A pasada fin de semana comezaba a segunda volta no Reto Iberdrola, onde o representante lucense, o PM Friol, está a realizar un papel máis que digno. Porén, as de Ángel Villar non comezaron con bo pé a segunda parte da temporada, caendo por 1-0 na casa do Deportivo Alavés. As lucenses mereceron máis, pero a efectividade das vascas decantou a balanza.
Na Primeira Galicia, pola súa banda, o filial do PM Friol continúa nos postos altos da táboa (agora mesmo son cuartas clasificadas) tras superar por 3-1 á SD Villestro na Reigosa. A SD Antas caeu por 6-0 ante o Arcadia nun choque no que as lucenses tan só contaban con 10 futbolistas, ademáis de acusar as importantes Baixas de Nuri, Ángeles e Paula Santiso, tres das pezas máis importantes de todo o cadro de xogadoras.
Na Segunda Galicia, o CD Lugo mantivo a súa xeira de victorias superando 6-0 ao Once Caballeros nun partido moi serio que demostrou que o equipo segue moi metido na pelexa polo título tras o parón navideño. A SD Chantada foi unha das alegrías da semana, xa que venceu 0-5 ao Victoria «C», deixando constancia de que a mellora do equipo é unha realidade. Por último, a Comercial superou por 1-2 ao Carballedo CF nun derbi no que as locais perdoaron demasiado, feito que aproveitaron as visitantes na segunda metade para levarse os tres puntos a Lugo!
En canto ao Fútbol-7, a SD Burela superou 1-0 ao Relámpago de Elviña, mentres que a SCD Milagrosa «B» caeu derrotada (1-0) na casa do Sporting Cambre «B».

