Segue sen moverse a pelota. E así continuará por un tempo. Pero o fútbol non deixa de ter espazo na nosa web. Iso si, consideramos que na actualidade debe compartir protagonismo cos verdadeiros heroes do día a día. Por esta mesma razón, durante esta crise sanitaria ofreceremos un serial de xente do noso fútbol que se mantén na competición. Nesa primeira liña de batalla contra o temido Coronavirus COVID-19. Con todos vós, Sanitarios de Ouro. O premio do balompé lucense aos loitadores do ano.
Para abrir esta sección, eliximos dous enfermeiros. Un home e unha muller. Roberto Lens, defensa do Santa Comba, traballa no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Eva Piñeiro, centrocampista do Chantada, desempeña a súa función na área sanitaria de Ourense. Ambos téñeno moi claro: semella moi difícil voltar á competición esta tempada.
FAMILIAR E DEPORTIVO. Roberto Lens
«Lévase o mellor que se pode. Fago cousas que antes, quizais por falta de tempo, non podía facer ou facía menos. Sobre todo, estou aproveitando para estar en familia. Intento cuidarme e seguir facendo deporte. Agora toca iso na casa… Debido ao meu traballo, teño a oportunidade de aportar o meu gran de area ante esta situación que nos toca vivir. Situación que imos superar se todos nos involucramos e cumplimos cos consellos/normas de prevención que nos dan os profesionais. #quédatenacasa».
«A día de hoxe non creo que se poida voltar á competición. Ogallá me equivoque… Agardo que esta situación se resolva pronto e volver facer vida normal».
EVITAR O BUCLE. Eva Piñeiro
«Actualmente estou facendo o EIR (enfermeira interna residente) de saúde mental. No meu día a día procuro seguir unha rutina fora do horario laboral. Fago deporte, toco a pandeireta, estudo, vexo películas ca miña familia e xogamos a diferentes actividades como o trivial ou o tabú. Intentamos estar ocupadas o máximo número de horas e limitámonos a escoitar as noticias unha vez o día para non caer en bucle…».
«Volver á competición non o vexo viable nun tempo. É mellor retomalo en vistas á temporada vindeira. Con isto evitamos contaxios e reinfeccións. O obxectivo fundamental e rematar esta situación co menor número de vítimas posibles e poder voltar á normalidade».