Foto de portada: Mariluz Fagín
Os primeiros clasificados de cadanseu grupo da Terceira Rexional sumaron tres puntos nos seus respectivos partidos. As excepcións foron o Sporting Lucense que descansou e o Castroverde que regresou ao camiño do triunfo catro xornadas despois. Repasamos a 13ª xornada no Tres en Raia.
Nos postos de ascenso directo do grupo norte mantense o pulso entre a Fonsagrada e a SD Viveiro. Os dous equipos venceron na pasada xornada e suman 33 puntos. O cadro fonsagradino é o que se mantén no máis alto. Venceu pola mínima á Comercial nun encontro igualado. O gardamallas Jorge tivo algunhas paradas de mérito para os seus. A SD Viveiro mantense na segunda posición logo de derrotar ao Rioaveso (conserva a 6ª praza). O conxunto viveirense segue coa boa xeira. Cinco vitorias seguidas.
Tamén están os igualados en puntuación os equipos que ocupan a 3ª e a 4ª praza. O Matela continúa nun gran estado de forma. Pasa polo seu mellor momento da tempada. Acumula cinco vitorias seguidas. A última foi no campo de Aguiar ante o Celeiro. O cadro viveirense aguantou ata os últimos minutos da 1ª metade. Cuarto é o Friol B. O filial non tivo problemas para vencer na casa ao Nausti e sumar a súa cuarta xornada seguida sen perder. Xa a máis distancia, pero na quinta posición, aséntase o Cazás. O conxunto xermadino reencontrouse co triunfo despois de tres xornadas sen conseguilo. Sacou tres puntos importantes da súa visita ao Lugo Unión. Aínda así a 5ª e a 6ª praza semellan as máis abertas e no que a pelexa pode estar moi viva ata o final.
No grupo sur, a Milagrosa aproveitou a xornada de descanso do Sporting Lucense para achegarse ao líder. A diferenza é de un punto entre os dous. O pulso poderá manterse xa ata o final de tempada. Porque os dous equipos descansaron xa as súas xornadas correspondentes. A Mila acumula cinco partidos consecutivos sen perder. A última vitoria foi a domicilio pola mínima ante o Relámpago Taboada. O cadro taboadense non acaba de engancharse a loita polos postos de promoción. Na terceira posición, o Antas agarda os erros dos dous antecesores. Sumou o seu terceiro encontro gañado de xeito seguido. Superou ao Carballedo no Catro Ventos. Tres puntos de mérito ante un Carballedo que se mantén en zona de play-off.
Tamén venceu o Lemos B. O filial monfortino derrotou no Poste ao Rubián no regreso do adestrador Perry a que foi a súa casa nas últimas tempadas. O 5º é o Sober que tamén conseguiu un triunfo fóra da casa. Derrotou ao Monterroso B. O filial de Cerdeiriños conseguiu adiantarse no marcador, pero Martín igualou o gol do empate para os seus. Na zona baixa destacou a vitoria do Castroverde. Volveu gañar catro xornadas despois. E achégase na clasificación o seu rival, o Taboada B. A pelexa por entrar na promoción permanece aberta.