#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O tempo de desconto resultou decisivo para catro conxuntos lucenses

O Trío de Ases da xornada 22 déixanos dous empates na Terceira. O Racing Vilalbés rescatou un punto no último suspiro, mentres que o Polvorín viu como o Choco lle empataba xa co tempo cumprido. Na Preferente, non podemos celebrar ningún triunfo. Lemos e Viveiro empataron no derbi provincial, a Sarriana empatou nun polémico encontro ante o Sofán, o Ribadeo caeu no campo do San Tirso, a Residencia puxo contra as cordas ao Noia non foi quen de puntuar e o Foz prosegue a súa mala xeira logo de perder co Arteixo.

Un tanto de penalti de Cuadrado no desconto impediu a derrota do Racing Vilalbés ante o Somozas (1-1). Encontro igualado entre dous equipos que saíron a pola vitoria, pero que non atoparon o camiño do gol nas moitas chegadas á área rival. Foi lixeiramente superior o Racing na primeira metade, pero foi o Somozas quen se adiantou nada máis voltar de vestiarios por medio de Juanito logo dun saque de curruncho. Tentouno o cadro de Simón Lamas, pero o destino quixo que o empate chegase á heroica. Xa no desconto, o colexiado sinalou penalti sobre Vérez e Cuadrado e o 9 non errou. Os chairegos quedan na metade da táboa sete puntos por enriba do descenso a oito da promoción de ascenso.

O Polvorín igualou na Cheda ante un Choco nun encontro cun final de infarto (1-1). Adiantouse axiña o filial lucense. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora, unha boa asistencia de Álex Rey foi aproveitada por Morais que rematou desde o punto de penalti lonxe do alcance de Cortegoso. Ámbolos equipos quixeron facerse co balón e o encontro trabouse e ningún dos dous conxuntos logrou o seu obxectivo. De tódolos xeitos, as poucas chegadas foron para o Polvorín. Rayco gozou dunha moi boa ocasión de gol logo doutra gran asistencia de Álex Rey. A xogada clave do partido chegou moi preto do descanso. Matías viu o segundo cartón amarelo e os de José Durán tiveron que defendelo resultado cun home menos na segunda metade. Pero lográrono, xa que o Choco apenas xerou perigo. Un penalti moi discutido xa preto do final foi detido por Unai e pouco despois Manu Núñez perdonou o segundo nunha contra. Finalmente, o tanto chegou no momento máis inoportuno. Xa co minuto 93 cumprido, logo dunha xogada con varios centros laterais, David rematou no primeiro pao. O conxunto albivermello mantén tres puntos de marxe sobre os postos de descenso.



Segundo empate consecutivo do Viveiro que non puido co Lemos no derbi provincial (1-1). O conxunto monfortino mantén a súa boa xeira na segunda volta, na que non coñece a derrota e anulou as posibilidades de ataque do Viveiro, que non foi quen de xerar perigo ante a portería de Ramón. O Lemos adiantouse no marcador moi rápido. Aínda non se cumpriran os cinco minutos cando Denis batiu a Rubén, e puido incrementala diferencia no marcador pouco despois o propio atacante monfortino. Rolle, no primeiro acercamento con certo perigo do líder da Preferente, fixo o empate cun disparo axustado ao pao. Marino, preto do descanso puxo a proba a Ramón, pero o gardameta respostou cunha boa parada. Na segunda metade, os de Edu Rodríguez defenderon os ataques dun Viveiro que se lanzou a polo triunfo, pero o bo facer da zaga local evitaron calquera situación de perigo.

A Sarriana empatou na Ribela diante do Sofán nun encontro con catro penaltis (2-2). Ademáis dous expulsados no cadro local: Dani Montes e Javicho. A primeira pena máxima errouna o visitante Raúl Añón, que disparou por enriba da portería. A Sarriana levou o peso do partido, pero sen crear excesivo perigo sobre a portería do Sofán na primeira metade. A ocasión máis clara foi para os de Carballo, nun saque de curruncho que rematou Canedo, pero que Samu sacou baixo paos. Na segunda metade, unha man dun defensor sofanista convertiuse no segundo penalti do encontro. Omar non errou e adiantou aos de Xoan Peón. Cinco minutos despois, Peti detivo de xeito providencial un disparo de Raúl cando xa se cantaba gol. E tan só uns intres despois, chegaría o que parecía a sentencia. Jacobo aproveitou unha contra e fixo o segundo. A falta de vinte minutos para o final, o colexiado interpretou penalti de Dani Montes e viu o segundo cartón. Raúl acertou e recurtou diferencias. A Sarriana meteuse atrás e o Sofán a piques estivo de empatar cun lanzamento ao longueiro. Pero a piques de rematar o tempo de desconto, un novo penalti fixo que chegase o empate.

O Ribadeo pagou o seu mal comezo e perdeu no campo do San Tirso (3-2). En dezasete minutos, o conxunto local xa gañaba por 2-0. Asty cun lanzamento desde a frontal e Álvaro Rey de penalti logo de que Diego Hermida derribara na área a Xian puxeron en clara vantaxe ao San Tirso. Os mariñáns reaccionaron e Brais, logo dun roubo de balón en campo contrario fixo o primeiro. Na segunda metade, Criss foi derribado na área e de novo Brais anotou, desta volta desde o punto de penalti. Sexto gol na temporada para o xogador do Valadouro. Foron os mellores minutos para os de Rafa Casanova. Diego Hermida gozou de dúas ocasións moi claras para darlle a volta ao partido, unha delas rematou co balón no pao. Pero foi o San Tirso quen acertou. Un centro de Álvaro Rey rematouno Manu Ramos no segundo pao.



O bo encontro da Residencia en Noia rematou sen premio para os lucenses (2-1). O conxunto lucense soubo repoñerse aos dous mazazos do Noia en momentos claves do partido. Adrián Quintairos anotou ao pouco do comezo, e nada máis voltar de vestiarios, Hugo fixo o segundo. Os de Álvaro Meilán en ningún momento se deron por vencidos. Héitor e Rasilla tiveron dúas claras ocasión para igualar na primeira metade, pero o balón saiu fóra por escasos centímetros en ámbalas dúas. O tanto da esperanza chegou a falta de vinte minutos para o final. Un disparo de Rasilla desde fóra da área colouse pola escadra da portería de Pajarillo. Volcouse a Residencia na procura do empate e este puido chegar no desconto, no que sería a acción polémica do encontro. Nun córner, Diego Bravos incorporado ao ataque, recolleu o balón na área e o seu disparo bateu na man dun defensor impedindo o tanto, pero a colexiada non o interpretou como penalti.

O Foz segue na súa espiral negativa e perdeu no Martínez Otero ante o Arteixo (0-2). O conxunto adestrado por Gayol xa é colista da Preferente despois de caer de forma xusta ante o Arteixo e o triunfo do Laracha. O encontro na primeira metade resultou igualado, sen moitas ocasións de gol e cos mariñáns tentando levar a iniciativa. Os visitantes melloraron nos últimos compases da primeira metade e mantiveron o ritmo na segunda, xerando ocasións para adiantarse no marcador. Nunha delas, Dani Bea sirviu un bo balón a Pablo Ramos que definiu ante Manu Pardo. Co Foz volcado na procura do empate Rubi fixo o segundo. Dani Chao tivo a máis clara para os locales, pero cruzou o seu disparo en exceso.

Palabra de… Martín Real: «O perigo do

O tempo de desconto resultou decisivo para catro conxuntos lucenses

O partido en imaxes: Burela-Xove Lago (1-1)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *