Dos primeiros clasificados de cadanseu grupo da Terceira, o Fonsagrada foi o único que non conseguiu gañar. Aínda así, mantense no máis alto do grupo norte. No sur, curtáronse xeiras negativas e positivas. Sen cambios na parte alta. Os detalles contámolos no Tres en Raia da 12ª xornada.
O Fonsagrada continúa no máis alto do grupo norte a pesar de só colleitar un punto da súa visita a Fonte onde xogou co Rioaveso. O gol de Silbán de falta significou un punto nos últimos intres. O traballo coral do Rioaveso quedou cun premio menor despois de conseguir adiantarse no marcador. A SD Viveiro aproveitou o resultado do seu antecesor para igualar a puntos co líder. 30 é a cifra que suman os dominadores da zona norte. O conxunto viveirense derrotou ao Nausti no José Luis Parga. Custoulle batir co gol nos primeiros minutos, pero lograron marcharse xa o tempo de lecer con tres tantos de vantaxe.
Á terceira posición regresou o Matela logo de superar na Canteira a un Catro Roldas que sae dos postos de promoción. A chegada dun novo porteiro ao cadro de Román reduciu a sangría de goles encaixados nos últimos partidos. Popi xogou o seu primeiro partido procedente do Roupar. Pero o equipo non se reencontrou co triunfo e acumula cinco xornadas sen gañar. Trigo, Maikel e Torito marcaron cadanseu gol para o Matela. Empatado a puntos co cadro de Outeiro está o Friol B. O filial friolés igualou na súa visita ao Cazás. O Catro Ventos viu un gran gol de Juan de volea dende a frontal da área. Con ese gol, os locais puxeron as táboas no encontro. Rober adiantara antes aos seus. Na zona baixa volveu gañar o Celeiro. Derrotou ao Lugo Unión. Dani Liz foi un dos grandes protagonistas ao marcar os dous goles do choque.


No grupo sur, o Sporting Lucense aproveitou a xornada de descanso da Milagrosa para verse con máis vantaxe no liderado. O cadro adestrado por Lolo superou pola mínima na casa ao Castroverde. Na terceira posición mantense o Antas. O cadro da Ulloa venceu ao Rubián. Méndez foi un dos grandes sobranceiros do encontro. Participou nos tres goles dos seus. Marcou un dobrete e deu un pase de gol.
Logo de dúas xornadas, o Lemos B volveu ao camiño do triunfo. O filial lemista superou ao Relámpago Taboada e colocouse na cuarta posición. Coa expulsión do gardamallas Eloy nos visitantes, Erik tivo que asumir as funcións de porteiro. Catro encontros levaba sen gañar o Sober. E seis vitorias acumulaba o Carballedo. No seu enfrontamento da pasada finde produciuse un cambio de xeira. O conxunto soberino venceu pola mínima ao seu rival e superouno na clasificación. Ambos ocupan postos de promoción. O Taboada B foi un dos grandes triunfadores da xornada. Levaba a peor xeira do grupo tendo en conta as últimas xornadas. Nove encontros sen gañar. A última foi o cinco de outubro. O cadro taboadense gañou no duelo de filiais ante o Monterroso B. Estaban igualados na táboa clasificatoria. Agora o cadro local queda a cinco puntos da promoción.
