Apenas tres días sen facer a habitual actualización dos movementos no mercado e as novas acumúlanse. Nesta nova edición do Diario dun Mercado, as novidades aparecen en practicamente todas as categorías.

Por exemplo, na Terceira División, o Racing Villalbés anunciou as renovacións de dous dos capitáns, o lateral Diego López e o centrocampista Alberto «Make». A estas renovacións súmanse dous centrais que teñen moito pasado no clube chairego: o canteirán David Vérez e o experimentado Diego Muíña.
Na mesma categoría, un equipo de fóra da provincia que amplía a presenza lucense é o CSD Arzúa, que «arrebata» ao polivalente Brais Prieto ao Ribadeo CF. Tamén no Bergantiños haberá quen represente á provincia, xa que o central monfortino Iago López renova no conxunto de Carballo. Por último, o viveirense Fidi causa baixa no CD As Pontes.
Por outra banda, tamén os clubes da Primeira Galicia prepáranse para un ano complicado: o recén ascendido Portomarín CF asegura a súa portería coa renovación do monterrosino Adrián Méndez e a incorporación de David Díaz «Chumi», dous gardamallas que xa se coñecen ben. Chumi volverá a poñerse as luvas tras dous anos desenvolvéndose como xogador de campo. Ao mesmo tempo, o conxunto do Chao da Poza renovou ao seu segundo adestrador Óscar Pampín e ao recollepelotas Luis Carlos. Tamén na Primeira Galicia, o técnico Fran García abandona o Chantada Atlético.


Unha categoría que chega cargadiña de novidades é a Segunda Galicia. No norte, Insua renova no Celta Barreiros e Labrada será o novo técnico do Meira, mentres que no sur, o adestrador do Río Sil, Juan Diéguez, continuará un ano máis no clube, ao igual que o farán no Brollón os xogadores Hugo, Miguel, Jorge, Manu, David, Javi, César e Casanova e o delegado Richar. O conxunto dos Medos, alén de todas estas renovacións, asina a Pablo (procedente do Lemos «B») e a Joel (que levaba uns anos inactivo), e di adeus ao gardamallas Lucas e a Pablo.
Na Terceira Galicia, os protagonistas son dous filiais. No Grupo Norte, o Friol «B» será dirixido un ano máis por Javi Serén tras a boa labor feita este ano. No Sur, o Lemos «B» incorpora ás súas filas a Álex Arca e Adrián Pérez, procedentes ambos dun dos clubes de base máis prestixiosos da provincia, o CP Calasancio.
Por último, no que atinxe ao fútbol feminino, Vivian Dors continuará á fronte da SG Comercial, que tratará de manter o groso das xogadoras, ademáis de realizar alguna fichaxe para fortalecer ao equipo.

Fran
08th Jun 2020Chantada Atlético ficha a César ex Lemos