O Trío de Ases da Xornada 23 déixanos dúas derrotas dos nosos equipos de Terceira. O Racing Vilalbés non puido sacar nada positivo do campo do Arzúa e o Polvorín caeu diante do potente Ourense C.F. Na Preferente, o Viveiro gañou no seu retorno a Cantarrana ao Montañeros e o Ribadeo fixo o propio nas Valgas co Laracha. No derbi provincial a Residencia gañoulle ao Foz, mentras que a Sarriana caeu co Dubra e o Lemos co Fisterra, ambos a domicilio.
O Racing Vilalbés perdeu no Viso co Arzúa, unha das revelacións da Terceira (1-0). Logo dunhas xornadas nas que os chairegos estaban en terra de ninguén, a derrota ante o Arzúa deixa ao Racing máis preto dos postos de descenso. O cadro local, adestrado polo lucense Alberto López é a gran revelación da categoría e logo de catro triunfos consecutivos é quinto a só catro puntos do play off. O empate faría xustiza ao visto durante os noventa minutos de partido. Javi Varela tivo a ocasión máis clara para os de Simón Lamas na primeira metade, pero o seu testarazo foi rexeitado polo gardameta arzuán e o pichichi Iker Hurtado viu como o colexiado lle anulaba un tanto preto do descanso. Na segunda metade, Cuadrado nunha gran xogada individual a piques estivo de marcar, pero quen o logrou foi o local Brais, que superou co seus disparo ao debutante na porta chairega Javi Rumbo. Álex Pérez voltou a unha convocatoria logo da súa longa lesión.
O Polvorín mira de preto os postos de descenso logo de perder co Ourense C.F. (2-1). O rival non era o propicio para acadar algo positivo, pero o filial albivermello deu a cara ante un equipo con visos de pelexar polo ascenso. Comezou ben o equipo de José Durán, agardando no seu campo ao rival e saíndo á contra. Álex Rey tivo nas súas botas o tanto pero o seu disparo estrelouse no longueiro. Foi o cadro local quen se adiantou por medio de Adrián Castro que aproveitou un erro na saída de balón para batir a Unai Marino cun bo tiro desde fóra da área. Na seguinte ocasión clara chegou o segundo. Nun saque desde o curruncho, Lamelas puxo terra de por medio. O Ourense quedou cun home menos no minuto 46 logo de ver Cassio a segunda tarxeta amarela e o encontro convertiuse nun monólogo do conxunto lucense. Morais recurtou diferencias a falta de vinte para o final, pero o Polvorín gozou de claras ocasións para empatar. O propio Morais rematou de cabeza desde dentro da área pequena ás mans do porteiro e Chiqui estrelou dous balóns no pao.


O Viveiro retornou a Cantarrana catro xornadas despois e segue coa súa racha triunfal (3-1). Mantense invicto o conxunto de Chusky no seu feudo e logo do triunfo ante o Montañeros mantén trece puntos de vantaxe co terceiro clasificado. Non comezou da mellor maneira o encontro. O cadro coruñés adiantouse cun tanto do vilalbés Hugo Criado tras aproveitar un rexeito do gardameta Rubén. Tiveron que agardar os mariñáns á media hora de xogo para ver a primeira ocasión. E rematou en gol. Arturo recolleu un balón de Gerardo e batiu ao porteiro no man a man. A falta dun minuto para o descanso chegou unha xogada clave do partido. O colexiado ensionoulle o segundo cartón amarelo a Quique Cubas por protestar e na segunda metade o Viveiro fíxose co dominio do partido, aínda que sen atopar o camiño cara o gol. Este non chegou ata o minuto 79. O xuvenil Diego fabricou unha boa xogada en colaboración con Gerardo e Tichu asinou a remontada. Xa co tempo cumprido, Gerardo sentenciou.
Brais deulleo triunfo ao Ribadeo ante o Laracha nas Valgas (1-0). O vento, unha xornada máis, fixo acto de presencia en San Miguel e condicionou un encontro no que os mariñáns foron mellores que o rival, que non inquietaron a Carrera ante os últimos intres cando Iago tentou soprender ao meta local cunha volea desde fóra da área. Diego Hermida puido adiantar ao Ribadeo en dúas ocasións, pero atopouse coa boa resposta do porteiro larachés. O tanto do triunfo chegou a falta dun cuarto de hora para o final. Brais anotou desde os once metros logo dun penalti cometido sobre Aitor.
A Sarriana acusou as baixas e caeu derrotada no campo do Dubra (4-2). Un punto nas dúas últimas xornadas alonxan aos de Xoan Peón da zona de ascenso. Os sarriaos lamentaron as numerosas ausencias e tiveron que completala convocatoria con catro xuvenís. Malia todo, o killer Omar adiantou á Sarriana, pero a ledicia durou pouco. En dez minutos fatídicos, o Dubra anotou tres tantos que puxo en clara vantaxe aos de Adrián Vázquez. Na segunda metade, o ex xogador do Castro, Adrián Iglesias marcou o tanto da sentencia. Xa co tempo cumprido, Mauro recurtou diferencias desde o punto do penalti.

A Residencia segue nun bo momento e gañou o derbi provincial a un Foz que non reacciona (2-0). O debut de Javi Chinchón no banquiño focense non foi o soñado. Torceuse rápido. No minuto sete Róber adiantou ao cadro local cun tiro desde fóra da área tras un saque de esquina. Os mariñáns tentaron a igualada, pero apenas inquietaron a portería de Diego Bravos ao longo de todo o partido. Na segunda metade chegou a sentencia. Róber, o mellor dos de Álvaro Meilán, centrou ao segundo pao e Veloso rematou ao fondo das mallas. A Residencia adianta na clasificación ao Lemos e o Foz segue no derradeiro posto.
Derrota do Lemos na súa visita ao campo dun Fisterra intratable (4-3). Primeira derrota na segunda volta do conxunto monfortino que acusou o forte vento e viu como os locales colleron vantaxe no marcador na primeira metade. Juan de Dora, a pasada temporada no Racing Vilalbés, e Aarón marcaron para o Fisterra na primeira media hora de xogo, pero Pollo deulle esperanzas aos de Edu Rodríguez antes do descanso. Na segunda metade Julián volveu poñer terra de por medio, pero Adrián Díaz meteu ao Lemos no encontro. As individualidades dos locales foron decisivas e Juan de Dora anotou o segundo tanto na súa conta particular. Os monfortinos non baixaron os brazos e Varela anotou o terceiro preto do final. Tentárono ata o pitido final, pero sen éxito.