O Trío de Ases tráenos un pleno de triunfos na Terceira. O Racing Vilalbés gañou na Madalena ao Silva, mentres que o Polvorín goleou a domicilio ao Pontellas. Na Preferente, a Sarriana gañou o derbi provincial á Residencia e o Foz caeu no Martínez Otero ante o Noia. O resto foron empates. O do Viveiro en Boiro, o Lemos na Pobra do Caramiñal e o Ribadeo nas Valgas ante o Arteixo.
O Racing Vilalbés reencontrouse coa vitoria, e fíxoo pola mínima ante o Silva (1-0). Encontro con máis centrocampismo ca de fútbol nas áreas. Avisou o Silva por medio de Marcos Gómez, pero o seu tiro saiu cruzado. Non tardou o Racing en respostar. Centro de Buyo e Cuadrado rematou picado fóra. Pouco despois chegou o único tanto do encontro. Centro de Ángel e Sito rematou de primeiras dentro da área. O propio Sito gozou doutra ocasión para marcalo segundo antes do descanso. Na segunda metade, o Silva adicouse a colgar balóns e meteu en certos problemas aos chairegos. Sito, o máis destacado dos de Simón Lamas tivo un man a man co porteiro pero non estivo atinado. Debutou Pedro Delgado, a última fichaxe do Racing, no día que Xusto retornou á Madalena coa camisola do Silva.
O Polvorín volveu gañar preto de dous meses despois e fíxoo con goleada ao Pontellas (0-4). Antes do segundo minuto de partido xa marcou o filial albivermello. Chiqui recuperou un balón en campo contrario e sirviu a Morais para batir ao gardameta rival de tiro cruzado. Os locales estiránronse e os de José Durán optaron por un xogo máis directo que propiciou que xogase case sempre en campo contrario. O segundo tanto chegou nun saque desde o curruncho que rematou Rayco. Do mesmo xeito puido chegar o terceiro, cun remate de Nico que saiu lambendo o pao. Logo da reanudación, o Pontellas saiu na procura do gol e o Polvorín aproveitou os espazos á contra. Nunha delas, por banda dereita, Rayco viu a incorporación de Varo que na segunda tentativa logrou o terceiro para os seus. E o cuarto, foi obra de Chiqui logo dunha xogada desta volta por banda esquerda. O Polvorín ten tres puntos de vantaxe sobre os postos de descenso.


O Viveiro mantén as diferencias co Boiro, rival directo polo ascenso, logo de empatar en Barraña (2-2). Un penalti máis que discutido privoulle ao Viveiro de dar un golpe case que definitivo á clasificación. Adiantouse o cadro local antes do primeiro cuarto de hora de partido, cun tanto de Cea, pero antes do descanso reaccionaron os de Chusky cun tanto de Xaime, como non, de falta. Á volta do descanso, o seu irmán deulle a volta ao marcador. Sétimo tanto de Tichu no que vai de temporada. E a catro minutos para o final, Óscar ‘La Magia’ Martínez igualou o encontro desde o punto de penalti, nunha acción moi protestada polos viveirenses.
O Ribadeo empatou nas Valgas ante o Arteixo nun encontro no que mareceu un maior premio (1-1). Encontro condicionado polo forte vente que soprou en San Miguel. Os de Rafa Casanova foron superiores ao seu rival e tiveron ocasións para adiantarse no marcador xa na primeira metade. Luki cun potente disparo desde dentro da área estrelou o balón no longueiro, e Aitor logo dunha xogada individual, disparou fóra por escasos centímetros. Do Arteixo en ataque non houbo noticias, prácticamente ao longo de todo o encontro. Aos cinco minutos da reanudación chegou o tanto local. Unha boa xogada por banda esquerda rematou cun bo pase de Aitor a Luki e o de Friol definiu cun tiro pegado ao pao. O encontro seguiu a mesma dinámica e o cadro visitante apenas buscou a porta defendida por Hugo, agás nun disparo lonxano que o focense enviou a córner. A falta de dez minutos para o final, Sergio recolleu un balón solto na área para facelo empate. O tanto foi protestado polo Ribadeo ao apreciar falta previa sobre Mario.

A Sarriana remontou no derbi provincial e goleou á Residencia (2-5). Poucos presaxiaban un marcador así á media hora de partido. Malia que os de Xoan Peón saíron na procura do gol e estrelaron un balón na madeira ao pouco do comezo. Pero un lanzamento de Lucas desde fóra da área colouse pola escadra de Peti e poucos minutos despois Moha anotou o segundo para a Residencia desde o punto de penalti. Pero surxiu a figura de Omar. A piques de chegar ao descanso, o killer da Sarriana rematou a bocaxarro un saque desde o curruncho. Non lle sentou ben o tanto aos de Álvaro Meilán. Logo do descanso, Jacobo cun lanzamento desde fóra da área igualou o encontro e Omar culminou a remontada tras aproveitar un balón á espalda da defensa que o dianteiro lucense definiu á perfección. E o terceiro na súa conta particular foi dunha factura moi semellante. Xa moi preto do final, Álvaro fixo o quinto.
O Lemos empatou sen goles no campo do Puebla e fixo gala da súa solvencia defensiva (0-0). En poucos encontros ao longo da temporada remataron os monfortinos coa portería a cero. Pero xa van dous consecutivos, o que denota a gran melloría dos de Edu Rodríguez en defensa, o que viña sendo o seu gran problema. Nun econtro igualado e con moito vento, o Lemos foi mellor na primeira metade. Armesto tivo a ocasión máis clara moi preto do descanso, e reclamaron penalti por man dun defensor na área, pero o colexiado non o sinalou. Na segunda metade, o Puebla deu un paso adiante e gozou dun par de ocasións claras por medio de Mella. Gonzalo tivo a mellor para os de Edu Rodríguez, cun tiro que saiu desviado por pouco. Xa no desconto Adrián Díaz foi derribado polo gardameta local, pero tampouco desta volta se sinalou pena máxima. As protestas do técnico monfortino remataron coa expulsión deste.
Nova derrota do Foz no Martínez Otero, desta volta ante o Noia (0-3). Crise de resultados do conxunto de Gayol, que encaixou dez tantos nos dous últimos encontros. Retornou Jacob e Gonzalo ao equipo e plantoulle cara a todo un Noia na primeira metade, gozando incluso de ocasións de gol, pero o acerto do porteiro rival evitou o tanto. Preto do descanso, Adrián Quintairos puxo por diante ao Noia desde o punto de penalti. Na segunda metade, os de Iván Carril foron superiores e Nando fixo o segundo cunha perfecta definición desde dentro da área. O terceiro levou a sinatura outra volta de Nando, que rematou un centro lateral.