que por aquelas adestraba ao Pastoricense.
Telefoneou e miramos de quedar para ver se me incorporaba ao seu conxunto. Quedamos na Bríos, unha cafetería preto do campo do Polvorín. Eu non o coñecía daquelas pero tiña na cabeza unha persoa. Pensaba saber quen era.
Quedamos despois de comer, eu aparecín primeiro. E vin nunha mesa ao que eu recoñecía como Fiz cunha rapaza. E dixen: «Ola boas, que tal? Como estamos?». Collín unha cadeira e sentei con eles. A verdade e que quedaron sorprendidos.
Dixen para min mesmo: «Agardarei a que rematen e irase a moza». Eu esperaba mentres eles se miraban pensando que lerias facía eu alí no medio daquela parella. Chegado o momento, aquela persoa que eu pensaba que era Fiz, espetoume:
-Javi, ti con quen quedache?
–Jod… Fiz, quedei contigo.
-Non son Fiz, eu son Freire (antigo adestrador de base do Polvorín).
Levanteime, sen saber onde meterme, e pedín perdón. Sorte que el me coñecía. Despois xa chegou Fiz e aí quedou a cousa. Co paso dos anos, Fiz e eu recordamos esta anécdota. E rímonos ao facelos como amigos que agora somos. O Fiz de verdade máis eu.
Javi Liz Arias. Porteiro de traxectoria no noso fútbol. Actual gardamallas da Sarriana.