A 2ª volta da Terceira Rexional comezou con cambio momentáneo de liderado no grupo norte. O Fonsagrada non xogou o seu partido por incomparecencia do rival, pero o Comité de Competición xa resolveu que lle sexan asignados os tres puntos. O primeiro posto foi ocupado pola SD Viveiro de maneira extraoficial durante estes días. No sur, os primeiros clasificados volveron gañar. Pero a boa xeira segue sendo cousa dun Carballedo que xa é cuarto. A continuación os protagonistas no Tres en Raia da 11ª xornada.
No grupo norte, a SD Viveiro acabou a xornada como primeira clasificada. O cadro viveirense venceu ao Cazás e sumou o terceiro triunfo seguido. O vento fixo acto de presenza no Marcos Gómez. Os locais melloraron despois do descanso. Ademais dos goles a favor, o conxunto preparado por Pablo acumula tres xornadas consecutivas sen encaixar. Marco e David intercambian titularidade. Eles, máis o xogo coral, conseguen que a súa sexa a segunda portería menos batida do grupo. Pola súa banda, o conxunto da Fonsagrada “descansou” esta xornada porque o Nausti non se presentou na Montaña. O cadro vilalbés avisou con anterioridade que non ía presenciarse no encontro. Non obstante, o Comité xa se pronunciou ao respecto. O encontro dáselle por gañado ao Fonsagrada; regresando así o primeiro posto. O Nausti terá que pagar unha multa económica, costear os gastos arbitrais e descontaránselle tres puntos na clasificación. Dáse a circunstancia que o equipo da parroquia de Noche non sumou ningún punto no que vai de liga. Deste xeito ten -3 puntos clasificación.
Non quere perder o fío do ascenso directo o Friol B. O filial friolés derrotou a domicilio ao Celeiro e encabeza a zona de promoción. Aproveitou un rexeite e un penalti para coller vantaxe no marcador. Sete puntos sepárano coa SD Viveiro. Por detrás atópase o Matela que descansou nesta xornada. A igualdade medra na loita pola 5ª e a 6ª praza. Nestes momentos hai catro equipos empatados a 14 puntos. E a festa quérese unir o Lugo Unión. E ten opcións logo de superar ao Catro Roldas (5º). O conxunto de Román está botando en falta a ausencia de porteiro. O mérito para Esteban Carracedo que por segunda semana seguida tocoulle poñerse baixo os paus. O Lugo Unión queda a 3 puntos deses rivais. Esta igualdade quedou patente por exemplo no Comercial 4-3 Rioaveso. O equipo capitalino igualou así na clasificación ao seu rival da pasada fin de semana.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
No grupo sur, o Sporting Lucense e a Milagrosa manteñen a súa pelexa nos dous postos de ascenso directo. Os dous reencontráronse coa vitoria nesta xornada. O cadro adestrado por Lolo derrotou no Anexo de Cerdeiriños a un combativo Monterroso B. Ousmani foi un dos protagonistas con tres goles. A mesma cifra tamén foi a que marcou Anxo. O dianteiro da Milgrosa anotou 3 dos 6 goles cos que o seu equipo venceu a un Lemos B que chegaba ao encontro como terceiro clasificado. Dez puntos separan agora aos dous equipos. Na terceira praza sitúase o Antas. O cadro da Ulloa volveu gañar tres partidos despois. Foi a domicilio ante o Relámpago Taboada.
E quen continúa medrando na clasificación é o Carballedo. O mellor equipo da competición tendo en conta os últimos seis partidos. Porque os últimos seis encontros foron vitorias para os pupilos preparados por Txiki. A última pola mínima ante o Taboada B. Xunto coa do Antas, a portería do Carballedo foi a única que non encaixou goles a pasda finde no grupo sur. Baixo os paus estaba Roberto Osorio «Semente». O Sober empatou no Poste ante o Rubián. Un duelo con 8 goles. Os locais deron batalla. Nos visitantes a responsabilidade goleadora recaeu en Martín; marcou os catro. O empate sérvelle ao conxunto soberino para incrementar nun punto a súa distancia co seu inmediatos perseguidores. E que o Sober ocupa praza de promoción. Cinco puntos sepárano do Relámpago e do Monterroso B.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)